Concello da Coruña

Concello da Coruña

A tradición das tapas (e a sesión vermú)

Hai un plan que nunca falla e que sempre apetece, e é ir de tapas. Ese magnífico costume de querer probar moitas opcións en pequenos bocados, de local en local e en boa compaña, e que na Coruña ten a unha grande aliada.

O culto á tapa practícase en cada barrio e é un dos manxares máis típicos da nosa gastronomía, presente tanto en modernos establecementos como en bares de toda a vida.

Esta arraigada tradición do tapeo alcanza a súa máxima expresión no outono, coa posta en marcha do Concurso de Tapas Picadillo, o máis antigo de Galicia. Cada ano decenas de establecementos coruñeses compiten e mostran as súas mellores creacións, tanto tradicionais como creativas, co produto galego e de proximidade como protagonista. Unha oportunidade única para saborear as propostas máis clásicas xunto con outras dotadas dunha boa dose de imaxinación e nas que, ademais dos ingredientes de sempre, hai lugar para escumas, novas técnicas ou fusións.

Mais se hai algo que se goza excesivamente na Coruña é o momento do aperitivo cada fin de semana. Que en terraza sabe a olivas e patacas fritidas Bonilla, sempre Bonilla, exquisitas e toda unha institución na cidade. E que na súa versión máis clásica sabe a vermú vermello, branco, ou mesturado, a cervexa ou a un bo viño, e a tapas de callos, ensalada rusa ou tortilla. Aínda que tampouco faltan as croquetas, os guisados, embutidos e queixos. En moitas ocasións de cortesía, gratuítas, servidas como acompañamento da bebida.

Nos vermús impóñense cada vez máis os artesáns galegos como Petroni, Lodeiros ou Nordesía; en cuestión de cervexas non pode faltar a coruñesa Estrella Galicia, e en canto ao viño calquera das D.O. galegas achegan a maridaxe perfecta.

Longas e animadas sesións vermú que abren o apetito e que moitas veces amenízanse con música en directo de bandas e artistas locais.

As tradicionais rúas dos viños

Elas son o corazón da cidade. Lembra ben os seus nomes porque na túa visita á Coruña pasarás moito tempo nelas: rúa da Estrela, rúa Olmos, rúa Galera e rúa da Barreira, sen esquecernos da Franxa ou Torreiro, e chegando mesmo á praza da Leña, conforman o núcleo gastronómico herculino.

Nelas atoparás unha infinidade de bares, tabernas, vinotecas e restaurantes nos que tomar un branco ou un tinto, ou tamén un vermú ou cervexa combinados sempre de tapas, racións e pratos para facer gozar o padal.

A tarde-noite das fins de semana ou as mañás de domingos atoparás nestas rúas un ambiente dos que alegran unha viaxe (e a vida).

  • Tapas

  • Que che parece esta sección?

    -101-101-101

    Síguenos en

    Iniciar sesión