Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cociña Atlántica

É innegable que A Coruña, como cidade galega que é, presume de ser un destino favorito para os apaixonados do bo comer, para foodies e gourmets. A calidade e a frescura da súa materia prima é de sobra coñecida.

Na cociña tradicional atoparás desde un estupendo caldo galego, a carne asada coas súas pataquiñas, a tortilla ao estilo Betanzos, o cocido, os pementos ou o lacón con grelos, este último moi típico do Entroido. E non nos esquezamos da empanada! De incontables variedades e un exquisito manxar.

Os mariscos e peixes son outras das nosas excelencias, cocidos, á prancha, en caldeirada ou en múltiples preparacións. A listaxe é interminable: ameixas, percebes, mexillóns, ostras, nécoras, lagostinos, lumbrigantes, camaróns, vieiras, luras, robaliza, pescada, mero, rodaballo, rape, ollomol, bonito, bacallau, sardiñas.... Prato estrela é o polbo, de carne tenra mais firme, co seu puntiño de sal, o seu aceite de oliva e o seu pemento. Só ou acompañado con cachelos (pataca cocida).

Para os carnívoros a carne de vacún é a protagonista, a tenreira galega, da que xorden centos de receitas; o porco, moi presente na cociña popular; e tamén o cabrito, os galos de curral e o pito. E en tempada moitos restaurantes ofrecen nas súas cartas pratos de todo tipo de caza maior, como corzo, veado e xabaril; propostas con cogomelos, castañas, ou con lamprea, ese peixe de aspecto monstruoso, de longos cociñados, e que os padais máis refinados devoran.

Non só peixes e carnes

Pratos acompañados en moitas ocasións de magníficos legumes e verduras, e regados con viños Albariños, Ribeiros ou unha refrescante cervexa local.

Os pans merecen unha mención aparte. De cortiza tostada, faragulla esponxosa e elaboración artesá. Con variedade de texturas, sabores e formas.

E en cuestión de sobremesas, as filloas, o leite frito, a torta de améndoa ou as típicas cañas de masa frita recheas de crema, son habituais do receitario popular. E que queixos! Como o de Teto, o de San Simón ou o de Arzúa, que tomados con marmelo son un auténtico pracer.

Comidas e ceas que finalizan con sobremesas nas que sairán a relucir os augardentes e licores, de herbas e licor café.

A nova cociña coruñesa

Alén da cociña máis tradicional, súmanse propostas contemporáneas e innovadoras, que reinventan a tradición sen perder a súa esencia.

A Coruña pisa con forza no panorama culinario de vangarda con chefs que sorprenden e compracen a críticos gastronómicos, con cociñas de corte moderno e excelente técnica, nas que xoga un papel fundamental o produtor local, a materia prima de proximidade e a honestidade nas elaboracións. Unha evolución respectuosa coas súas orixes, reflexo do presente e o futuro da mellor cociña galega.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Iniciar sesión