Concello da Coruña

Concello da Coruña

Camiño por mar

Desde o século XIII eran moitos os que optaban por facer a romaxe do Camiño por mar. Entre aqueles que se botaban a navegar, a maioría chegaba de Inglaterra, dando nome á ruta: Camiño Inglés, a única ruta xacobea en Europa por mar.

A tradición vencella tamén ao apóstolo coas rutas marítimas. Os discípulos do propio Santiago o Maior trouxeron o seu corpo nunha nave para enterralo en Galicia, considerada polos romanos como o fin do mundo.

A unión entre o mar e o Camiño esténdese ata o propio símbolo da romaxe, a cuncha da vieira, que protexe e acolle aos peregrinos. Esta imaxe pódese observar tamén no escudo da Coruña, no que sete vieiras arrodean a Torre de Hércules.

A igrexa de Santiago e a de San Xurxo

Unha vez chegados a porto, a primeira parada era a igrexa de Santiago Apóstolo, situada xunto ao Parrote. Esta é a máis antiga da cidade, construída no século XII con afáns xacobeos por orde do Rei Alfonso IX. Alí os romeiros abrazaban a imaxe do apóstolo, aliviados ao conseguir chegar a terra firme.

Con todo, en época medieval moitos dos romeiros ingleses escollían comezar a ruta na igrexa de San Xurxo, localizada no espazo que hoxe en día ocupa o Teatro Rosalía. O motivo era que San Xurxo era o patrón de Inglaterra.

De romeiros a inimigos

No século XVI, as boas relacións entre galegos e ingleses cambiaron tras o ataque do británico Francis Drake á cidade.

A loita que desencadeou supuxo a perda de emblemáticos edificios como os conventos e igrexas de San Francisco e Santo Domingo, paradas no camiño dos romeiros. A resistencia coruñesa, que venceu a Drake, serviu para protexer Santiago de Compostela e a súa catedral.

Símbolo inédito do xacobeo

Outro dos edificios perdidos no ataque de Drake foi o Hospital de peregrinos de San Andrés. Sobre as súas ruínas construiríase a igrexa de San Andrés, que no seu exterior conta cun cruceiro que agocha un tesouro xacobeo. Os seus relevos na parte baixa representan cinco bastóns ou bordóns, que habitualmente se representan xunto a romeiros, mais aquí aparecen sós.

Os outros nomes da Coruña

Ao porto coruñés chegaban romeiros e romeiras procedentes de diversos países, coa súa correspondente forma de denominar a nosa cidade. A Coruña coñecíase como Pharum, Phare ou Far, antes de que a Torre de Hércules tomase o nome da lenda.

En época medieval tamén era frecuente ver variacións da Coruña como: A Coulongne, A Crunhe, A Groyne, A Grune, Clunya, Crunna, Corunna, Coromha, Corund, Lagrunje, Grwne, Grunn, Kron, Kronen etc. Un dos topónimos máis rechamantes é o de Finster Stern "Estrela Escura ou Tenebrosa", utilizado polos xermanos para referirse a Fisterra, a terra da última luz.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Iniciar sesión