12 de marzo de 2024
Destacaron a posta en marcha da Cidade das TIC como exemplo de colaboración institucional, que será xestionada de forma 100% pública cunha sociedade formada por ambas institucións
A alcaldesa, Inés Rey, mantivo esta mañá a primeira reunión oficial co novo reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao, para abordar os retos comúns entre Concello e Universidade nos vindeiros anos. Ambos destacaron o ton construtivo da reunión e sinalaron a importancia de manter o sendeiro da colaboración institucional.
Alcaldesa e reitor puxeron de exemplo a posta en marcha da Cidade das TIC, que será xestionada por unha entidade 100% pública formada por Concello e Universidade. A constitución do órgano foi aprobada por unanimidade do Pleno da Coruña no pasado mes de decembro. Contará cun capital social de 660.000 euros, sendo o Concello o socio maioritario cunha achega do 51% das participacións.
Proxectos en marcha con financiamento municipal
De acordo cos Orzamentos Municipais para 2024, aprobados polo Concello da Coruña no pasado mes de decembro, a administración local achegará un total de 325.000 euros para o financiamento de oito proxectos coa Universidade da Coruña.
Entre as accións a desenvolver destacan a reposición de infraestruturas viarias nos Campus Universitarios ou a mellora do equipamento deportivo das instalacións da Universidade da Coruña. Ademais, o Goberno de Inés Rey apoia a investigación universitaria a través de dúas liñas de traballo en materia de transporte e desigualdade e diversidade social con dous convenios.
A estas liñas de axuda súmanse a aportación á cátedra de memoria histórica, o proxecto de deseño e desenvolvemento de sistemas urbanos de drenaxe sostible, a posta en marcha de actividades de xestión ambiental e o fomento do deporte.
Rebaixa do 60% no prezo do autobús
A alcaldesa e o reitor avaliaron o funcionamento do convenio para a posta en marcha da bonificación do 60% no transporte público, rebaixando o prezo do autobús a case 12.000 universitarios. Unha medida pioneira coa que, por primeira vez na institución educativa, a práctica totalidade do estudantado pasou a pagar 21 céntimos polo prezo do billete en lugar de 52 céntimos, a cifra máis baixa ate a data.
En total, ambas institucións achegan medio millón de euros, 250.000 euros cada unha, para favorecer a accesibilidade do estudantado universitario ao autobús urbano durante os cursos académicos 2022-23 e 2023-24.
Estacións de BiciCoruña
A alcaldesa abordou tamén co reitor os prazos para a apertura das estacións de Bici Coruña, un dos servizos de transporte máis demandados entre a xente moza.
Polo que respecta á obra civil, está xa executada nas dúas estacións no Campus de Elviña así como na da Zapateira e espérase que poida estar en servizo esta mesma primavera.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible