20 de octubre de 2024
O Concello dá continuidade ao plan de mellora nas infraestruturas dos centros educativos, que nas últimas semanas tamén supuxo o inicio de traballos nos espazos exteriores do colexio Ramón de la Sagra, no barrio de Elviña
O Concello avanza no seu plan de mellora nas infraestruturas dos centros educativos da Coruña, que recibirá un novo pulo coa adxudicación das obras para remodelar a pista multideporte do CEIP Víctor López Seoane, no barrio de Monte Alto.
Esta intervención, que recibiu un amplo apoio da veciñanza a través dos Orzamentos Participativos convocados polo Concello, suporá, en liñas xerais, a demolición do firme actual da pista para acometer, posteriormente, a súa renovación, cun novo pavimento, tal e como se expuxo na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local que tivo lugar a mediados de xullo, onde se deu luz verde ao proxecto.
A esta actuación sumarase, ademais, a instalación dun novo peche da parcela no sector norte do centro educativo, así como a substitución dos pechamentos laterais que hai na actualidade, unha medida necesaria ante a oxidación dos valados, por mor do paso do tempo e o impacto da salinidade e a meteoroloxía adversa.
O Concello, que adxudicou as obras á empresa Jardinerías Arce, investirá máis de 266.000 euros para completar as melloras previstas, que contan cun prazo de execución de vinte semanas, unha vez que arrinquen os traballos.
Compromiso coa comunidade educativa da Coruña
A próxima posta en marcha dos traballos no CEIP Víctor López Seoane supón un paso máis no cumprimento das medidas de apoio impulsadas polo Goberno de Inés Rey para coa comunidade educativa da Coruña.
Esta mesma semana, a Xunta de Goberno Local deu o visto e prace ao proxecto de reforma do patio do CEIP María Pita, en Elviña, onde tamén se executarán melloras nos accesos peonís desde a rolda Camilo José Cela.
En paralelo, avanzan as obras de remodelación e naturalización dos espazos exteriores do CEIP Ramón de la Sagra, situado tamén no barrio de Elviña. Ademais, o abano de actuacións nos centros educativos coruñeses tamén inclúe a ampliación do parque infantil no CEIP San Francisco Javier, rubricada durante o pasado verán.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible