Concello da Coruña

Concello da Coruña

Ruta Picasso

En outubro de 1891, a familia Ruíz Picasso chega á cidade da Coruña procedente de Málaga. Pablo está a piques de cumprir 10 anos e vén seguindo ao cabeza de familia, José, que obtivo praza de profesor na Escola Provincial de Belas Artes da Coruña, situada moi preto da rúa Pai Gómez 14-2º, onde se instalan os andaluces.

O neno estuda durante tres cursos ensino secundario, con notas discretas, e durante outros tantos na escola de artes, con cualificacións extraordinarias.

A Coruña será ademais a cidade na que terá o seu primeiro contacto co amor (coas irmás Méndez Gil) e coa morte da súa irmá Conchita, na que nacerá a súa conciencia política ligada ao republicanismo do seu mecenas Costales e na que exporá por primeira vez. O traslado do seu pai á escola de Barcelona supón o adeus da familia á urbe en abril de 1895.

Á cidade coruñesa chegou un neno, e dela marcha un pintor. Nunca volverá, mais sempre conservará o recordo da súa estadía: "É a cidade na que espertaron os meus sentidos, e iso é algo que nin o tempo nin a distancia poden borrar", dixo moitos anos despois da súa marcha.

Un neno xenial

Picasso cultiva o seu talento pictórico na Escola de Belas Artes coruñesa baixo a tutela do seu pai -e doutros mestres como o coruñés Román Navarro e o santiagués Isidoro Brocos- e acaba realizando dúas exposicións en dous escaparates da rúa Real.

Tras a primeira delas, o crítico do Diario de Galicia compararao con Giotto, mentres o de "La Voz de Galicia" lanzará un certeiro prognóstico: "Continúe desa maneira e non dubide que alcanzará días de gloria e un porvir brillante". Na Coruña nacerán temáticas que desenvolverá durante toda a súa vida, como a bélica que alcanza o cume "Guernica", os esmoleiros aos que volverá na súa soada etapa azul, as mulleres cos pés descalzos, os faunos ou os mosqueteiros.

A Coruña, no selecto club de urbes picassianas

Picasso viu a súa primeira luz en Málaga, pero é na Coruña onde nace o pintor. O seu paso posterior por Barcelona e Madrid é un paso previo á súa primeira visista a Francia, onde transcorrerá a maior parte da súa vida.

Málaga, Barcelona, París e Antibes contan hoxe en día cos catro maiores museos dedicados ao pintor no mundo, mentres que o Reina Sofía de Madrid expón, entre outras obras, o monumental "Guernica". A Coruña, coa súa Casa-museo Picasso, colabora na difusión da obra e vida do considerado maior artista do século XX.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Iniciar sesión