3 de xuño de 2019
O cartel da celebración está realizado polo autor coruñés Manel Cráneo, seguindo a liña de impulsar e recoñecer o traballo dos e das artistas da cidade, e representa a historia da cidade e a mitoloxía da noite de San Xoán
O Goberno local presentou esta mañá a programación cultural e a estratexia de promoción turística da festa de San Xoán, que iniciará as actividades o vindeiro 17 de xuño con obradoiros e espectáculos dirixidos a un público familiar que se estenderán polos barrios da cidade e que culminarán con concertos na explanada de Riazor na noite de San Xoán. "Regresa esta festividade popular, espontánea, tradicional e que ten tanto predicamento entre a poboación", introduciu o concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, que estivo acompañado polo edil de Emprego e Economía Social e responsable da área de Turismo, Alberto Lema; a xerente do Consorcio de Turismo, Lanzada Calatayud. O cartel das festas deste ano está asinado por Manel Cráneo, quen tamén estivo presente no acto, seguindo a liña do Goberno local de impulsar a autores locais "aproveitando o absoluto esplendor creativo e artístico do sector gráfico e a ilustración na nosa cidade".
Pola súa banda, Calatayud expuxo o labor realizado dende o Consorcio de Turismo para a difusión desta festa de Interese Turístico Internacional, que contará con materias de promoción en inglés e campañas específicas, tanto online como en papel, en medios nacionais e especializados en turismo, así como nun buscador de voos e nas canles de difusión de Vueling. A xerente explicou que a cidade concentrará nas últimas semanas do mes de xuño e comezos de xullo varios eventos que atraerán moitos visitantes á cidade como son a propia festa de San Xoán, o Iberian Mice Fórum -o encontro profesional de congresos máis importante do Estado- e as actividades de celebración do décimo aniversario da proclamación da Torre de Hércules como Patrimonio da Humanidade da Unesco, das que avanzou que haberá unha proxección sobre a torre e un concerto de Mercedes Peón.
Programación
A noite do 23 de xuño terá lugar xunto ao Pazo dos Deportes de Riazor unha nova edición do festival Sons de San Xoán. Nesta ocasión a cita musical contará coa participación da banda galega Novedades Carminha, que actuará a partir das 22.00 horas e, despois da queima e dos fogos de artificio, contra ás 00.15 horas, comezará o concerto da Orquesta Mondragón.
A programación municipal vinculada á celebración do San Xoán incluirá, un ano máis, actividades dirixidas a público de todas as idades a través da Ruada das Xoubas, unha proposta que inclúe 14 espectáculos de artes escénicas de compañías galegas e 12 obradoiros infantís para a realización de xoubas de cartón e, na mañá do día 23, un de herbas de San Xoán. Tal e como é habitual nas iniciativas promovidas desde a Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento, a programación descentralizarase co obxectivo de achegar a actividade a 13 barrios da cidade: Sagrada Familia, Monelos, Palavea, Agra do Orzán, Santa Margarida, Barrio das Flores, Novo Mesoiro, Os Rosais, Cidade Vella, San Pedro de Visma, Castrillón, O Ensanche e Monte Alto. En cada xornada entre os días 17 e 22 haberá, en dúas localizacións, dous obradoiros, que comezarán ás 18.00 horas, e dúas actuacións, que terán lugar a continuación, ás 19.00 horas.
Pola contra, os días 23 e 24 a programación centralizarase unicamente no Campo da Leña. O domingo celebrarase en horario matutino, cun obradoiro de herbas ás 12.30 horas e o concerto de Revival Stompers desde as 13.00 horas. O propio día festivo de San Xoán, a partir das 18.00 horas, a praza acollerá xogos populares. A continuación, ás 19.00 horas, actuará Pakolas e ás 20.00 horas Títeres Tanxarina ofrecerá o espectáculo Titiricircus. A sesión vespertina acompañarase dun pasacalles de Revival Stompers.
Cartel
O cartel está asinado polo autor coruñés Manel Cráneo, que amosou o seu agradecemento polo encargo da imaxe para as festas de San Xoán, que cualificou "dunha gran ledicia e dunha gran responsabilidade" porque, dixo, é unha das festas "máis potentes de toda España". O cartel representa A Coruña como unha muller, "unha serea saída do mar, unha cidade de orixe mariñeira", cunha lumeirada como cabelo. Trátase, segundo destacou, dun cartel "moi místico" que inclúe moitos elementos da noite de San Xoán e que "conta tres historias, dúas nos brazos e outra no tronco da serea".
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible