Con máis dun cento de espazos de titularidade municipal, o Plan marcará a folla de ruta a seguir a curto, medio e longo prazo para atender as necesidades futuras da Coruña en materia de equipamentos e disciplinas deportivas
22 de novembro de 2024
O Concello sacará a concurso nos vindeiros días o contrato necesario para redactar o novo Plan Director de Instalacións e Equipamentos Deportivos, unha medida coa que o Goberno de Inés Rey busca adecuar e mellorar os espazos deportivos de titularidade municipal e tamén establecer a folla de ruta que determine as futuras necesidades da cidade neste eido, co foco posto especialmente nos barrios.
O Concello ostenta a titularidade de máis dun cento de instalacións deportivas. Isto supón, en termos prácticos, que é o encargado do seu mantemento e coidados, tamén da súa renovación ou ampliación en función de cada caso. Entre os equipamentos municipais están a Cidade Deportiva de Riazor, co palacio e a piscina municipal, tamén os da Cidade Deportiva da Torre-Arsenio Iglesias, entre outros. A estes espazos súmanse, por exemplo, os campos de fútbol da Leyma, Eirís e pavillóns polideportivos como os do Barrio das Flores, Labañou, Os Rosales e Novo Mesoiro, entre moitos máis equipamentos como as pistas polideportivas da Sagrada Familia e o parque de San Diego.
Neste sentido, e xa con Inés Rey á fronte da alcaldía da Coruña, foise ampliando a dotación existente coa apertura do complexo deportivo municipal do Castrillón, a do skatepark e a pista multideporte da praza José Toubes, e tamén a da pista de patinaxe de Novo Mesoiro. "E xa estamos a dar os pasos necesarios para que Os Rosales e A Silva teñan, a medio prazo, dúas novas pistas multideporte", lembrou a rexedora, que apuntou tamén ás melloras de accesibilidade previstas na Cidade Deportiva da Torre e ás que se levarán a cabo na Leyma, onde tamén se cambiará o céspede artificial e se renovará o sistema de rego. Ambas intervencións foron aprobadas recentemente a Xunta de Goberno Local.
A alcaldesa expuxo que a saída a licitación da redacción do Plan Director de Instalacións e Equipamentos Deportivos "sustenta o noso obxectivo de establecer as pautas a seguir a curto, medio e longo prazo para atender tanto as necesidades da veciñanza como as do tecido asociativo e dos clubs da cidade no eido deportivo".
O Plan, que se desenvolverá en 16 meses, implicará á cidadanía e tecido asociativo
Os pregos do contrato de redacción do Plan establecen que, unha vez que se adxudique, a súa elaboración deberá levarse a cabo nun prazo de 16 meses como máximo.
Con esta medida, o Goberno municipal busca, en termos xerais, distribuír equilibradamente os equipamentos deportivos en todos os barrios da cidade, aproveitar os espazos naturais existentes na Coruña para fomentar a práctica do deporte e os hábitos saudables e tamén completar a rede de instalacións existentes, atendendo as necesidades específicas de cada distrito.
A redacción do Plan inclúe catro fases diferenciadas. Na inicial está previsto executar unha diagnose da rede municipal de instalacións deportivas e tamén das actividades que se levan a cabo nas Escolas Deportivas Municipais (EDM), con propostas de mellora xa sobre a mesa. Na fase intermedia, que iría xa a continuación, abrirase un proceso de participación cidadá no que se contará coas propostas e achegas das asembleas de distrito, das federacións, clubs e asociacións deportivas, e tamén das asociacións veciñais.
"Como pasa en todos os eidos, as demandas da cidadanía en materia deportiva tamén van mudando, avanzando. Isto ten un impacto directo no referente aos equipamentos e, a maiores, na atención a novas disciplinas ou deportes que antes eran máis minoritarios e xa non o son tanto. Mais ademais, é moi importante reforzar o noso traballo en clave de igualdade, e tanto o deporte feminino como o deporte adaptado terán un protagonismo fundamental tanto na redacción do Plan como na súa futura aplicación", explicou a alcaldesa.
Cómpre destacar que, tamén na fase intermedia para a redacción do Plan, executarase un estudo de hábitos deportivos entre a poboación.
Como xa é habitual, tras este proceso emitirase o borrador do Plan Director para a súa posterior saída a exposición pública para atender as posibles alegacións.
27/12/2024
28/12/2024
28/12/2024
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible