O Concello da Coruña ten como finalidade fomentar a maior participación posible da cidadanía na vida política, social, económica, cultural e deportiva, xa sexa por si mesma ou por medio de representantes.
O Consello Municipal do Deporte (CMD) créase como un órgano colexiado de participación cidadá sectorial no ámbito deportivo e con carácter consultivo. Está concibido como un espazo para asesorar, informar, debater, estudar, propoñer e traballar en rede, e ten como obxectivo achegarlles as políticas deportivas municipais ás entidades deportivas da cidade, colectivos, veciñanza, nais e pais, institucións e demais persoas ou organismos que se vexan afectadas dalgunha forma polas políticas públicas deportivas.
O Consello Municipal do Deporte da Coruña é un órgano de participación do tecido deportivo coruñés que pretende servir de espazo de encontro, relación e consenso sectorial. Canaliza a implicación de todos os seus membros e coñece as súas demandas e intereses, co fin de lograr a universalización do dereito da cidadanía ao exercicio físico, ao movemento e ao deporte, sen atrancos nin discriminación de ningún tipo.
A continuación exponse un extracto das normas de funcionamento, que se poderán descargar no documento anexo no pé da páxina, publicado no BOP A Coruña nº 22, do 3 de febreiro de 2021.
Consello Municipal do Deporte - Valores e finalidades
O CMD, na súa organización e funcionamento, atende sempre aos seguintes valores:
a. A igualdade entre mulleres e homes e a aplicación do adecuado tratamento de xénero.
b. A defensa da transparencia, información e bo goberno das entidades deportivas.
c. A aposta por un deporte educativo, sen violencia, sostible, saudable, seguro, inclusivo e respectuoso co medio ambiente.
d. O compromiso de impulsar a transformación dixital do sistema deportivo de ámbito local.
O CMD terá como finalidades:
a) Elaborar ditames sobre aqueles asuntos que sexan sometidos á súa consideración.
b) Promover a participación cidadá a través das entidades deportivas, canalizando as demandas do sector. Os seus ditames ten carácter consultivo e, por tanto, non serán vinculantes para a corporación municipal.
c) Asesorar e expoñer, cando así llo solicite a concellería con competencias en materia deportiva, sobre programas e actuacións no ámbito do deporte: construción e renovación das instalacións deportivas municipais, concesión de axudas económicas e bolsas para deportistas, realización e consolidación de eventos deportivos, diálogo sobre a descentralización da oferta deportiva para conseguir a cohesión dos barrios a través dela e fomento do uso do espazo público para a práctica da actividade física e o deporte.
d) Colaborar coa concellería con competencias en materia deportiva, cando así se lle solicite, na elaboración e posterior actualización do Plan estratéxico do deporte coruñés.
e) Analizar, debater e valorar as iniciativas que sometan á súa consideración.
f) Expoñer propostas propias do seu ámbito de actuación para sometelas á consideración da concellería con competencias en materia deportiva.
g) Realizar as consultas que considere oportunas relativas á actividade deportiva da cidade, así como someter ao Pleno do CMD aquelas consultas que lle solicite expresamente a concellería con competencias en materia deportiva.
h) Reflexionar sobre a creación de atractivos turísticos relacionados co deporte.
i) As demais finalidades que lle encomende o Concello da Coruña e que teñan que ver coa natureza xurídica do propio Consello.
Composición e órganos de funcionamento do CMD
O CMD estará composto por:
Presidencia: está presidido pola persoa titular da Alcaldía da cidade da Coruña, que poderá delegar as súas funcións.
Vicepresidencia primeira: a persoa titular da concellería con competencias en materia deportiva no Concello da Coruña.
Vicepresidencia segunda: estará formada por unha persoa de recoñecido prestixio no ámbito deportivo da cidade da Coruña. Esta persoa será nomeada directamente pola Presidencia.
Vogais:
- O director ou directora de área do Concello da Coruña que teña asignadas as competencias en materia deportiva.
- Unha concelleira ou concelleira en representación de cada un dos grupos municipais presentes no Pleno do Concello.
- Unha persoa representante da Universidade da Coruña.
- Unha persoa representante da Deputación da Coruña.
- Unha persoa representante da Xunta de Galicia.
- Unha persoa representante da Autoridade Portuaria.
- Unha persoa representante da Delegación de Costas en Galicia.
- Unha persoa representante da Fundación EMALCSA.
- Unha persoa representante de cada un dos clubs deportivos da cidade da Coruña que estean debidamente inscritos no Rexistro Municipal de Asociacións Coruñesas (REMAC).
- Unha persoa representante de cada unha das Sociedades Anónimas Deportivas da cidade da Coruña.
- Dúas persoas representantes da Unión de Federacións Deportivas Galegas.
- Unha persoa representante de cada unha das entidades sociais e/ou de carácter asistencial da cidade da Coruña que teñan por obxecto primordial a práctica continuada dunha ou varias modalidades deportivas dentro dos seus programas habituais de terapia, fomento da vida saudable, inclusión, normalización social e igualdade.
- Unha persoa representante da Federación de ANPAS da cidade da Coruña.
- Unha persoa representante do Colexio Oficial de Licenciados en Educación Física de Galicia.
- As demais persoas que decida convidar a persoa titular da Alcaldía para que formen parte do Consello Municipal do Deporte.
O Consello contará ademais cunha Secretaría.
As persoas que forman parte do CMD, no exercicio das súas funcións, actuarán con plena autonomía e independencia.
As entidades, clubs, asociacións e organizacións presentes no CMD designarán as persoas que as representen, así como as persoas que deban suplilas en caso de ausencia, vacante, enfermidade ou por outra causa xustificada.
As asistencias ao Consello Municipal do Deporte, así como a calquera dos seus órganos, non darán dereito a percibir ningún tipo de retribución ou axuda de custo e farase con carácter totalmente altruísta.
Órganos de funcionamento do Consello Municipal do Deporte
Para o seu funcionamento, o CMD estará formado polos seguintes órganos:
a) Presidencia
b) Vicepresidencias
c) Pleno
d) Comisión permanente
e) Comisións ou grupos de traballo
f) Secretaría
Comisión permanente 2023 /2027
Na seguinte ligazón poderá consultar todas as entidades con representación cuxos vogais forman parte da comisión permanente durante o período 2023/2027
Constitución e duración do CMD
Para constituír o CMD, a persoa titular da Alcaldía enviaralle unha invitación a cada unha das persoas e entidades que poden formar parte del co fin de que comuniquen, se así o consideran oportuno, que persoa terá a condición de vogal durante o período de vixencia do CMD, así como a súa suplente.
A Secretaría do CMD comprobará que as persoas cumpren cos requisitos necesarios para ostentar a condición de vogal, e daralle traslado á Comisión Permanente e, se non houbese, á Presidencia.
Despois de recibir todas as aceptacións para formar parte do CMD, a Secretaría elaborará unha listaxe coas persoas que forman parte do devandito Consello, tanto as titulares como as suplentes.
Dentro do prazo de dous meses desde que entren en vigor estas normas específicas de funcionamento do CMD publicadas no Boletín Oficial da Provincia da Coruña, realizarase a sesión plenaria constitutiva do consello.
* No caso de que durante dous anos consecutivos non se consiga alcanzar un quórum suficiente para constituír o Pleno do Consello Municipal de Deportes, a persoa titular da Alcaldía da cidade da Coruña, logo do previo informe da persoa titular da concellería competente en materia deportiva, poderá suprimilo motivadamente.
Duración do Consello Municipal do Deporte
O Consello Municipal do Deporte terá a mesma duración que a Corporación Municipal.
As persoas que forman parte do CMD cesarán o mesmo día que se constitúa unha nova Corporación. Por tanto, o período máximo de duración do Consello será de catro anos, salvo no primeiro ano de creación que durará o tempo que reste ata que se renove a Corporación.
Documentos relacionados
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible