28 de xaneiro de 2025
Unha exposición fotográfica que convida a reflexionar sobre a crise climática e ambiental
A mostra está formada por 34 imaxes da criosfera, a porción da superficie terrestre cuxa auga está conxelada, tomadas entre 2014 e 2020 polo recoñecido fotoperiodista español Fernando Moleres.
Contén espectaculares fotografías de rexións xeadas como Groenlandia, cuxa masa de xeo cobre o 85% da súa superficie e que, como nos explican, se se derretese por completo provocaría unha subida do nivel do mar de 7 metros. Tamén hai fotografías das persoas habitantes das zonas xeadas, como a dun pescador abrindo ocos no mar xeado, unha práctica cada vez máis perigosa ao ser a capa de xeo cada vez menos espesa, ou dos cans de Groenlandia, unha das razas máis antigas do mundo e fundamental para a vida dos poboadores daquelas terras, expostos á degradación do seu hábitat. Ademais, móstranse imaxes impactantes doutras latitudes, como a área glaciar do Ródano, nos Alpes, cuberta por lonas téxtiles para evitar o seu derretemento, ou das covas de xeo azul no glaciar Vatnajokull, en Islandia, que se forman cando o quecemento da superficie do glaciar no verán forma ríos que se introducen no seu interior e percorren a súa base.
O conxunto das 34 imaxes da exposición articúlase arredor de tres eixes a través dos que se describe a emerxencia climática como un dos maiores desafíos da humanidade, convidando a reflexionar sobre cuestións relacionadas cun mundo que se está perdendo a consecuencia do quecemento global.
En primeiro lugar, abórdase a relevancia do Ártico. Os científicos chámanlle ao Ártico o chivato do clima, por ser a zona planetaria máis sensible ao aumento da temperatura, xa que se quenta o dobre de rápido que o resto da Terra. O actual aumento da temperatura reduciu a superficie de xeo estival do Ártico un 35% respecto de 1979, cando comezou a medirse. A gran masa de xeo ártico reflicte a enerxía solar (un 80%) ao espazo e fai que a temperatura do aire e da auga do Polo norte se manteñan estables e frías. Pero unha vez que empeza a derreterse, o océano absorbe moita máis enerxía solar e a temperatura da auga ascende de forma súbita. Este quecemento do Ártico aféctalles ás correntes oceánicas que regulan o clima mundial.
Un segundo conxunto de imaxes aborda os glaciares. O xeo é o único material que preserva o aire fosilizado. Nas rexións polares e alpinas acumulouse xeo capa sobre capa ao longo de centos de miles de anos. Os investigadores perfórano en profundidade e obteñen longos cilindros nos que se aprecian franxas que se corresponden co xeo acumulado cada ano, e que conteñen burbullas de aire, isótopos de osíxeno, aerosois de orixe volcánica, humana etc. A determinación da composición destas burbullas milenarias proporciona datos históricos moi exactos do clima.
Por último, as fotografías que mostran a pegada do desxeo. O cambio climático está a acabar cos últimos glaciares de España. No noso país perdéronse xa máis do 80% dos glaciares pirenaicos e para 2030 desaparecerían irreversiblemente. Segundo o persoal científico, o máis probable, polo menos a curto prazo, é o derrubamento da capa de xeo do oeste da Antártida. Nos últimos 50 anos, as augas que hai arredor dela quentáronse 2,5 graos, e os derretementos de grandes glaciares aumentaron espectacularmente, o que ameaza con importantes subidas dos niveis do mar a escala mundial, entre 4,5 e 6 metros.
Aquarium Finisterrae. Paseo Alcalde Francisco Vázquez 34. 15002 A Coruña
28 de xaneiro de 2025
Unha exposición fotográfica que convida a reflexionar sobre a crise climática e ambiental
18 de decembro de 2024
Este Nadal a Casa das Ciencias conmemora con esta proxección o quinto aniversario da súa designación
10 de decembro de 2024
Alumnado, profesorado e familias da escola infantil elaboraron os adornos con materiais respectuosos coa natureza
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible