A inmensa maioría dos microorganismos que nos habitan son beneficiosos
Nos últimos meses -por desgraza-, aprendemos moito sobre o coronavirus SARS-CoV-2: que ten un tamaño nanométrico (unha millonésima parte dun milímetro), que o seu material xenético é ARN, que se multiplica utilizando as nosas células, que xera a enfermidade sen vacina COVID-19... Quizais nunca antes dedicaramos tanta atención a algo tan minúsculo, pero o certo é que só en cada centímetro cadrado da nosa pel viven máis dun millón de microorganismos entre virus, bacterias, fungos..., aos que no seu conxunto chamamos microbiota humana.
En todo o corpo hai dez veces máis microbios que células humanas, nunha persoa de setenta quilos dous corresponden a microorganismos. Estamos ateigados de seres microscópicos. A boa nova é que na súa inmensa maioría son beneficiosos. Especialmente, as comunidades bacterianas que habitan nunha persoa cumpren funcións positivas para a saúde. Entre elas, axudar a controlar poboacións doutros microorganismos patóxenos, que si causan enfermidades.
Microbioma
A tarefa de identificar todos os microorganismos que transportamos non é sinxela. Para recoñecelos hai que diferenciar o ADN dos microbios do humano. O Proxecto Microbioma Humano (HMP, polas súas siglas en inglés) ten o obxectivo de «describir as comunidades microbianas atopadas en diferentes partes do corpo e estudar as correlacións entre os cambios no microbioma e a saúde das persoas», segundo explican na súa web.
O chamado microbioma é o conxunto de todos os xenes da microbiota que vive no noso corpo. Xa coñecemos máis de cinco millóns deses xenes, que están mesturados cos nosos. Un catálogo que comprende o material xenético de microbios atopados en diferentes partes do corpo de 242 persoas voluntarias (129 homes e 113 mulleres).
O persoal investigador chámalles «comensais» aos microbios benignos, para diferencialos dos patóxenos. Por exemplo, algúns destes comensais aliméntanse das secrecións das células da epiderme, e producen unha capa que evita que a pel se grete. Así, complican que algúns patóxenos se coen polas gretas da nosa pel.
Únicos
As colonias dos microbios benignos achegan máis xenes que o noso propio xenoma. O ADN dun humano ten uns 22.000 xenes funcionais, mentres que o microbioma contribúe con 8.000.000 de xenes, unhas 360 veces máis. Todo comeza ao nacer, cando adquirimos unha comunidade microbiana ao saír do ventre materno, que nos acompañará para sempre. Cambia connosco ao adaptarse ao desenvolvemento do noso corpo e ás nosas condicións de humidade, temperatura, alimentación e tamén aos medicamentos que tomamos.
A composición do microbioma é particular de cada persoa, de igual forma que o xenoma é único para cada unha.
29 de xuño de 2024
Do 1 de xullo ao 31 de agosto a Casa das Ciencias, a Domus e o Aquarium Finisterrae abrirán de 10.00 h a 20.00 h, con último acceso ás 19.00 h no Aquarium e ás 19.30 h na Casa das Ciencias e Domus.
30 de maio de 2024
A estrea terá lugar o venres 31 de maio ás 18.00 horas, e incorpórase á carteleira para partir do sábado 1 de xuño.
29 de maio de 2024
O 5 de xuño presentarase un selo conmemorativo e unha exposición filatélica sobre temas mariños. O sábado 8 de xuño realizarase unha xornada de portas abertas, con reserva previa de entradas.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible