O ámbito do proxecto URBANA-C, a Agra do Orzán, está localizado dentro dun cinto delimitado por dúas das principais vías de circulación da cidade como son a Ronda de Outeiro e a de Nelle. A Agra do Orzán é unha área residencial consolidada, na que os seus habitantes teñen un forte sentimento de pertenza a ela. Xorde na década de 1960 como consecuencia da forte demanda de vivendas ante a constitución da cidade como polo de desenvolvemento industrial. A chegada de abundante man de obra, sobre todo do rural e municipios próximos, determinou unha intensa presión por parte dos promotores privados sobre os solares existentes e a construción en altura. O resultado é un conxunto de perfís edificativos en dentes “de serra” - nos que as novas construcións destacan sobre as existentes-, unha sobredensificación edificativa que deixou desprovisto o barrio de espazos libres e que se caracteriza por unha baixa calidade estética, o que xera unha paisaxe urbana dura e sombría. Xunto a esta iniciativa privada existen actuacións urbanísticas desenvolvidas nos anos 1950 polo Instituto Nacional da Vivenda, as chamadas Vivendas Sociais e o Grupo Mariñeiros. Barriadas de vivendas colectivas protexidas, perfectamente integradas no conxunto do barrio e que se caracterizan por unha tipoloxía edificativa en bloque, que acolle a unha poboación económica e socialmente desfavorecida.
Por que se escolle esta zona?
Os barrios coruñeses localizados na orla máis exterior do núcleo urbano consolidado acollen o 75% da poboación, polo que neles teñen que realizarse un maior número de actuacións en materia de rehabilitación e renovación urbana, así como de actuacións que garantan a súa sostenibilidade.
A Agra do Orzán acolle unha poboación de clase media que supón o 12,9% da poboación coruñesa e que reside nunha superficie de 496.000 m2 dos 37 Km do termo municipal, dando orixe a densidades demográficas que chegan a acadar os 900 hab./ha.
É unha zona ben delimitada por grandes vías de circulación, o que propicia un elevado grao de identificación e sentimento de pertenza. É neste marco sociolóxico onde se poderán fomentar actitudes proactivas e participativas á hora de executar novas accións encamiñadas a obter unha maior calidade de vida.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible