Concello da Coruña

Concello da Coruña

Mercados de abastos, unha visita imprescindible

Ao atravesar a porta o noso olfacto comunícanos que o produto que atoparemos aquí é fresco. Falamos dos mercados de abastos, dos que hai varios na cidade, e nos que sobresaen os dous máis impresionantes pola cantidade de produto e a súa arquitectura, o mercado da praza de Lugo e o de San Agustín. Unha sensación parecida vivirémola tamén cando visitemos os mercados máis de barrio, como son os de Monte Alto, Elviña, As Conchiñas, Santa Lucía ou Durmideiras.

O de praza Lugo é sen dúbida o máis turístico, situado nunha das principais zonas comerciais da cidade, e un dos máis famosos de España especialmente polos seus peixes e mariscos. No seu exterior sitúanse todo tipo de tendas de moda e complementos así como negocios de restauración.

Moi visitado tamén é o de San Agustín, que coa súa espectacular cuberta parabólica, converteuse en todo un símbolo da modernidade nos anos 30. Os profesionais da arquitectura non dubidan en cualificalo como o "Guggenheim" galego da época.

Neles, praceiras e praceiros que destacan pola súa simpatía, desenvoltura e amor polo equipo da cidade, o Deportivo, non dubidarán en aconsellarche en como preparar o seu produto da mellor maneira.

Cando visitas A Coruña unha parada obrigada é pasar por algún destes mercados. Atoparás unha grandísima variedade de peixes e mariscos desembarcados poucas horas antes na Lonxa coruñesa e verás moitas especies das que nunca oíches falar.

Ademais, tamén atoparás moitos postos de carnes, queixos, hortalizas ou froitas cos mellores produtos da horta e a gandería galega e de proximidade da cidade.

Déixate levar polo sentido do gusto, e garda un oco na túa maleta para levar de volta algún dos marabillosos produtos que atoparás nos Mercados Coruñeses.

Mercados Coruñeses

Visita a web dos  mercados coruñeses

Visita os Mercados Coruñeses

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Iniciar sesión