Concello da Coruña

Concello da Coruña

Centros de ensino públicos da Coruña participarán na segunda edición de Talentos Inclusivos

Cando:

11 de novembro de 2021

Inés Rey: “Poñemos á súa disposición as nosas instalacións, a nosa interlocución coa comunidade educativa e os nosos medios para conseguir a máxima difusión do proxecto”

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, participou na presentación da segunda edición do programa Talentos Inclusivos. Esta iniciativa está organizada polo Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) e a asociación ASPACE Coruña, en colaboración co Concello da Coruña. Tamén colaboran o Consello Social da UDC, a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, e a Consellería de Cultura, Educación e Universidad da Xunta.

O seu obxectivo é inculcar entre a mocidade unha vocación científica e concienciala sobre a realidade da diversidade funcional. Para conseguilo, os participantes levarán a cabo en equipos colaborativos proxectos para resolver retos tecnolóxicos relacionados con persoas con parálise cerebral.

Nesta segunda edición participarán tres centros públicos de Educación Secundaria da cidade: os institutos Calasanz PP. Escolapios, Agra do Orzán e Zalaeta. "O Concello da Coruña está plenamente comprometido con este proxecto e vai a prestar todo o seu apoio a Talentos Inclusivos. Poñemos á súa disposición as nosas instalacións, a nosa interlocución coa comunidade educativa e os nosos medios para conseguir a máxima difusión do proxecto", sinalou a alcaldesa durante o acto inaugural celebrado na sala Leonardo Da Vinci da Domus.

A partir do mes de decembro e ata maio do 2022 os diferentes centros participantes traballarán coa colaboración de usuarios de ASPACE no desenvolvemento destas ferramentas tecnolóxicas que melloren a calidade de vida das persoas con parálise cerebral. "Este é un proxecto que conxuga dous elementos centrais da nosa acción política: a aposta pola ciencia e o coñecemento e a inclusión", sinalou Inés Rey.

A alcaldesa quixo lembrar outras iniciativas impulsadas polo Concello da Coruña e relacionadas coa promoción da formación en STEM, siglas inglés de ciencia, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas, e coa visibilización da diversidade funcional. Un exemplo do primeiro foi a campaña 'Mulleres sen límites' promovida pola Concellaría de Igualdade, Benestar Social e Participación e que amosaba o traballo e a relevancia de mulleres en distintos eidos da ciencia. Tamén destacou Inés Rey a colaboración activa do Concello con Down Coruña. Froito dela, o Kiosco da praza de Ourense recuperou a súa actividade grazas a Down Experience.

Inés Rey animou aos participantes neste proxecto a dar o máximo durante esta segunda edición: "Queda por diante un curso cheo de retos para os participantes nesta segunda edición de Talentos Inclusivos. Estou segura de cando remate esta segunda edición, os proxectos desenvolvidos durante estes meses amosarán o esforzo de todos. E o máis importante, contribuirán a mellorar a calidade de vida das persoas con parálise cerebral".

Programa ao que pertence

  • Talentos Inclusivos 2021-2022

    O proxecto Talentos Inclusivos ten un dobre obxectivo: espertar vocacións científicas entre estudantes de educación secundaria e dar a coñecer a realidade da discapacidade. A través de equipos colaborativos formados por estudantes e usuarios/as de ASPACE Coruña resolveranse retos tecnolóxicos expostos por persoas con parálise cerebral coa finalidade de mellorar a súa calidade de vida.

    Máis información

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión