26 de marzo de 2025
O procedemento afecta ás oito escolas da REIM e está dirixido a nenas e nenos nados entre os anos 2022 e 2025; as solicitudes poderán presentarse ata o 8 de abril
O Concello da Coruña abre este mércores 26 de marzo o prazo para solicitar praza nas Escolas Infantís Municipais (REIM) para o curso 2025-2026. A convocatoria está dirixida a nenas e nenos nados entre o 1 de xaneiro de 2022 e o 31 de decembro de 2025, que deberán ter unha idade mínima de tres meses ao inicio do curso. O prazo de presentación estará aberto ata o luns 8 de abril.
As familias poderán indicar ata dous centros da súa preferencia no formulario de solicitude, dispoñible na web municipal. Esta ficha de preinscrición deberá estar asinada por ambos proxenitores ou titores legais e achegarse xunto coa documentación requirida a través do Rexistro Electrónico do Concello da Coruña (https://sede.coruna.gob.es), do Rexistro Xeral ou por calquera dos medios establecidos no artigo 16 da Lei 39/2015 do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.
A rede municipal conta con oito escolas situadas en distintos barrios: A Caracola (Novo Mesoiro), Agra do Orzán, Arela (Elviña), Carricanta (O Castrillón), Os Rosales, Luís Seoane (Monte Alto), Monte Alto e Os Cativos (Palavea). Os centros prestan servizo de luns a venres, cun horario de apertura de 07.00 a 17.00 h e atención educativa gratuíta de ata 8 horas diarias.
O concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica, Juan Ignacio Borrego Vázquez, destacou que "este novo proceso de admisión reforza o compromiso do Goberno de Inés Rey cunha educación infantil pública, accesible e de calidade, que facilite a conciliación da vida familiar e laboral".
Este curso ofértanse un total de 358 prazas vacantes, repartidas entre os tres tramos de idade (0-1, 1-2 e 2-3 anos) e distribuídas entre as oito escolas da REIM. Os centros con maior dispoñibilidade son Arela e Carricanta, con 60 prazas cada unha, e Os Rosales, con 63.
O procedemento contempla tres tipos de solicitudes: reserva de praza, traslado e novo ingreso. Dentro destas últimas, diferéncianse as solicitudes de carácter preferente -para irmáns/as de alumnado matriculado, fillos/as de persoal das escolas ou casos de urxencia social- e as ordinarias, que serán baremadas segundo criterios sociofamiliares, laborais e económicos.
Calendario do proceso de admisión:
A atención educativa é gratuíta e as escolas tamén ofrecen comedor, actividades complementarias e un período de adaptación progresiva para as crianzas que se incorporan por primeira vez. Foi o Goberno de Inés Rey o primeiro en facer gratuita a rede de escolas infantís, que desde o 2021 non teñen custe as familias.
Toda a información sobre o proceso pode consultarse na web municipal. Ademais, as bases completas do proceso de admisión xa están publicadas no Boletin Oficial da Provincia (BOP).
Eventos relacionados
Proyectos educativos
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible