Inés Rey: “Con esta celebración rendemos homenaxe aos nosos grandes embaixadores e ás 3.500 persoas que forman parte das Escolas Deportivas”
5 de xullo de 2024
O Palacio dos Deportes de Riazor acolleu esta noite a Cea do Deporte que organiza o Concello da Coruña. Esta tradicional celebración foi recuperada no ano 2022 polo Goberno de Inés Rey, sete anos despois de que deixara de convocarse. A alcaldesa presidiu o evento e dirixiu unhas palabras ao milleiro de persoas asistentes.
"A Coruña non se entende sen deporte, xa sexa cunha partida de chave no Birloque ou un domingo pola tarde no estadio de Riazor, somos unha cidade que respira deporte a todos os niveis", sinalou Inés Rey. A rexedora foi a encargada de entregar os premios ás 16 persoas recoñecidas polos seus éxitos e traxectoria deportiva. "Con esta Cea do Deporte rendemos homenaxe a eses grandes embaixadores deportivos do presente, e tamén aos 3.500 usuarios e usuarias que temos a honra de ter nas nosas Escolas Deportivas Municipais", engadiu Rey.
A Cea do Deporte serve para poñer punto e final ao curso das Escolas Deportivas Municipais, que este ano contaron con máis de 3.500 persoas usuarias. Unha gran parte das persoas asistentes á cea forman parte deste tecido, que durante todo o ano leva a cabo diferentes actividades nas instalacións municipais.
Ademais, tamén participou no acto o capitán do Real Club Deportivo, Lucas Pérez, que recibiu o recoñecemento ao mellor deportista coruñés do ano polo seu gran papel como máximo goleador e asistente, logrando levar ao seu club ao ascenso ao fútbol profesional. A deportista máis destacada foi Julia Benedetti, que non puido asistir ao acto. A alcaldesa desexou sorte á patinadora de cara á súa participación nos Xogos Olímpicos de París.
Lista de persoas recoñecidas
Dende o 27/07/2024 ata o 28/07/2024
Dende o 26/07/2024 ata o 28/07/2024
Dende o 02/08/2024 ata o 04/08/2024
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible