19 de marzo de 2025
O primeiro encontro de presentación terá lugar o sábado 22 de marzo no auditorio do Ágora. Ata mediados de xuño celebraranse diversos Encontros de Barrio para facilitar a recollida das achegas da veciñanza
A alcaldesa, Inés Rey, informou hoxe de que o Concello porá en marcha esta semana o proceso de participación cidadá ligado ao Estudo do Transporte Urbano da Coruña, que permitirá definir o futuro deste servizo municipal.
Rey precisou que, "como explicamos durante o proceso de contratación do estudo, dende o Concello queríamos que contase cunha fase que involucre a toda a cidadanía e aos principais axentes sociais implicados para abordar as diferentes características do servizo actual, así como as principais necesidades das persoas usuarias".
Neste sentido, este martes remitiuse ás diversas asociacións veciñais da Coruña unha carta de convite á presentación dos foros urbanos, acto que terá lugar este sábado 22 de marzo ás 11.30 horas no auditorio do Centro Sociocultural Ágora. A rexedora animou á cidadanía a participar na presentación, "pois será tamén un acto aberto á participación de todos os coruñeses e coruñesas".
A presentación no Ágora levarase a cabo en dúas partes. A primeira, coa explicación do proceso de participación a cargo do equipo técnico para dar a coñecer as claves do estudo. E a segunda, con dinámicas participativas a través dun cuestionario e posterior intervención a micro aberto das persoas asistentes.
"Con esta presentación damos inicio a unha serie de Encontros de Barrio que realizaremos de marzo a xuño, cun total de 11 citas sempre en horario de tarde os martes e xoves co obxectivo de que poda asistir o maior número de persoas posible. O obxectivo é ter, como mínimo, un encontro participativo por distrito, mais queremos favorecer a posibilidade de asistencia da maior poboación posible, atendendo a capacidade e aforo dos centros", razoou Rey, que agregou que o Concello tamén porá en marcha unha campaña informativa para que toda a cidadanía teña información das datas dos encontros previstos entre este mes de marzo e ata mediados de xuño.
Este é o calendario dos Encontros de Barrio:
As persoas interesadas en participar nalgún ou nalgúns dos once Encontros de Barrio programados ata mediados de xuño xa poden formalizar a súa inscrición a través desta ligazón.
Os Encontros de Barrio, un proceso de escoita activa para coa cidadanía
Rey subliñou que "os Encontros de Barrio non son excluíntes. Se unha persoa, por exemplo dos Mallos ou de Elviña, quere participar mais non pode asistir ao encontro asignado ao seu barrio porque traballa, non está na cidade, ou ten algún impedimento persoal ou profesional, poderá facelo en calquera dos outros encontros calendarizados e as súas achegas serán recollidas do mesmo xeito que se fose no seu barrio".
Ademais, haberá un encontro específico para a mocidade no Espazo Xuvenil O Remanso, da man das entidades mozas da cidade así como da Universidade.
"Este será un proceso aberto á cidadanía, aberto ás súas achegas. Será un proceso riguroso e áxil que dé respostas as necesidades actuais e futuras do servizo co obxectivo de licitar e adxudicar o novo contrato. Esta serie de encontros amosan a nosa vontade de implicar a toda A Coruña nun dos principais retos que temos como Goberno -mais tamén como cidade-: a definición do futuro do servizo do transporte público, atendendo á nova realidade da Coruña en termos de mobilidade", explicou a alcaldesa.
Rey lembrou que o avance de intervencións como a construción da estación intermodal, a ampliación do Novo Chuac, a apertura do Porto ou o crecemento do servizo municipal BiciCoruña son cuestións a ter en conta neste proceso, tamén o desenvolvemento urbano que se está a experimentar en barrios como Xuxán e Visma, ou na contorna de polos como a Cidade das TIC.
"O obxectivo é contar cunha imaxe fiel das características da cidade e da súa mobilidade, así como dos cambios previstos. Nese sentido, o proceso participativo complétase con diferentes estudos do transporte e da situación actual do tráfico, toma e análise de datos ou a análise de distintos modelos de transporte urbano. Un traballo serio e rigoroso, co obxectivo de que os coruñeses e as coruñesas dispoñan dun dos mellores transportes públicos e urbanos do país", concluíu a alcaldesa.
Tamén está aberto un buzón electrónico para axilizar a recollida de achegas
Ademais dos Encontros de Barrio, o Concello vén de habilitar tamén un buzón electrónico onde as persoas interesadas en achegar as súas propostas de cara á definición do Estudo do Transporte Urbano da Coruña. O enderezo é participabus@coruna.gal.
Actividades relacionadas
También te puede interesar
10 de abril de 2025
8 de abril de 2025
2 de abril de 2025
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible