Concello da Coruña

Concello da Coruña

Proceso de admisión na REIM

Cartel do proceso de admisión

As presentes instrucións, ditadas polo Servizo Municipal de Educación (SME en diante), teñen por obxecto regular o proceso de admisión nas escolas infantís integradas na Rede de Escolas Infantís Municipais (REIM, en diante) do Concello da Coruña para o curso 2025-2026.

A adxudicación de prazas está sometida aos criterios de baremación sinalados nas bases reguladoras do proceso de admisión nas escolas infantís integradas na REIM para o curso 2025-2026 ( Bases do proceso de admisión na REIM 2025-2026 ).

Solicitude de praza na Rede de Escolas Infantís Municipais para o curso 2025-2026: https://edu.coruna.gal/infantil/solicitude/solicitude_publica_reim/

REDE DE ESCOLAS INFANTÍS MUNICIPAIS

Escola Dirección Horario do centro Horario escolar
EIM A Caracola R/ Illas Cíes s/n (Novo Mesoiro) Luns a venres de 07:00 a 17:00 h 08:00 a 16:00 h
EIM Agra do Orzán

R/ Alcalde Liaño Flores, s/n (Agra do Orzán)

Luns a venres de 07:00 a 17:00 h

08:00 a 16:00 h
EIM Arela Avda. de Oleiros, s/n (Elviña) Luns a venres de 07:00 a 17:00 h 08:00 a 16:00 h
EIM Carricanta

R/ José M. Hernansáez, 11 (Castrillón)

Luns a venres de 07:00 a 17:00 h 09:00 a 17:00 h
EIM Os Rosales

R/ Alfonso R. Castelao, s/n (Os Rosales)

Luns a venres de 07:00 a 17:00 h 09:00 a 17:00 h
EIM Luis Seoane

R/ Vixía, s/n (Monte Alto)

Luns a venres de 07:00 a 17:00 h 09:00 a 17:00 h
EIM Monte Alto

R/ Forcarei, s/n (Monte Alto)*

Luns a venres de 07:00 a 17:00 h 09:00 a 17:00 h
EIM Os Cativos Lugar Río de Quintás, 1 (Palavea) Luns a venres de 07:00 a 17:00 h 08:00 a 16:00 h

*Actualmente comparte espazo coa EIM Luís Seoane.

PRAZAS VACANTES

Finalizados os períodos de reserva e traslado de praza, publícanse a continuación as prazas vacantes para o curso 2025-2026:

Escola 0-1 anos (2025) 1-2 anos (2024) 2-3 anos (2023) Total de prazas vacantes
EIM A Caracola 16 10 14 40
EIM Agra do Orzán 16 11 15 42
EIM Arela 16 23 21 60
EIM Carricanta 16 23 21 60
EIM Os Rosales 24 17 22 63
EIM Luis Seoane 10 10 3 23
EIM Monte Alto 0 13 7 20
EIM Os Cativos 16 13 21 50
Total 114 120 124 358

CALENDARIO DO PROCESO DE ADMISIÓN

Prazo de solicitude de novos ingresos Do 26 de marzo ao 8 de abril
Publicación das listaxes de solicitudes incompletas e excluídas

5 de maio

Prazo de corrección de documentación

Do 6 ao 19 de maio

Publicación das listas provisionais de admitidos, excluídos e en espera

2 de xuño

Prazo de alegacións

Do 3 ao 16 de xuño

Listas definitivas

23 de xuño

Matrícula

Do 25 ao 30 de xuño

Inicio do curso

5 de setembro

BASES DO PROCESO DE ADMISIÓN

Este documento inclúe toda a información relativa ao proceso de admisión na REIM para o curso 2025-2026: Bases do proceso de admisión na REIM 2025-2026 .

PROCESO DE ADMISIÓN PARA OS NOVOS INGRESOS (CARÁCTER PREFERENTE E ORDINARIO)

Establécense dúas modalidades de novo ingreso:

CARÁCTER PREFERENTE:

Terán carácter preferente as solicitudes de prazas cuxas circunstancias sexan as seguintes:

  • As correspondentes aos fillos e fillas do persoal que presta servizos na escola, de conformidade co sinalado no convenio laboral de aplicación. O convenio actual recolle ese dereito como mellora social. A empresa xestora deberá asumir, por tanto, o custo destas prazas, de conformidade co artigo 72 do citado convenio (BOE núm. 178 do 26.07.2019). O importe será descontado á empresa nos aboamentos mensuais.
  • Os nenos e nenas que se van matricular por primeira vez e que conten cun irmán ou irmá escolarizado/a para o curso 2025-2026 nunha escola da REIM.
  • As consideradas de urxencia social. Enténdese por prazas de urxencia social aquelas nas que concorran as seguintes situacións:
    • Menores tutelados/as ou en situación de garda por parte da Administración autonómica competente.
    • Fillas e fillos de mulleres que estean en centros de acollida ou sexan vítimas de violencia de xénero.
    • Menores que se atopen nun contexto sociofamiliar de risco social e que requiran unha intervención inmediata.

Documentación:

Todas as situacións enumeradas anteriormente deberanse acreditar documentalmente para xustificar o carácter preferente mediante a presentación da seguinte documentación:

  • Fillas/os do persoal que presta servizos na escola:
    • Certificación da empresa que xestiona a escola infantil na que se sinale que o/a solicitante é persoal da empresa, que non superan os límites de reserva establecidos no artigo 72 do convenio laboral e que esta asume o custo da praza.
  • Nenos e nenas que se matriculen por primeira vez e conten cun irmán ou irmá matriculado/a na escola no curso escolar 2025/2026:
    • Certificado da escola que acredite esta situación.
  • Urxencia social:
    • Para menores tutelados/as ou en situación de garda por parte da Administración autonómica:
      • Resolución administrativa da situación de garda/tutela expedida polo órgano competente da Administración autonómica.
    • Para fillos e fillas de mulleres que estean en centros de acollida ou sexan vítimas de violencia de xénero, segundo o artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.
      • Certificación da orde de protección ou da medida cautelar, ou testemuño ou copia autentificada pola secretaria ou o secretario xudicial da propia orde de protección ou da medida cautelar.
      • Sentenza condenatoria na orde penal por homicidio ou asasinato das fillas ou fillos da muller, así como de calquera outra persoa estreitamente unida a ela, por quen sexa ou fose o seu cónxuxe ou por quen mantivo con ela unha relación análoga de afectividade aínda sen convivencia ou calquera outro documento que acredite a violencia vicaria; así como as demais sentenzas de calquera orde xurisdicional que declaren que a muller sufriu violencia en calquera das modalidades definidas nesta lei.
      • Certificación e/ou informe dos servizos sociais e/ou sanitarios da Administración pública autonómica ou local.
      • Certificación dos servizos de acollida da Administración pública autonómica ou local.
      • Informe do Ministerio Fiscal que indique a existencia de indicios de violencia.
      • Informe da Inspección de Traballo e da Seguridade Social.
      • Calquera outras que se establezan regulamentariamente.
    • Para menores que se atopen nun contexto sociofamiliar de risco social e requiran unha intervención inmediata:
      • Informe do técnico/a do sistema de servizos sociais ou outros sistemas, no que se valore a urxencia social e se propoña como recurso idóneo para a atención do/a menor a escola infantil municipal, de maneira motivada e coherente cos obxectivos da intervención social proposta.

Nas solicitudes de novo ingreso de carácter preferente de alumnado con necesidades específicas de apoio educativo (NEAE) deberase acreditar a concorrencia desta circunstancia.

Esta documentación deberase completar coa indicada no apartado "Lugar de presentación e documentación".

CARÁCTER ORDINARIO

As restantes solicitudes de novo ingreso que non teñan carácter preferente serán obxecto de baremación para a asignación de prazas, segundo o procedemento que se establece nos apartados seguintes.

REQUISITOS DE ACCESO PARA O PROCESO DE ADMISIÓN DE NOVO INGRESO

Serán requisitos para solicitar praza na REIM:

  1. Ter unha idade mínima de 3 meses o día de comezo do curso escolar e non ter cumpridos os 3 anos o 31 de decembro de 2025. Con todo, poderanse eximir do límite de idade dos 3 anos os nenos e as nenas con necesidades específicas de apoio educativo, de acordo coa normativa vixente.
  2. Para solicitar praza de novo ingreso será necesario que a/o menor estea empadroada/o con algunha das persoas proxenitoras ou, se for o caso, co/a titor/a legal. Para determinar o domicilio tomarase como referencia o do/a solicitante.

CRITERIOS DE PRIORIDADE PARA AS SOLICITUDES DE NOVO INGRESO DE CARÁCTER ORDINARIO

  1. En primeiro lugar, obterán unha praza nas escolas solicitadas os/as nenos/as empadroados/as no Concello da Coruña con algún dos seus proxenitores ou algunha das súas proxenitoras ou representantes legais.
  2. En segundo lugar, no caso de existiren prazas vacantes, terán preferencia os/as menores empadroados/as noutros municipios, sempre que algún dos seus proxenitores ou algunha das súas proxenitoras ou representantes legais teña o seu posto de traballo no termo municipal da Coruña.
  3. En terceiro lugar, se aínda quedasen vacantes, poderán optar os/as nenos/as doutros concellos.

Despois de aplicar o criterio de prioridade e só se existisen máis solicitudes que vacantes, procederase a baremar as solicitudes de acordo cos criterios que se indican a continuación.

CRITERIOS DE BAREMACIÓN

A baremación será única para todas as escolas e levarase a cabo tendo en conta os seguintes criterios:

A) Situación sociofamiliar. Puntuarase:

Situación sociofamiliar Puntuación

Irmáns/irmás solicitando praza simultaneamente

4 puntos

Menor solicitante cunha discapacidade igual ou superior ao 33% ou grao de dependencia recoñecido

3 puntos

Proxenitores7as conviventes cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33% ou grao de dependencia recoñecido

1 punto

(máximo 2)

Condición de familia monoparental/monomarental

2 puntos

Condición de familia numerosa

2 puntos

B) Situación sociolaboral. Puntuarase:

Situación sociolaboral Puntuación

Ocupación laboral das dúas persoas proxenitoras

8

Ocupación laboral dunha das persoas proxenitoras

4

Condición de familia monoparental/monomarental traballando

8

CRITERIOS DE DESEMPATE

Situación económica

A puntuación asignada na situación económica da unidade familiar só se terá en conta cando exista un empate entre varias solicitudes de acordo coa puntuación obtida nas situacións sociofamiliar e sociolaboral.

Tramos de renda Puntuación
Renda per cápita da unidade familiar inferior ao 30% do IPREM 7

Renda per cápita da unidade familiar comprendida entre o 30% e o 50% do IPREM

6

Renda per cápita da unidade familiar comprendida entre o 50% e o 75% do IPREM

5

Renda per cápita da unidade familiar comprendida entre o 75% e o 100% do IPREM

4

Renda per cápita da unidade familiar comprendida entre o 100% e o 125% do IPREM

3
Renda per cápita da unidade familiar comprendida entre o 125% e o 150% do IPREM 2
Renda per cápita da unidade familiar comprendida entre o 150% e o 200% do IPREM 1
Renda per cápita da unidade familiar superior ao 200% do IPREM 0

Empate na puntuación

Se, despois de aplicar tamén o baremo da situación económica, persistise o empate entre varias solicitudes, resolverase a asignación de praza tendo en conta o resultado do sorteo público das dúas primeiras letras de prioridade, tanto para o primeiro apelido como para o segundo apelido. O dito sorteo realizarase no Servizo Municipal de Educación antes do inicio do período de solicitude de praza.

A data e a hora da realización do sorteo publicarase na web municipal (www.coruna.gal/educacion), como mínimo, un día antes da súa realización.

O resultado do sorteo publicarase tamén nesta mesma páxina web, como máximo dentro dos tres días seguintes á súa realización.

SORTEO DAS DÚAS PRIMEIRAS LETRAS DE PRIORIDADE

En cumprimento do establecido no artigo 7, apartado 7.3.b., das Bases reguladoras do proceso de admisión na Rede de Escolas Infantís Municipais (REIM) para o curso 2025-2026, realizouse o sorteo público o día 21 de marzo de 2025, ás 09.30 horas, no Servizo Municipal de Educación (praza de María Pita, s/n, 3.º piso).

Para os efectos da resolución do desempate na puntuación final no proceso de admisión nas Escolas Infantís Municipais para o curso 2025-2026, conforme ao resultado do sorteo, as letras de prioridade que afectan ao primeiro apelido son as letras "I" e "F"; así mesmo, afectan ao segundo apelido as letras "K" e "B".

DOCUMENTACIÓN E LUGAR DE PRESENTACIÓN

Presentarase unha única solicitude, pedindo por orde de prioridade as escolas polas que se opta. Nesta solicitude poderán solicitar ata un máximo de dúas escolas. A adxudicación de prazas realizarase tendo en conta a escola infantil seleccionada como primeira opción.

A adxudicación dunha praza na escola indicada como primeira opción implicará a aceptación da súa matriculación (salvo renuncia expresa) e a eliminación da lista de espera na opción non adxudicada.

O alumnado incorporarase á escola o día de comezo do curso escolar, ou o día seguinte á finalización do prazo de matriculación, no caso das convocatorias extraordinarias, salvo causas xustificadas e valoradas polo Servizo Municipal de Educación.

A adxudicación dunha praza na escola indicada como segunda opción permitirá manter a situación en lista de espera na escola non adxudicada e elixida como primeira opción. Para a adxudicación das prazas atenderase ao disposto, en primeiro lugar, nos apartado Criterios de prioridade e, se existen máis solicitudes que vacantes, atenderase a continuación ao previsto nos apartados Criterios de baremación e Criterios de desempate.

As persoas interesadas deben facer unha inscrición en liña na web municipal (www.coruna.gal/educacion) a través da ficha específica "Solicitude de praza na escola infantil 2025-2026".

Acceso a "Solicitude de praza na escola infantil 2025-2026": https://edu.coruna.gal/infantil/solicitude/solicitude_publica_reim/

Despois de cubrir e completar a dita ficha, o sistema elabora un xustificante (documento PDF) que se envía ao correo electrónico facilitado. Este documento en PDF, denominado ficha de preinscrición, conterá un número de identificación (IDE) que será o de referencia para cada expediente no procedemento. Dado o seu carácter de preinscrición, este xustificante é só un trámite previo necesario para poder formular validamente a solicitude da praza propiamente dita e non ten en ningún caso a consideración de solicitude da praza nunha escola infantil para o curso 2025-2026.

Unha vez recibida a dita ficha de preinscrición deberá imprimirse e ser asinada polos dous proxenitores ou polas dúas proxenitoras ou titores/as e, xunto ao resto da documentación requirida nestas bases, deberá presentarse no rexistro electrónico do Concello da Coruña (https://sede.coruna.gob.es), no Rexistro Xeral do Excmo. Concello da Coruña ou a través de calquera outro medio dos establecidos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

DOCUMENTACIÓN

Para as solicitudes de novo ingreso con carácter preferente e con carácter ordinario, as persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

  • Xustificante de confirmación da preinscrición en liña asinado polas dúas persoas proxenitoras. Só será necesaria unha sinatura no caso de familias monoparentais/monomarentais ou de persoas proxenitoras que teñan a patria potestade en exclusiva.
  • No caso de non autorizar na preinscrición en liña a consulta do DNI/NIE, a copia do anverso e reverso do DNI/NIE en vigor.
  • No seu caso, o pasaporte ou Certificado de Rexistro de Cidadán da Unión. Neste caso deberá presentarse xunto co documento de identidade do país de orixe.
  • Copia do libro de familia, certificado de nacemento ou, na súa falta, outro documento que acredite oficialmente a filiación do/a menor.
  • Se aínda non naceu o/a menor para quen se solicita a praza, certificado médico que indique a posible data prevista para o seu nacemento. Nestes casos a condición de nado/a deberá acreditarse no momento de realizar a matrícula na escola asignada.
  • No caso de separación ou divorcio, sentenza ou documentación acreditativa conforme o/a menor está a cargo da persoa solicitante ou ben goza de custodia compartida.
  • No caso de alumnado con necesidades educativas especiais, deberá acreditarse a concorrencia desta circunstancia.
  • No caso de menores empadroados/as fóra do Concello da Coruña, presentarase o certificado de padrón onde se acredite que o/a menor reside con algunha das súas persoas proxenitoras.
  • No caso de non autorizar na preinscrición en liña a consulta dos datos tributarios deberá achegar a/s declaración/s da renda dos membros da unidade familiar correspondente/s ao exercicio 2023.
  • Para os casos nos que non sexa posible a obtención de datos económicos para ambos ou algunha das persoas proxenitoras (non constar dados de alta no censo de contribuíntes, persoas sen DNI/NIE ou persoas sen exercicio profesional ou laboral en España dende a súa chegada ao país) será obrigatorio que se presente unha declaración responsable, que deberá estar asinada polos/as proxenitores/as afectados/as por esta circunstancia. Cada persoa proxenitora deberá facer constar os seus ingresos obtidos nos últimos doce meses, así como a súa procedencia. Xunto coa declaración xurada deberá entregar a súa vida laboral e, no caso de traballar en España, unha copia de:
    • As nóminas dos últimos seis meses anteriores á data da solicitude, no caso de traballadores/as por conta allea.
    • As declaracións tributarias trimestrais relativas ao período anterior, no caso de traballo por conta propia.
  • As persoas empadroadas no Concello da Coruña, de non autorizar a consulta do padrón na preinscrición en liña, deberán entregar un certificado de padrón que acredite a residencia no concello do/a solicitante con algunha das persoas proxenitoras.

A falta de presentación dalgún dos documentos dentro do prazo de presentación da solicitude e de corrección ou emenda supoñerá a exclusión do proceso.

OUTRA DOCUMENTACIÓN PARA OS EFECTOS DE VALORACIÓN

  • No caso de familias monoparentais/monomarentais, o certificado vixente no prazo de presentación de solicitudes expedido pola Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica ou o órgano competente da Administración autonómica.
  • As solicitudes de novo ingreso con carácter preferente deberán presentar a documentación acreditativa do cumprimento dalgún dos requisitos sinalados para ter dereito ao ingreso preferente, tal e como se recolle no apartado PROCESO DE ADMISIÓN PARA OS NOVOS INGRESOS (CARÁCTER PREFERENTE E ORDINARIO). En caso de non achegala, a solicitude será valorada con carácter ordinario.
  • No caso de non autorizar na preinscrición en liña a consulta do grao de discapacidade, débese presentar o certificado expedido polo órgano competente do grao de discapacidade.
  • Resolución do recoñecemento do grao de dependencia do/a menor ou de recoñecemento dalgunha medida de apoio para o exercicio da súa capacidade xurídica.
  • No caso de non autorizar na preinscrición en liña a consulta do certificado de vida laboral, débese achegar o dito certificado actualizado na data de presentación de solicitudes. No caso de traballadores/as por conta propia, aínda que se autorice a consulta deben presentar o recibo de pago da cota da Seguridade Social ou da correspondente mutualidade do mes anterior ao período da solicitude.
  • Nos casos de excedencia laboral por coidado de fillos das persoas proxenitoras ou titoras, para obter a puntuación no apartado de situación sociolaboral, ademais de autorizar a consulta ou presentar o certificado de vida laboral actualizado na data de presentación de solicitudes, deben presentar a documentación correspondente que acredite que a data de finalización da excedencia coincide, como máximo, co mes de incorporación do/a menor á escola infantil.
  • No caso de non autorizar na preinscrición en liña a consulta do certificado de familia numerosa, débese presentar o certificado vixente na data de presentación de solicitudes expedido polo órgano competente.
  • Os/as residentes noutros municipios que traballen no Concello da Coruña, deberán achegar un certificado de empresa no que conste que a persoa traballa nun centro de traballo con domicilio na Coruña.

A falta de presentación dalgún dos documentos recollidos neste apartado dentro do prazo de presentación da solicitude e emenda supoñerá a non valoración no apartado correspondente.

Documentos relacionados

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión