Concello da Coruña

Concello da Coruña

Deportes

Área de Fomento e Promoción da cidade

Convocatoria - Campamentos Deportivos Municipais | Verán 2024

Campamentos Deportivos Municipais Verán 2024

27 de xuño de 2024 - 3.º movemento da lista de espera

Unha vez que finalizou o prazo para formalizar a inscrición das persoas que obtiveron praza no segundo movemento da lista de espera, procédese ao 3.º movemento.

No terceiro movemento da lista de espera obteñen praza as persoas que estean nas seguintes posicións da lista de espera:

Quenda Posición na lista de espera
RI002 - 16 ao 31 de xullo Do 84 ao 95 da lista de espera
RI003 - 1 ao 15 de agosto Do 50 ao 57 da lista de espera
RI004 - 16 ao 31 de agosto Do 51 ao 52 da lista de espera

De acordo co momento 8.4. das bases da convocatoria, as persoas que obteñan praza con motivo dos movementos da lista de espera, recibirán un correo electrónico no que se lles indica que dispoñen de praza e o prazo para formalizar a matrícula.

O prazo para a matrícula das persoas incluídas neste terceiro movemento da lista de espera será do 1 ao 3 de xullo. Terán que acudir á caixa do Palacio de Deportes de Riazor. Terán preferencia as persoas que concerten cita previa e no seu horario. As persoas sen cita previa poderán acudir a matricularse nos horarios que queden dispoñibles.

En caso de non formalizar a inscrición, entenderase que renuncian á praza.

Documentación que se debe achegar para a matrícula:

  • DNI (de non ter, do Libro de Familia) e DNI do pai/nai ou titor/a legal
  • Para as persoas suxeitas a tutela, aínda que dispoñan de DNI propio, tamén se deberá presentar o documento legal que o acredite e o DNI de titor/a.
  • Documento de inscrición e matrícula. Pódese descargar premendo na seguinte ligazón: Documento de inscrición - Campamentos Deportivos Verán 2024
  • Só se procede: informes médicos ou outros

21 de xuño de 2024 - 2.º movemento da lista de espera

Posto que finalizou o prazo para formalizar a inscrición das persoas que obtiveron praza no primeiro movemento da lista de espera, procédese ao 2.º movemento.

No segundo movemento da lista de espera, obteñen praza as persoas que estean nas seguintes posicións da lista de espera:

Quenda Posición na lista de espera
RI001 - 1 ao 15 de xullo Do 52 ao 81 da lista de espera
RI002 - 16 ao 31 de xullo Do 60 ao 83 da lista de espera
RI003 - 1 ao 15 de agosto Do 36 ao 49 da lista de espera
RI004 - 16 ao 31 de agosto Do 43 ao 50 da lista de espera

De acordo co punto 8.4. das bases da convocatoria, as persoas que obteñan praza con motivo dos movementos da lista de espera, recibirán un correo electrónico no que se lles indica que dispoñen de praza e o prazo para formalizar a matrícula.

O prazo para a matrícula das persoas incluídas neste segundo movemento da lista de espera serán os días 25 e 26 de xuño. Terán que acudir á caixa do Palacio de Deportes de Riazor. Terán preferencia as persoas que concerten cita previa e no seu horario. As persoas sen cita previa poderán acudir a matricularse nos horarios que queden dispoñibles.

En caso de non formalizar a inscrición, entenderase que renuncian á praza.

18 de xuño de 2024 - 1.º movemento da lista de espera

Unha vez finalizado o prazo para formalizar a inscrición das persoas que obtiveron praza en primeira instancia, procédese á activación da lista de espera.

No primeiro movemento da lista de espera, obteñen praza as persoas que estean nas seguintes posicións da lista de espera:

Quenda Posición na lista de espera
RI001 - 1 ao 15 de xullo Do 1 ao 51 da lista de espera
RI002 - 16 ao 31 de xullo Do 1 ao 59 da lista de espera
RI003 - 1 ao 15 de agosto Do 1 ao 35 da lista de espera
RI004 - 16 ao 31 de agosto Do 1 ao 42 da lista de espera

De acordo co punto 8.4. das bases da convocatoria, as persoas que obteñan praza con motivo dos movementos da lista de espera recibirán un correo electrónico no que se lles indica que dispoñen de praza e o prazo para formalizar a matrícula.

O prazo para a matrícula das persoas incluídas neste primeiro movemento da lista de espera será do 19 ao 21 de xuño. Terán que acudindo á caixa do Palacio de Deportes de Riazor. Terán preferencia as persoas que concerten cita previa e no seu horario. As persoas sen cita previa poderán acudir a matricularse nos horarios que queden dispoñibles.

En caso de non formalizar a inscrición, entenderase que renuncian á praza.

11 de xuño de 2024 - Listaxe de adxudicación de prazas e lista de espera e formalización da inscrición

Publícase a listaxe de adxudicación de prazas e lista de espera, organizada por quenda de campamento.

Para elaborar estas listaxes, tivéronse en conta os criterios de preferencia establecidos no punto 7.6 das bases da convocatoria:

O número agraciado no sorteo (1100) establecerá o corte a partir do que se adxudicarán as prazas. Para a orde de preferencia, terase en conta:

  1. As persoas empadroadas no Concello da Coruña
  2. A orde de preferencia da quenda indicada na solicitude (opción 1 ou opción 2)

A listaxe pódese consultar na seguinte ligazón:

MATRÍCULA E FORMALIZACIÓN DA INSCRICIÓN

As persoas que obtivesen praza poderán formalizar a matrícula do 11 ao 17 de xuño de 2024 (incluído), en horario das 08.15 ás 14.00 h, acudindo á caixa de deportes do Palacio de Deportes de Riazor (r/ Manuel Murguía s/n).

Terán preferencia as persoas que concerten cita previa e no seu horario. As persoas sen cita previa poderán acudir a matricularse nos horarios que queden dispoñibles.

Para que a matrícula sexa efectiva, deberá cubrirse o documento de matrícula e aboar a taxa correspondente.

Taxa para pagar:

Quenda Datas Núm. de sesións Prezo por quenda
1.ª quenda Do 1 ao 15 de xullo 11 48,18 €
2.ª quenda Do 16 ao 31 de xullo 11 48,18 €
3.ª quenda Do 1 ao 15 de agosto 10 43,80 €
4.ª quenda Do 16 ao 31 de agosto 11 48,18 €

Documentación que cómpre presentar para a matrícula:

  • Fotocopia do DNI (de non ter, do Libro de Familia) e do DNI do pai/nai ou titor/a legal
  • As persoas suxeitas a tutela, aínda que dispoñan de DNI propio, tamén deberán presentar o documento legal que o acredite e o DNI de titor/a.
  • Documento de inscrición e matrícula. Pode descargarse premendo na seguinte ligazón: Documento de inscrición - Campamentos Deportivos Verán 2024
  • Só se procede: informes médicos ou outros

Cada persoa só se poderá matricular nunha quenda. A matrícula nunha quenda supón a renuncia expresa á outra quenda solicitada. Agás que, finalizada a lista de espera, queden prazas dispoñibles.

No caso de non formalizar a inscrición no prazo establecido, entenderase que se renuncia á praza e adxudicaranse as prazas vacantes seguindo a lista de espera.

5 de xuño de 2024 - Sorteo

Realizouse o sorteo público o día 5 de xuño ás 13.00 h, e o número obtido foi o 1.100, que será o número de corte para establecer a orde de adxudicación de prazas dos campamentos.

A publicación das listas de persoas admitidas e en lista de espera realizarase o día 11 de xuño na web de Deportes. Tamén se poderá consultar no 010.

Pódese consultar o resultado do sorteo a través da seguinte ligazón: SORTEO

5 de xuño de 2024 - Listaxes emendadas 

Tras a finalización do prazo para a corrección de erros, publícanse as listaxes emendadas de solicitantes dos Campamentos Deportivos Municipais de Verán 2024, coa inclusión do número asignado para o sorteo:

Así mesmo, publícase a listaxe de solicitudes descartadas:

O sorteo para obter o número de corte para asignar as prazas realizarase hoxe, 5 de xuño, ás 13.00 h.

Pódese seguir en directo a través da seguinte ligazón: SORTEO

31 de maio de 2024 - LISTAXE PROVISIONAL DE SOLICITANTES

A continuación pódese consultar a listaxe provisional de solicitantes dos campamentos deportivos municipais de verán 2024, organizada por orde alfabética de titor/a:

Listaxe provisional de solicitantes - Campamentos Deportivos Verán 2024

Con esta publicación, ábrese o prazo para a corrección de erros ata o luns 3 de xuño, incluído. As alegacións presentaranse por correo electrónico a través do enderezo programasdeportivos@coruna.gal.

Segundo se establece no punto 7.3.1 das bases da convocatoria, durante o prazo de corrección de erros non se permitirá o cambio de opcións de campamento nin se aceptarán novas solicitudes. Só se poderán emendar datos persoais consignados no formulario.

O número para o sorteo asignarase unha vez finalizado o prazo de corrección, na listaxe definitiva de solicitantes, e sempre antes do sorteo.

A data prevista para o sorteo é o 5 de xuño de 2024.

20 de maio de 2024 - CONVOCATORIA

E a continuación recóllese un extracto das bases que regulan a convocatoria pública para a participación nos "Campamentos Deportivos de Verán 2024". Recoméndase consultalas na súa totalidade no documento do pé de páxina.

PERSOAS BENEFICIARIAS

Poboación infantil e xuvenil nada entre o 1/01/2012 e o 31/12/2018.

Aclárase que as persoas beneficiarias dos campamentos son as e os menores, non os seus titores legais ou custodios.

Para obter unha praza terán preferencia as persoas empadroadas na cidade da Coruña.

PROGRAMA E HORARIO

PROGRAMA TIPO

HORARIO

PROGRAMA TIPO

08:30-09:00 h

Horario de conciliación 1

09:00-10:30 h

Actividade deportiva/náutica I

10:30-12:00 h

Actividade deportiva/náutica II

12:00-12:30 h

Merenda (deberá ser achegada por cada participante)

12:30-14:00 h

Actividade deportiva/náutica III

14:00 / 14:30 h

Horario de conciliación 2

Actividades previstas: durante o desenvolvemento de cada quenda de campamento están previstas as actividades que se relacionan a continuación, susceptibles de variacións por razóns organizativas e/ou de seguridade: atletismo, escalada deportiva, loita e defensa persoal, bádminton, esgrima, xadrez, carreira de orientación, xogos acuáticos, actividades na natureza ou exteriores da Cidade Deportiva de Riazor (que poderán ser actividades náuticas segundo a idade).

Para as actividades náuticas (ver, paddle surf, piragüismo ou similares) será imprescindible saber nadar 25 m sen flotadores ou outros apoios. Para aqueles/as menores que non cumpran esta condición realizaranse actividades alternativas.

HORARIO

As actividades dos campamentos desenvolveranse de luns a venres, excepto festivos, en horario das 09.00 ás 14.00 horas.

Poderase solicitar o horario ampliado de conciliación, coas seguintes posibilidades:

  • Entrada: entre as 08.30-09.00 h
  • Saída: para elixir entre:
    • 14.00 h
    • 14.30 h

O horario ampliado non supón un custo engadido.

LUGAR DE REALIZACIÓN

Os campamentos terán unha única sede, o Polideportivo Multiusos de Riazor (antigo Frontón), que se utilizará como punto de entrega e recollida de participantes.

Tentarase realizar actividades ao aire libre, para o que se poderán desprazar a outras instalacións deportivas.

Poderanse programar excursións e actividades noutros puntos de interese da cidade. Haberá autobús para realizar algunha das saídas.

QUENDAS E PRAZAS

Establécense 4 quendas:

  • 1.ª quenda: do 1 ao 15 de xullo
  • 2.ª quenda: do 16 ao 31 de xullo
  • 3.ª quenda: do 1 ao 15 de agosto
  • 4.ª quenda: do 16 ao 31 de agosto

Ofértanse un total de 480 prazas, organizadas en 120 prazas por quenda.

PREZO

En aplicación da disposición 15.10 da Ordenanza fiscal núm. 15 vixente, e tendo en conta o número de sesións, o prezo dos campamentos deportivos municipais será o que se recolle a continuación:

Quenda Datas Núm. de sesións Prezo por participante
1.ª quenda Do 1 ao 15 de xullo 11 48,18 €
2.ª quenda Do 16 ao 31 de xullo 11 48,18 €
3.ª quenda Do 1 ao 15 de agosto 10 43,80 €
4.ª quenda Do 16 ao 31 de agosto 11 48,18 €

O horario ampliado non supón un custo engadido.

Poderán obter unha redución do 50% da taxa relativa aos campamentos aquelas persoas que conten cuns rendementos económicos brutos per cápita, computados anualmente por todos os conceptos e por unidade familiar, que non superen o indicador público de renda de efectos múltiples vixente no momento de efectuar a solicitude.

O pago realizarase conxuntamente coa inscrición no campamento de forma presencial na caixa do Palacio de Deportes de Riazor (recomendable pedir unha cita previa).

As persoas que durante o prazo establecido non formalizasen a inscrición do/da menor entenderase que renuncian á praza obtida e procederase a activar a lista de espera.

CRITERIOS DE PREFERENCIA PARA A ADXUDICACIÓN DE PRAZAS

O número resultante no sorteo establecerá o corte a partir do cal se adxudicarán as prazas. Para a orde de preferencia terase en conta:

- 1.º as persoas empadroadas no Concello da Coruña.

- 2.º a orde de preferencia da quenda indicada na solicitude (opción 1 ou opción 2).

As persoas que non obtivesen praza neste proceso pasarán a formar parte da lista de espera.

DATAS PARA TER EN CONTA

As principais datas que hai que ter en conta son as seguintes:

  • Preinscrición: os días 20, 21 e 22 de maio de 2024 (Recomendamos revisar o punto 7 das bases para as preinscricións de membros da mesma unidade familiar)
  • Publicación da lista provisional de solicitudes: o 31 de maio de 2024
  • Corrección de erros: desde a publicación da listaxe provisional e ata o 3 de xuño de 2024
  • Publicación da listaxe definitiva de solicitantes: 5 de xuño 2024
  • Sorteo: o 5 de xuño de 2024
  • Publicación das listas de persoas admitidas e en lista de espera: o 11 de xuño de 2024
  • Formalización da matrícula das persoas admitidas ou renuncias: ata o 17 de xuño de 2024
  • Xestión da lista de espera: a partir do 18 de xuño de 2024
  • Comezo dos campamentos: o luns 1 de xullo de 2024 comezará o pimer quenda

PREINSCRICIÓNS

As solicitudes para participar nos campamentos realizaranse, do 20 ao 22 de maio, a través do seguinte formulario:

Solicitude de preinscrición nos campamentos deportivos de verán

Non se admitirán preinscricións realizadas por outros medios.

Poderanse solicitar un máximo de 2 opcións, por orde de preferencia.

Cada menor só poderá constar nunha única solicitude (individual ou familiar). No caso de rexistrar, para unha mesma persoa, máis dunha solicitude, só se terá en conta a última, e anularanse con esta todas as feitas con anterioridade.

Solicitude familiar: para colaborar na conciliación das familias, no caso de que desexen optar á mesma quenda de campamento, deberán cubrir un único formulario de preinscrición (solicitude familiar), coa condición de que todos/as os/as menores sexan membros da mesma unidade familiar ou demostren convivencia no mesmo domicilio. Neste sentido, no momento de formalizar a matrícula, deberán presentar o libro de familia ou xustificante de empadroamento, segundo corresponda.

  • A solicitude familiar permite nun mesmo formulario a preinscrición de ata 4 menores. No caso de superar esta cifra, deberán cubrir outro formulario correlativo se desexan optar á mesma quenda.
  • No caso de que se presenten solicitudes-formularios diferentes non se garante a asistencia á mesma quenda.

Aclárase que as persoas beneficiarias son as e os menores, por tanto só poderán realizar a solicitude de preinscrición e a matrícula, de ser o caso, os/as titores/as legais que teñan a custodia. No caso de custodia compartida, as persoas interesadas deberán poñerse de acordo previamente; no caso de non alcanzar acordo, deberán remitirse ao Servizo de mediación de familia da Xunta de Galicia ou organismo competente, que será quen determine que custodio debe formalizar a solicitude e a matrícula.

NON DEIXES PASAR O VERÁN SEN FACER DEPORTE. APÚNTATE!!

Ligazón á web xeral de campamentos municipais: Campamentos de Verán 2024

Documentos relacionados

  • Documento de inscrición - Campamentos Deportivos Verán 2024 (154 KB)
  • Listaxe Adxudicación de prazas e listaxe de agarda - Campamentos Deportivos Verán 2024 (671 KB)
  • Listaxe emendada de solicitantes por titor/a - Campamentos Deportivos Verán 2024 (653 KB)
  • Listaxe emendada de solicitantes por orde cronolóxica - Campamentos Deportivos Verán 2024 (431 KB)
  • Listaxe emendada de solicitantes por orde alfabética - Campamentos Deportivos Verán 2024 (438 KB)
  • Listaxe de solicitudes descartadas - Campamentos Deportivos Verán 2024 (249 KB)
  • Listaxe provisional de solicitantes - Campamentos Deportivos Verán 2024 (979 KB)
  • Bases da convocatoria dos Campamentos deportivos de verán 2024 (507 KB)
  • Cartel dos Campamentos deportivos de verán 2024 (246 KB)

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión