26 de decembro de 2023
Está formada por 15 imaxes que mostran todas as ras, sapos, tritóns e píntegas que habitan na natureza galega.
A exposición, producida polo Aquarium Finisterrae-Concello da Coruña, atópase no corredor López Seoane, un espazo que quere lembrar o naturalista galego máis importante do século XIX, quen precisamente describiu para a ciencia dous dos anfibios galegos: a ra galaica, Rana parvipalmata, e a ra verde, Pelophylax perezi.
A exposición contén 15 imaxes que inclúen todas as ras, sapos, tritóns e salamántigas que habitan na natureza galega. Xunto ás imaxes expóñense algunhas das características biolóxicas destas especies así como outros aspectos curiosos do seu comportamento e ecoloxía. Poderemos coñecer o caso do sapo de esporóns (Pelobates cultripes) que habita en exclusiva en zonas de substratos areosos, como as dunas costeiras e as súas marismas. A urbanización do litoral que altera e fragmenta os ecosistemas dunares fai que esta especie de anfibio sexa a máis escasa de Galicia, onde está considerada en perigo de extinción.
Outra especie realmente curiosa é a ra das figueiras ou ra de Santo Antón (Hyla molleri). Os machos presentan un gran saco vocal que empregan para emitir fortes cantos tratando de atraer as femias para reproducírense. As femias seleccionarán aqueles machos de maior tamaño capaces de producir cantos máis intensos. Ademais, este xénero de ras presenta unhas adaptacións nos dedos que lles permiten adherirse a superficies lisas, o que fai desta especie o único anfibio semiarborícola de Galicia.
E polo interese biolóxico poderiamos destacar tamén a saramaganta ou salamántiga rabilonga (Chioglossa lusitanica). É, sen dúbida, un dos anfibios máis singulares que podemos atopar en exclusiva no noroeste da Península Ibérica. Recibe o seu nome pola esaxerada lonxitude da súa cola, da que pode desprenderse como o fai unha lagarta cando se atopa en perigo. É ademais a última representante do seu xénero e sobreviviu na nosa rexión dende as últimas glaciacións, hai máis de 20.000 anos.
Os anfibios son o grupo de vertebrados máis ameazado do planeta. Preto do 42% das especies coñecidas contan con algunha categoría de ameaza. Das 14 especies presentes en Galicia, 8 contan con algún grao de ameaza a nivel rexional. A destrución dos seus hábitats, o uso de produtos fitosanitarios ou a aparición de enfermidades emerxentes están a levar estas especies ao bordo da extinción.
O autor
As imaxes da exposición foron realizadas polo biólogo Ismael Puente. Nacido na Coruña, estudou bioloxía na Universidade da Coruña onde comezou a traballar no estudo e na conservación dos anfibios e réptiles de Galicia. Actualmente traballa nos Museos Científicos Coruñeses e colabora coa Universidade da Coruña e o Centro de Investigación en Biodiversidade e Recursos Xenéticos (CIBIO) no estudo da bioloxía e conservación da herpetofauna galega.
Aquarium Finisterrae. Paseo Alcalde Francisco Vázquez 34. 15002 A Coruña
6 de novembro de 2024
Este singular exemplar foi cedido pola Asociación de Amigos da Casa das Ciencias para a súa exhibición na sala Nautilus
4 de novembro de 2024
Para visitar o Aquarium hai que reservar entradas con antelación, así como para asistir ás sesións de Planetario da fin de semana
4 de outubro de 2024
Xa se pode visitar na planta baixa do museo a nova instalación, na que cada día nacerán algo menos dunha decena de crías de galiña
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible