3 de abril de 2025
O espectáculo, baseado no poema de Shakespeare, aborda a vixencia da violencia de xénero desde unha perspectiva contemporánea
O Auditorio do Fórum Metropolitano será escenario este venres, 4 de abril, ás 20.30 horas, da obra 'La violación de Lucrecia', presentada pola compañía Teatro Clásico de Sevilla. Esta peza teatral, dirixida por Alfonso Zurro e protagonizada por Lorena Ávila, está baseada no poema homónimo de William Shakespeare, escrito en 1594, que narra os acontecementos ocorridos en Roma 500 anos a.C.
A adaptación de Zurro articula o poema nun monólogo feminino que, ademais de recrear o feito histórico, establece paralelismos coa realidade actual, e manifesta a persistencia da violencia de xénero na sociedade. A través dunha posta en escena íntima e intensa, o espectáculo convida á reflexión sobre a crueldade e as consecuencias deste tipo de actos, e achega o relato clásico á contemporaneidade.
A programación cultural municipal continúa así a ofrecer espazos de diálogo arredor da igualdade, da man de propostas escénicas que combinan calidade artística e compromiso social.
As entradas para a función están dispoñibles a un prezo de 9 euros. Ademais, ofrécense descontos para quen teñacarné xove, maiores de 65 anos e persoas en situación de desemprego, quedando o prezo reducido en 7 euros. É imprescindible presentar a documentación acreditativa no momento da compra e no acceso ao recinto. Recoméndaselle ao público adquirir as súas entradas con antelación debido ao capacidade limitada do auditorio.
O Concello da Coruña, a través do Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE), reafirma o seu compromiso cunha cultura accesible e plural. Esta liña de traballo, fortalecida ao longo dos últimos anos baixo o actual Goberno local que lidera Inés Rey, ten como obxectivo construír unha programación cultural que acompañe os valores dunha sociedade máis xusta, igualitaria e consciente.
4 de abril de 2025
4 de abril de 2025
3 de abril de 2025
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible