Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

16 de xullo de 2024

As mellores fotografías da natureza volven ao Aquarium Finisterrae este verán

«Fotografías da natureza 2024» contén as imaxes premiadas na última edición de European Wildlife Photographer of the Year.

O Aquarium Finisterrae presenta a exposición «Fotografías da natureza 2024», que contén as imaxes premiadas na última edición de European Wildlife Photographer of the Year, un dos concursos de fotografía de natureza máis prestixiosos do mundo, organizado pola Sociedade Alemá de Fotografía de Natureza (GDT), e que ten como obxectivo incrementar entre o público a conciencia e o interese por preservar o medio.

O gañador absoluto desta edición é o fotógrafo español Javier Aznar González de Rueda, pola súa imaxe titulada «Coidado maternal». O autor describe así a fotografía:

"Na área protexida máis grande de Ecuador, o Parque Nacional Yasuní, puiden seguir durante máis de dúas semanas o maternal comportamento das chinches do cacao (Antiteuchus tripterus). A femia coidaba da súa posta de ovos nunha rama. Este comportamento foi reportado noutras especies de chinches. Co tempo, para a miña sorpresa, descubrín que esta nai non só protexía os ovos, senón tamén as crías recentemente eclosionadas, polo menos ata que mudaron de pel por primeira vez. O coidado maternal serve para aumentar significativamente as posibilidades de supervivencia das crías, xa que nas selvas tropicais de Ecuador non só hai numerosos depredadores, senón tamén parasitoides, como as avispas parásitas. É un ecosistema altamente complexo no que innumerables organismos están interconectados".

A exposición contén un total de 86 fotografías que inclúen a mellor fotografía de cada categoría e mencións de honra e finalistas, distribuídas en nove seccións: Aves, Mamíferos, Outros animais, Mundo submarino, Eloxio das plantas, Paisaxes, O ser humano e a natureza, Forma e composición e Novos fotógrafos.

O concurso European Wildlife Photographer of the Year conta con xurado de primeiro nivel, altos estándares de selección, unha postura clara contra a manipulación de imaxes dixitais e un sistema de avaliación ben fundamentado para o xurado, aspectos todos eles que contribúen á excelente reputación deste concurso. O certame tamén é coñecido por estar aberto a unha ampla gama de temas de fotografía de natureza e novas tecnoloxías, así como por promover a innovación, a creatividade e a coraxe de explorar composicións inusuais.

Nesta edición presentáronse 18.000 imaxes de fotógrafos e fotógrafas procedentes de 42 países. Delas, resultaron premiadas nalgunha das categorías un total de 18 instantáneas de fotógrafos españois, destacando, ademais do gañador absoluto, o premio a Alberto Román Gómez, mellor novo fotógrafo do ano na categoría de 14 ou menos anos.

Enderezo:

Aquarium Finisterrae. Paseo Alcalde Francisco Vázquez 34. 15002 A Coruña

Novidades

Noticias

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión