10 de setembro de 2024
Xa está aberto o sistema de solicitude de reservas para as visitas de grupos escolares á Casa das Ciencias, Domus e Aquarium Finisterrae.
Un curso máis os Museos Científicos Coruñeses poñen en marcha o programa de visitas de grupos escolares á Casa das Ciencias, Domus e Aquarium Finisterrae. Neste curso 2024-2025 a proposta inclúe un conxunto de exposicións, obradoiros, proxeccións e actividades especialmente deseñado para grupos de todos os niveis educativos co obxectivo de que sirva como complemento e apoio ao traballo na aula.
Na Casa das Ciencias o recentemente renovado sistema de proxección do planetario permitirá gozar de sesións para coñecer a noite estrelada, viaxar polo Sistema Solar ou explorar as profundidades do universo. Nas plantas de exposicións, decenas de módulos interactivos convidan a experimentar con fenómenos relacionados coa luz, o son, a cor, os péndulos ou a astronomía.
A Domus, ademais das súas exposicións interactivas sobre xenética, nutrición, evolución e mente humanas, ofrece unha ampla proposta de talleres no Laboratorio Aberto e a sala maker@domus, para experimentar por exemplo coa técnica da PCR, participar na síntese dun novo fármaco para o Parkinson, asistir a unha disección de corazón, ou realizar algún dos obradoiros nos que se convida a construír tecnoloxía con materiais sinxelos nas claves da cultura maker.
No Aquarium Finisterrae os grupos escolares poden solicitar unha visita libre aos seus espazos expositivos ou complementala con algún dos talleres e itinerarios que ofrece dirixidos a grupos de diferentes niveis educativos, con temáticas como a biodiversidade, as cambios ambientais que están a sufrir os océanos, os variados procesos de reprodución das especies mariñas, ou a bioloxía das quenllas e o seu estado de conservación.
Ademais, o Aquarium Finisterrae convida os centros que o desexen a enviar as preguntas que realice o alumnado na aula sobre a crise ambiental no océano. O profesorado que aborde este tema na aula e envíe as preguntas do seu alumnado será obsequiado cun póster didáctico que recolle algunhas das preguntas máis "indiscretas" que nos fixeron nas visitas ás instalacións do Aquarium Finisterrae.
Os grupos escolares gozan de tarifas reducidas para o acceso aos Museos Científicos. No caso dos centros do municipio da Coruña a entrada é gratuíta.
A información completa, o procedemento para solicitar unha visita e o formulario de solicitude están dispoñibles nesta ligazón.
6 de novembro de 2024
Este singular exemplar foi cedido pola Asociación de Amigos da Casa das Ciencias para a súa exhibición na sala Nautilus
4 de novembro de 2024
Para visitar o Aquarium hai que reservar entradas con antelación, así como para asistir ás sesións de Planetario da fin de semana
4 de outubro de 2024
Xa se pode visitar na planta baixa do museo a nova instalación, na que cada día nacerán algo menos dunha decena de crías de galiña
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible