Concello da Coruña

Concello da Coruña

Conscientes da necesidade de seguir os intensos cambios e as transformacións sociais do presente, o Concello da Coruña formúlase un novo fito nos servizos integrados que pon a disposición da cidadanía creando un centro que responda ás necesidades de hoxe e dun futuro próximo.

Un centro como o Ágora tense que adiantar na posta en marcha de servizos e actividades de todo tipo que lles axuden aos diferentes sectores sociais e grupos de poboación a progresar en todos os niveis da vida individual e comunitaria. Para iso poñemos en mans da cidadanía un modelo de institución que explorará e investigará as diferentes opcións e oportunidades que tanto as tecnoloxías da información e a comunicación ou os dispositivos de xestión e circulación de coñecemento como as diversificadas prácticas culturais actuais pon á nosa disposición para avanzar na construción dunha sociedade concienciada, cívica e dinámica propia do século XXI.

Con ese obxectivo esforzámonos en promover o acceso universal —coas mesmas oportunidades para todos e todas— ao coñecemento artístico e social ou á creación e divulgación de información científica e técnica, incluíndo iniciativas participativas. A capacidade universal de acceder e contribuír á información, ás ideas e ao coñecemento é un elemento indispensable para construír unha sociedade avanzada centrada na persoa, integradora e orientada ao desenvolvemento, na que todos poidan crear, consultar, utilizar e compartir a información e o coñecemento. Para que toda a cidadanía poida empregar plenamente as posibilidades da cultura na promoción do desenvolvemento sustentable e na mellora da calidade de vida nace o Centro Ágora co obxectivo de crear un equipamento integrado e interxeracional que dea respostas efectivas ás demandas sociais dos nosos días.

A educación, a información e a comunicación son esenciais para o progreso, a iniciativa e o benestar dos seres humanos. É máis, todas elas teñen inmensas repercusións en practicamente todos os aspectos das nosas vidas. O rápido avance na creación e difusión do coñecemento brinda oportunidades sen precedentes para alcanzar niveis máis elevados dun desenvolvemento que ha repercutir beneficiosamente en toda a cidadanía e plasmarse en novas oportunidades persoais, lúdicas, laborais, relacionais e convivenciais.

E todo iso ha formularse dende a pluralidade de opcións co fin de dar cabida a todas as sensibilidades. A diversidade cultural é patrimonio común da humanidade e unha sociedade afanada en valores cívicos debe fundarse no recoñecemento e respecto da identidade cultural, a diversidade cultural e lingüística, as tradicións e as relixións, ademais de promover un diálogo entre as culturas e as civilizacións.

Ao construír unha sociedade aberta en pleno século XXI habemos satisfacer as demandas de todos os sectores sociais, pero en especial as dos grupos marxinados e vulnerables da sociedade, en particular os migrantes, as persoas internamente desprazadas e os refuxiados, os desempregados, os desfavorecidos, as minorías e as poboacións nómades. Recoñeceremos, por outra banda, as necesidades especiais de persoas de idade e as persoas con discapacidades que encontrarán no Centro Ágora unha atención especial con servizos accesibles e programas innovadores.

Toda persoa ten deberes respecto da comunidade, posto que só no seu seo pode desenvolver libre e plenamente a súa personalidade. Por iso, no exercicio dos seus dereitos e no goce das súas liberdades, toda persoa debe participar na vida pública de variadas maneiras. Os gobernos, do mesmo xeito que o sector privado, a sociedade civil, as empresas e as diferentes organizacións e asociacións de todo tipo teñen tamén unha función e unha responsabilidade importantes no desenvolvemento da sociedade. É por iso que o encontro e a participación cidadá nas diferentes actividades da programación e recursos do equipamento é unha das fórmulas para construír ese espazo e ámbito públicos que son constitutivos do Centro Ágora como unha praza aberta para o diálogo e o encontro.

Así, dende Ágora estamos a construír ese espazo e ese dominio público co fin de crear vectores esenciais para o crecemento e progreso da sociedade, xa que pode xerar vantaxes múltiples tales como un público instruído, novos empregos a través da innovación e o avance das ciencias e ata oportunidades comerciais.

Desta forma, o Centro Ágora asume unha actitude afirmativa e propositiva dende o principio, ben presentándose como un elemento máis dos que van conformar unha nova centralidade coruñesa, ben expoñéndose como un novo horizonte e un novo modelo no traballo social, ben programándose como un espazo transformador que á vez que pluraliza as opcións do lecer, o coñecemento e o saber impúlsaas para convertelas en armas efectivas para o progreso social en todas as súas expresións.

Enlaces relacionados

Descargas relacionadas

  • Folleto Presentación do Centro Ágora (793 KB)
  • Ónde está o Ágora (195 KB)
  • Cómo chegar ao Ágora en coche ou bus urbano (66 KB)
  • Chegar ao Ágora con Google Earth (262 KB)

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión