Concello da Coruña

Concello da Coruña
Iniciar sesión

Inés Rey entregaralles o martes 22 de abril as licenzas de venda ás cooperativas escolares do proxecto Semente no Salón de Plenos de María Pita

Cando:

13 de abril de 2025

O programa municipal celebra a súa maior edición con 97 alumnos e alumnas de oito centros educativos, que recibirán a autorización para vender os seus produtos no mercado do 24 de maio no Mercado de Santo Agostiño

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, acompañada pola concelleira de Emprego, Comercio e Mercados, Diana Sobral, presidirá o martes, 22 de abril, o acto de entrega das licenzas de venda ás cooperativas escolares participantes no proxecto educativo "Semente: unha empresa na miña escola", unha iniciativa impulsada polo Concello para fomentar o espírito emprendedor, a cooperación e a economía social entre o alumnado de primaria.

O acto desenvolverase no Salón de Plenos da Casa Consistorial entre as 11.30 e as 12.30 horas e contará coa presenza de 97 rapaces e rapazas, membros das xuntas directivas de 16 cooperativas escolares, acompañados por 17 docentes dos oito centros educativos participantes.

Durante a xornada, cada presidente ou presidenta de cooperativa realizará unha breve presentación do seu proxecto desde o atril. Ao remate de cada intervención, recibirán de mans da alcaldesa a licenza oficial que os habilita para venderen os produtos elaborados no mercado que se celebrará o sábado 24 de maio no Mercado de Santo Agostiño, en horario de 10.30 a 14.30 horas.

Unha iniciativa pioneira que leva 18 edicións formando en valores

Desde a súa posta en marcha no curso 2007/2008, o proxecto Semente ten implicado a máis de 5.000 escolares, que constituíron ao longo de dezaoito edicións un total de 273 cooperativas escolares. 

A través de módulos formativos impartidos durante o curso, o alumnado aprende a crear e xestionar a súa propia cooperativa escolar, asumindo tarefas de organización, toma de decisións democráticas, elaboración de produtos, promocion e planificación de vendas. A filosofía do programa  promove tamén o coñecemento do comercio xusto, a igualdade e a responsabilidade social.

Este martes, a xornada que comezará coa tradicional fotografía institucional na escaleira de honra da Casa do Concello, tras a cal o alumnado será trasladado ao Salón de Plenos. O acto rematará cunha fotografía de grupo no interior do propio salón.

A alcaldesa destacou "o esforzo e a ilusión co que traballa o alumnado durante todo o curso", subliñando que "proxectos como Semente son unha mostra do compromiso do Concello coa educación en valores e coa formación práctica e cidadá das novas xeracións".

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible