Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

26 de marzo de 2025

O ciclo TRC Danza 2025 comeza o 5 de abril cunha estrea absoluta e unha programación de 12 obras

O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, puxo en valor este programa por achegar á cidade compañías de gran prestixio nacional e internacional

O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, presentou esta mañá a programación do ciclo TRC Danza 2025, que traerá ao Teatro Rosalía de Castro 12 obras contemporáneas de danza de compañías galegas, nacionais e internacionais, entre os meses de abril e decembro. Castro estivo acompañado polo director do teatro, Paulo Rodríguez, e o director do Agadic, Jacobo Sutil.

"Desde o Goberno de Inés Rey temos clara a necesidade de fomentar e apoiar todas as vertentes culturais que teñen cabida nos nosos espazos", indicou o concelleiro. Castro destacou que "este programa é todo un referente por achegar á cidade compañías de gran prestixio nacional e internacional".

O TRC Danza 2025 comezará o vindeiro sábado 5 de abril cunha estrea absoluta. Será a obra 'Para que non me deixes aquí soa', de Julia Laport. Como de costume, o ciclo dividirase en dúas partes: Primavera e Outono. Na primeira prevalecen as propostas galegas con algunha compañía internacional, como 'Unha Eva e un Adán', de Granhøj Dans co auspicio da Fundación Nacional para as Artes de Dinamarca, que será representada o sábado 26 de abril.

Castro destacou a importancia da colaboración do Agadic neste ciclo para manter o alto nivel das representacións que haberá no Teatro Rosalía de Castro neste 2025. Tamén quixo poñer en valor a colaboración de Danza a Escena, cuxas obras conforman a parte de Outono do ciclo. Ademais, TRC Danza 2025 tamén volverá a colaborar co Corufest, o festival de artes escénicas inclusivas que tamén promove o Concello e cuxa programación completa será presentada nas vindeiras semanas. Dentro desta colaboración, o 16 de maio representarase 'Mónica', de Federico Vladimir & Pablo Lilienfeld.

En canto á programación de outono, o ciclo comezará o 20 de setembro con 'Mover montañas', de Alberto Velasco, sobre os roles do folclore desde unha perspectiva contemporánea. Outra das obras destacadas do programa será 'Double Infinite', de Mal Pelo, compañía consolidada e de ampla traxectoria, que se representará o 25 de outubro. Tamén participará nesta segunda parte da programación o Premio Nacional de Danza 2018, Antonio Ruz, que traerá o seu espectáculo de danza moderna e contemporánea 'Norma', o 22 de novembro. O ciclo rematará coa función máis intimista do programa, 'Xavier a través de min', do coruñés Félix Fernández, o 5 de decembro.

Proxecto de mediación cultural

Desde o ano 2014 o Teatro Rosalía Castro acompaña o seu programa anual de danza TRC Danza cun proxecto innovador de mediación cultural e programación expandida. Este proxecto articula mecanismos de relación entre as e os artistas convidados e a cidadanía da Coruña coa intención de xerar un contexto na cidade que poña en valor a danza e as artes do movemento. A través de diferentes actividades, pensadas en colaboración con distintas comunidades e colectivos da cidade, poderemos coñecer de forma máis profunda os universos artísticos das compañías convidadas así como reforzar os seus vencellos coa nosa cidade. Colaboran co Concello nesta iniciativa o Centro Coreográfico Galego e o Agadic.

Documentos:

Programación completa do TRC Danza 2025 (878 KB)

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión