Lexislación vixente
LEI ORGÁNICA DE EDUCACIÓN 2/2006, DO 3 DE MAIO, DE EDUCACIÓN (LOE)
Artigo 126. Composición do Consello Escolar
1. O Consello Escolar dos centros públicos estará composto polos seguintes membros:
a) A persoa directora do centro, que será o/a seu/súa presidente/a.
b) O/a xefe/a de estudos.
c) Un/unha concelleiro/a ou representante do Concello en cuxo termo municipal estea situado o centro.
d) Un número de profesores e profesoras que non poderá ser inferior a un terzo do total dos compoñentes do Consello, elixidos polo Claustro e en representación del.
e) Un número de pais/nais e de alumnos/as, elixidos/as respectivamente por e entre eles/as, que non poderá ser inferior a un terzo do total dos compoñentes do Consello.
f) Unha persoa representante do persoal de Administración e servizos do centro.
g) O/a secretario/a do centro, que actuará como secretario/a do Consello, con voz e sen voto.
2. Unha vez constituído o Consello Escolar do centro, este designará unha persoa que impulse medidas educativas que fomenten a igualdade real e efectiva entre homes e mulleres.
3. Unha persoa das representantes dos pais e nais no Consello Escolar será designada pola asociación de pais e nais máis representativa do centro, de acordo co procedemento que establezan as administracións educativas.
4. Correspóndelles ás administracións educativas regular as condicións polas que os centros que impartan os ensinos de formación profesional ou artes plásticas e deseño poidan incorporar ao seu Consello Escolar unha persoa representante proposta polas organizacións empresariais ou institucións laborais presentes no ámbito de acción do centro.
5. O alumnado poderá ser elixido membro do Consello Escolar a partir do primeiro curso da educación secundaria obrigatoria. Con todo, o alumnado dos dous primeiros cursos da educación secundaria obrigatoria non poderá participar na selección ou o cesamento do/a director/a. O alumnado de educación primaria poderá participar no Consello Escolar do centro nos termos que establezan as administracións educativas.
6. Correspóndelles ás administracións educativas determinar o número total de membros do Consello Escolar e regular o proceso de elección.
7. Nos centros específicos de educación infantil, nos incompletos de educación primaria, nos de educación secundaria con menos de oito unidades, en centros de educación permanente de persoas adultas e de educación especial, nos que se impartan ensinanzas artísticas profesionais, de idiomas ou deportivas, así como naquelas unidades ou centros de características singulares, a administración educativa competente adaptará o disposto neste artigo á singularidade deles.
8. Nos centros específicos de educación especial e naqueles que teñan unidades de educación especial formará parte tamén do Consello Escolar unha persoa representante do persoal de atención educativa complementaria.
LEI ORGÁNICA 3/2020, DO 29 DE DECEMBRO, POLA QUE SE MODIFICA A LEI ORGÁNICA 2/2006, DO 3 DE MAIO, DE EDUCACIÓN (LOMLOE)
Art. 60: Sesenta. Modifícanse os apartados 1, 2 e 5 do artigo 119 e quedan redactados nos seguintes termos:
«1. As Administracións educativas garantirán a participación activa da comunidade educativa nas cuestións relevantes da organización, o goberno, o funcionamento e a avaliación dos centros, fomentando a dita participación especialmente no caso do alumnado, como parte do seu proceso de formación.»
«2. A comunidade educativa participará no goberno dos centros a través do seu Consello Escolar. O profesorado participará tamén na toma de decisións pedagóxicas que lle corresponden ao Claustro, aos órganos de coordinación docente e aos equipos de profesores e profesoras que impartan clase no mesmo curso ou ciclo.»
«5. Os centros terán polo menos os seguintes órganos colexiados de goberno: Consello Escolar e Claustro do profesorado. Na composición do Consello Escolar deberase promover a presenza equilibrada de mulleres e homes.»
Art. 67. Modifícase o apartado 5 e inclúese un novo apartado 9 do artigo 126 e queda redactado da seguinte maneira:
«5. O alumnado poderá ser elixido membro do Consello Escolar a partir do primeiro curso de educación secundaria obrigatoria. Con todo, os alumnos e as alumnas dos dous primeiros cursos de educación secundaria obrigatoria non poderán participar na selección ou o cesamento de quen exerza a dirección. O alumnado de educación primaria participará no Consello Escolar do centro nos termos que establezan as administracións educativas.»
«9. Sen prexuízo das competencias do Claustro de profesorado en relación coa planificación e organización docente, as decisións que adopte o Consello Escolar deberán aprobarse preferiblemente por consenso. Para os casos nos que non resulte posible alcanzar o devandito consenso, as administracións educativas regularán as maiorías necesarias para a adopción de decisións polo Consello Escolar, á vez que determinarán a necesidade de aprobación por maioría cualificada daquelas decisións con especial incidencia na comunidade educativa.»
Art. 68. O artigo 127 queda redactado do seguinte modo:
«Artigo 127. Competencias do Consello Escolar. O Consello Escolar do centro terá as seguintes competencias:
a) Aprobar e avaliar os proxectos e as normas aos que se refire o capítulo II do título V da presente lei.
b) Aprobar e avaliar a programación xeral anual do centro, sen prexuízo das competencias do Claustro do profesorado en relación coa planificación e organización docente.
c) Coñecer as candidaturas á dirección e os proxectos de dirección presentados polas persoas candidatas.
d) Participar na selección do director ou directora do centro nos termos que a presente lei establece. Ser informado do nomeamento e cesamento dos demais membros do equipo directivo. Se for o caso, logo do previo acordo dos seus membros, adoptado por maioría de dous terzos, propoñer a revogación do nomeamento do director ou directora.
e) Decidir sobre a admisión do alumnado con suxeición ao establecido nesta lei e disposicións que a desenvolvan.
f) Impulsar a adopción e seguimento de medidas educativas que fomenten o recoñecemento e protección dos dereitos da infancia.
g) Propoñer medidas e iniciativas que favorezan os estilos de vida saudable, a convivencia no centro, a igualdade efectiva de mulleres e homes, a non discriminación, a prevención do acoso escolar e da violencia de xénero e a resolución pacífica de conflitos en todos os ámbitos da vida persoal, familiar e social.
h) Coñecer as condutas contrarias á convivencia e a aplicación das medidas educativas, de mediación e correctoras velando por que se axusten á normativa vixente. Cando as medidas correctoras adoptadas polo director ou directora correspondan a condutas do alumnado que prexudiquen gravemente a convivencia do centro, o Consello Escolar, a instancia de pais, nais ou titores/as legais ou, se ó o caso, do alumnado, poderá revisar a decisión adoptada e propoñer, se for o caso, as medidas oportunas.
i) Promover progresivamente a conservación e renovación das instalacións e equipo escolar para a mellora da calidade e a sustentabilidade e aprobar a obtención de recursos complementarios de acordo co establecido no artigo 122.3.
j) Fixar as directrices para a colaboración, con fins educativos e culturais, coas administracións locais e con outros centros, entidades e organismos.
k) Analizar e valorar o funcionamento xeral do centro, a evolución do rendemento escolar e os resultados das avaliacións internas e externas nas que participe o centro.
l) Elaborar propostas e informes, por iniciativa propia ou por petición da Administración competente, sobre o funcionamento do centro e a mellora da calidade da xestión, así como sobre aqueloutros aspectos relacionados coa calidade dela.
m) Aprobar o proxecto de orzamento do centro.
n) Calquera outra que lle sexa atribuída pola administración educativa.»
LEXISLACIÓN AUTONÓMICA
RESOLUCIÓN DO 11 DE SETEMBRO DE 2023
Resolución do 11 de setembro de 2023 pola que se establece o calendario para realizar eleccións para a constitución do Consello Escolar en centros docentes de nova creación e outros sostidos con fondos públicos (DOG num. 181, de 22/09/2023)
RESUMO LEXISLATIVO
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible