Concello da Coruña

Concello da Coruña
Iniciar sesión

Cando:

13 de abril de 2025

O Concello pon en marcha a campaña anual de prevención e loita contra os incendios forestais

A Concellería de Medio Ambiente lembra ás persoas propietarias de parcelas a súa obriga de mantelas limpas para evitar o risco de lumes no verán

O Concello da Coruña dirixiuse por carta as persoas titulares de parcelas situadas no termo municipal para lembrarlles a súa obrigación de mantelas limpas tal e como establece a Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

"A adecuada xestión da biomasa -é dicir, os residuos, a maleza e as especies arbóreas prohibidas- por parte das persoas propietarias é un elemento clave para protexer as infraestruturas, os equipamentos sociais, as zonas edificadas, os parques e os polígonos industriais fronte aos incendios e é necesario facelo antes da chegada da época de maior risco: o verán", explica a Concelleira de Medio Ambiente, Yoya Neira.

O prazo máximo para cumprir coa obrigación de manter os devanditos terreos nas condicións idóneas para evitar incendios finaliza o 31 de maio.

Como cada ano, e no marco do compromiso do goberno de Inés Rey coa protección ambiental e a seguridade da veciñanza, desde o Servizo de Medio Ambiente envióuselles un recordatorio por medio de carta ordinaria ás persoas responsables das leiras que forman parte da chamada "rede secundaria de faixas de xestión da biomasa". No envío inclúese, ademais, a súa referencia ou referencias catastrais e unha imaxe (ortofoto) sacada do visor de Información xeográfica da Xunta coa zona afectada claramente visible e delimitada.

Ademais desta información que se remite por carta, as persoas titulares das parcelas poden consultar os seus datos na web do Catastro, a través da seguinte ligazón: https://www.sedecatastro.gob.es/

Tamén se pode consultar a delimitación exacta da zona que resulta de obrigatoria xestión a través do seguinte visor: https://mapas.xunta.gal/visores/faixas/

Desde o Concello agradécese a colaboración de todas as persoas titulares de parcelas que cumpren anualmente coas súas obrigacións e ínstase a quen aínda non xestionase a biomasa das súas leiras a que o fagan antes do 31 de maio, comunicándoo posteriormente á concellería a través do Rexistro municipal.

Dada a enorme importancia que ten a prevención de incendios para a preservación dos nosos hábitats e para garantir a calidade de vida das nosas veciñas e veciños, o Concello adoptará todas as medidas previstas legalmente para lograr que as persoas obrigadas xestionen correctamente a biomasa das súas parcelas. Esta iniciativa, promovida ano tras ano baixo o impulso do goberno local, reafirma o compromiso firme coa loita contra o cambio climático e coa defensa do territorio.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible