4 de abril de 2025
O plan de accións formulado polo Goberno de Inés Rey establece como obxectivo a 20 anos sumar 13.024 novas vivendas públicas
A alcaldesa, Inés Rey, informou hoxe de que o Concello vén de lle solicitar á Xunta de Galicia a declaración da Zona de Mercado Residencial Tensionado na cidade da Coruña, unha medida coa que, tal e como precisou a rexedora, "buscamos reforzar o paquete de accións que temos xa en marcha para facerlle fronte á suba dos custos da vivenda no termo municipal, que están a dificultarlle o acceso a esta a moitas coruñesas e coruñeses".
A adopción desta medida aprobouse esta mañá na Xunta de Goberno Local, despois de que os estudos técnicos encargados polo Concello constatasen que, efectivamente, A Coruña cumpre cos dous criterios específicos que marca a Lei para poder solicitar a declaración de ZMRT.
O concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda, Francisco Díaz Gallego, precisou estes criterios máis polo miúdo: "O primeiro, que o custo da hipoteca ou alugueiro e mais os gastos derivados da vivenda superen o 30% da renda media dos fogares. E o segundo, que o prezo da compra ou do alugueiro experimentase, nos últimos cinco anos, un crecemento un 3% superior ao do IPC". Tal e como expuxo Díaz Gallego, na Coruña danse ambos os criterios nun 50% dos distritos e nun 70% das seccións censuais.
O parque de vivenda pública na Coruña, por debaixo da media do país e da europea
A Coruña conta, a día de hoxe, cun parque residencial de 873 vivendas públicas, das que 450 son municipais e 423, autonómicas. "Quero destacar o feito de que o Concello teña tal cifra, non sendo a vivenda unha competencia propia e non contando a administración local con recursos suficientes para intervir neste ámbito. Se a Xunta tivera investido o suficiente hoxe non estariamos nesta situación", apuntou o concelleiro.
Díaz Gallego precisou que, actualmente, a cidade ten un parque de vivenda pública de 0,35 vivendas por cada 100 habitantes. A media española é de 1,3, e a media europea de 3,2. "Estamos, pois, moi lonxe das necesidades reais da cidade. Para chegar á media europea precisariamos 7.200 vivendas máis, pero nos últimos 15 anos a Xunta só edificou 40. Malia non ter competencias, temos interese e preocupación, e por iso temos xa en marcha un programa a 20 anos vista que terá efectos a medio prazo", explicou o concelleiro.
Este paquete de medidas definido polo Concello inclúe a construción de máis vivenda pública, a creación dun banco de vivenda, axudas á rehabilitación e tamén cambios de normativa e xestión de soares públicos para destinalos a vivenda.
En tres anos, o Concello ten a intención de poder ofrecer 230 vivendas públicas, con 55 xa en construción, "mentres que a Xunta deberá levantar 334 máis outras 120 en solo cedido polo Concello, e o Estado 11 máis en Adelaida Muro. Unha previsión con actuacións xa en marcha que sumaría 695 novas vivendas públicas", dixo Díaz Gallego, que apuntou que, entre a folla de ruta que está sobre a mesa tamén se recolle que a reserva de solo para vivenda protexida pase do actual 30% en solo urbanizable, ao 40%, e do 10% en solo urbano non consolidado, ao 20%.
Coas medidas xa postas en marcha, o Concello conta con ter en seis anos 370 vivendas públicas máis, 120 en Xuxán e 250 en Visma, mentres se facilita que a Xunta constrúa outras 520 nese período. Ademais, os desenvolvementos urbanos achegarán tamén vivenda en VPO, coas previstas en Visma, Oza e Someso, entre outros polígonos.
"O obxectivo a 20 anos é sumar 13.024 novas vivendas públicas, algo que se pode facer mediante promoción directa ou ben con novas fórmulas como as que xa ten en marcha este concello mediante concursos públicos en parcelas municipais. Facilitar que o solo destinado a equipamento e dotación poida servir para residencial protexido axudará tamén a conseguir o noso obxectivo de lles ofrecermos a prezos razoables vivendas ás persoas", concluíu Díaz Gallego.
7 de febreiro de 2025
31 de xaneiro de 2025
31 de xaneiro de 2025
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible