Concello da Coruña

Concello da Coruña
Iniciar sesión

O Concello da Coruña participará un ano máis no programa 'Intercambio Escolar. Vivir nos municipios do Eixo Atlántico’

Cando:

12 de xaneiro de 2025

Escolares de primaria da cidade poderán desenvolver un intercambio con estudantes dun centro educativo de Braga

O Concello da Coruña participará un ano máis no programa 'Intercambio Escolar. Vivir nos municipios do Eixo Atlántico', posibilitando desta maneira que escolares de educación primaria dun centro escolar da cidade vivan unha experiencia de intercambio con escolares dun dentro educativo de Portugal, nesta ocasión da localidade de Braga.

O grupo de traballo de Educación e Cultura do Eixo Atlántico leva varios anos desenvolvendo este proxecto, no que o alumnado de educación primaria dun municipio portugués participa nun intercambio co alumnado da nosa cidade.

No sorteo, que tivo lugar o día 5 de decembro de 2024, entre as catro cidades galegas e as catro portuguesas participantes no dito programa, realizado pola organización do Eixo Atlántico, para o curso 2024/2025; a nosa cidade ficou emparellada co municipio portugués de Braga.

"O Goberno de Inés Rey continúa ofrecéndolles ás familias e á comunidade educativa un amplo abano de opcións extraescolares desde moi curta idade como é o caso deste programa do que formamos parte como membros do Eixo Atlántico", sinala Juan Ignacio Borrego, concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica.

Este programa ten como obxectivos facilitar o intercambio entre estudantes dos diversos municipios do Eixo Atlántico, promover o coñecemento dos municipios integrantes do Eixo Atlántico, así como o seu patrimonio cultural, natural e inmaterial; concienciar as e os escolares da importancia de vivir nunha Eurorrexión; e promover a realización de experiencias didácticas que potencien o uso do municipio como recurso didáctico. Os concellos da Coruña e Braga faranse cargo de todos os gastos (desprazamentos, aloxamento e manutención, seguros de viaxe e de responsabilidade civil e acompañamento) e do apoio na organización de visitas e itinerarios polas súas respectivas cidades.

Dirixido ao alumnado de 5.º e 6.º curso de educación primaria de centros públicos do Concello da Coruña, os intercambios terán lugar durante 2 ou 3 días nos meses de abril e maio de 2025, nas datas que determinen ambos os municipios, de acordo cos centros educativos participantes de ambos os municipios. Para a selección do centro participante da Coruña convócase un concurso, dirixido a grupos escolares de 5.º e 6.º curso de educación primaria, formados por un máximo de 30 participantes (incluídos dous docentes), é dicir, unha aula. O grupo seleccionado será simultaneamente "grupo anfitrión" e "grupo visitante".

Para participar no concurso de selección, abrirase un prazo de inscrición do 13 ao 30 de xaneiro. E logo de que se realice a dita inscrición dos grupos escolares interesados, terán que presentar unha memoria coa proposta do proxecto de actividades para desenvolver na Coruña co grupo visitante portugués, antes do 14 de marzo, que serán valoradas, de conformidade cos criterios de valoración sinalados nas bases do concurso de selección, por unha Comisión de Valoración.

Pódense consultar as bases do concurso de selección e toda a información na web IV Intercambio escolar do Eixo Atlántico : Apertura de prazo o 13 de xaneiro de 2025 .

Para resolver posibles dúbidas ou obter máis información, tamén se pode chamar ao Servizo de Municipal de Educación, no teléfono 981 184 200, ext. 10259.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible