21 de maio de 2017
O concelleiro Alberto Lema lamenta a “profunda intolerancia” contra o contido dunha iniciativa “que mostra a historia das persoas que loitaron a prol dos dereitos laborais nesta cidade”
O Goberno local quere amosar a súa condena ante os actos vandálicos perpetrados no día de hoxe sobre a exposición a ceo aberto A forza necesaria, a mostra impulsada pola Concellería de Emprego e Economía Social que foi inaugurada o pasado Primeiro de Maio polo alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, e o edil, Alberto Lema, e que repasa a traxectoria histórica da cidade da Coruña na defensa dos dereitos laborais, o sindicalismo e o movemento obreiro. A mostra, que se estrutura en taboleiros de gran formato impresos sobre madeira, apareceu esta mañá inzada de pintadas feitas con spray de cor negra. O concelleiro de Emprego lamentou "un ataque que demostra unha profunda intolerancia dalgúns sectores contra o contido da exposición pedagóxica" e condenou "este e todos os ataques contra a liberdade de expresión e a memoria histórica". "A forza necesaria ten, como finalidade, que veciñanza coñeza que foi quen loitou, ao longo da historia, polos dereitos laborais na Coruña", explicou o responsable municipal, quen lembra que o traballo "fai unha revisión de 100 anos de historia do sindicalismo coruñés e recolle as distintas tradicións obreiras".
"Desde o Goberno local da Coruña temos un fondo compromiso coa memoria histórica e, por suposto, concordamos con render homenaxe ás persoas que loitaron por facer desta unha cidade e unha sociedade mellor, que loitaron polos dereitos que, a día de hoxe, van quedando", afirmou Lema, que engadiu: "Os feitos falan por si mesmos. Os ataques de hoxe demostran quen é realmente incapaz de valorar o pasado e o presente desde o diálogo e unha actitude razoable". O responsable da área de Emprego tamén avanzou que a Policía Local "xa está a traballar na investigación dos feitos, co obxectivo de dar coas persoas culpables deste ataque".
A exhibición sobre o movemento obreiro na Coruña, que se trasladou esta semana a praza da Fábrica de Tabacos, divídese en cinco capítulos a través dunha selección de 150 imaxes que proceden de distintos arquivos públicos, como o Arquivo Municipal da Coruña, do Reino de Galicia, da Real Academia Galega, o Arquivo Histórico Universitario da USC e a Biblioteca Universitaria de Santiago de Compostela.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible