O porto da Coruña é, historicamente, o punto de entrada por mar de peregrinas e peregrinos procedentes do norte de Europa. O Camiño Inglés constitúe un itinerario de características únicas, cun percorrido que parte desde o balcón do Atlántico e que se interna na comarca coruñesa ata acadar a catedral de Santiago de Compostela.
A peregrinación cara a Santiago ten a súa raíz nos anos vinte do século IX, momento no que se descobre o sepulcro do apóstolo no que máis tarde se conformaría como a cidade de Compostela. Poucas décadas despois, comeza a establecerse ata aquí un fluxo de persoas viaxeiras procedentes de todo o continente europeo que emprenden un camiño de fe.
Unha porcentaxe relevante do tráfico xacobeo realizaba parte do seu traxecto por mar. O porto da Coruña consolídase co paso dos séculos como o punto de referencia para o desembarco de peregrinos. A ruta, dada a procedencia maioritaria de viaxeiros/as, asumiu o nome de Camiño Inglés.
Un dos principais divulgadores deste itinerario foi o peregrino inglés William Wey. Fundador do prestixioso Eton College de Windsor, Wey describe a cidade no ano 1456 como punto de confluencia de naves chegadas de Inglaterra, "Gales, Irlanda, Normandía, Francia, Bretaña e outros lugares". A Coruña era, por tanto, porta de entrada marítima para centos de camiñantes, cun ambiente cosmopolita e cunha gran cantidade de servizos a disposición das persoas viaxeiras.
A Coruña para os peregrinos
O Camiño cara a Santiago desde A Coruña, se vas a pé ou en bicicleta, comeza na igrexa de Santiago, en pleno centro histórico da cidade. Se chegas en barco, guiarate a luz do faro da Torre de Hércules. É o punto máis visible e recoñecible da cidade, sobre todo á súa chegada por mar. Logo do desembarco no porto do Parrote, o percorrido detense nunha multitude de monumentos imperdibles. Desde a porta da Cruz, pasando polas ruínas do convento de San Francisco ou a praza de María Pita, as paradas son obrigatorias.
Os primeiros pasos transcorren a través do istmo coruñés, atravesando o paseo da Mariña, baixo a atenta ollada dos Cantóns e o murmurio dos xardíns de Méndez Núñez. Ao pasar a praza de Ourense, o/a peregrino/a debe continuar ata Catro Camiños. O traxecto, urbano ata este punto, comeza a amosar grandes vistas panorámicas da natureza coruñesa na subida pola avenida de Monelos en dirección a Eirís.
En total, o Camiño Inglés percorre 6,8 quilómetros polo municipio da Coruña. A ruta no noso territorio remata ao internarse no Portádego, Culleredo, con 68 quilómetros restantes ata Santiago de Compostela.
Despois da Coruña, o percorrido comeza a afastarse paulatinamente da costa, non sen antes percorrer o paseo marítimo do Burgo, en Culleredo. A partir de aí, o camiño continúa por Alvedro e entra na parroquia de Sigrás, xa en Cambre. Este sendeiro, que circula a través de pontes medievais como a da Xira e está abrigado por varias igrexas románicas, localízase entre os dominios de Carral, Abegondo e Ordes, con final no lugar de Bruma, municipio de Mesía.
Esta primeira etapa, aínda que alcanza os 33 quilómetros, pódese dividir en diferentes tramos. Conta con albergues en Sergude (Carral), 20 quilómetros despois do inicio, e en Bruma, onde finaliza esta primeira fase do percorrido.
A seguinte etapa decorre entre Bruma e Sigüeiro, no concello de Oroso. Partindo desde o alto da capela de Bruma, onde se conservan restos dun antigo hospital de peregrinos, o itinerario volve introducirse en Ordes, a través dunhas paisaxes onde non faltan os muíños e carreiros acochados entre árbores autóctonas. Ao chegar a Sigüeiro, súmanse outros 24 quilómetros ao Camiño. Quedan pouco máis de 16 ata Santiago de Compostela.
Desde as beiras do río Tambre, fonte de riqueza cultural e gastronómica de Sigüeiro, a ruta entra xa nos termos municipais de Santiago. Atravesando os núcleos de Marantes e A Lameira, e a paisaxe transfórmase ao entrar na zona urbana da cidade. Todos os percorridos xacobeos, con centos de peregrinos/as ao día, conflúen na espectacular praza do Obradoiro, que descansa aos pés da catedral de Santiago.
Etapas do Camiño Inglés desde A Coruña
LONXITUDE: 73.7 Km
DIFICULTADE: Media
ETAPAS |
TRAMOS |
DISTANCIA |
CONCELLOS |
A Coruña - Bruma (32,4 KM) |
A Coruña- O Burgo |
9,8 Km |
A CORUÑA |
O Burgo- Ponte da Xira |
3,7 Km |
CULLEREDO |
|
Ponte da Xira- Sergude |
6,5 Km |
CAMBRE |
|
Sergude- Sarandós |
3,2 Km |
CARRAL |
|
Sarandós- Bruma |
9,2 Km |
ABEGONDO |
|
Bruma - Sigüeiro (24,2 KM) |
Bruma- A Calle |
11,7 Km |
MESÍA |
A Calle- Sigüeiro |
12,5 Km |
ORDES |
|
Sigüeiro - Santiago (16,1 KM) |
Sigüeiro- A Barciela |
0,7 Km |
OROSO |
A Barciela- Santiago |
15,4 Km |
SANTIAGO |