4 de diciembre de 2024
A concelleira participou hoxe no acto inaugural da quinta Feira de Emprego da Escola Universitaria de Relacións Laborais da Coruña, que conta coa colaboración do Concello
A concelleira de Emprego, Comercio e Mercados, Diana Cabanas, participou esta mañá no acto de apertura da quinta edición da Feira de Emprego da Escola Universitaria de Relacións Laborais da Coruña (ERLAC), unha iniciativa que conta co apoio do Concello e que promove a colaboración público-privada a prol da inserción laboral e a empregabilidade, especialmente entre a mocidade.
Máis de trinta empresas participaron nesta convocatoria, con postos nos que presentaron medio cento de ofertas activas de vacantes, recollendo as candidaturas das persoas interesadas nelas. Entre as firmas implicadas nesta V Feira de Emprego da ERLAC estiveron Navantia, Vegalsa, El Corte Inglés, Clece, Eulen, Ilunion, Nortempo e Adecco, entre moitas outras. Preto de 300 persoas inscribíronse na xornada.
Neste sentido, no acto inaugural desta mañá, Cabanas destacou a importancia de que as Administracións públicas, institucións e empresas traballen de forma conxunta "para abrirlle camiño aos talentos emerxentes e axudalos a que contribúan á dinamización económica da Coruña, que está a vivir unha transformación de 180 graos e é, a día de hoxe, o polo tecnolóxico de referencia no noroeste de España".
A concelleira destacou, ademais, as liñas de mellora nas que está a traballar o Goberno de Inés Rey en materia de apoio ao emprendemento, facilitando espazos públicos como o centro municipal de empresas do Papagaio para axudar as startups coruñesas a desenvolverse nas súas fases de incubación.
E, por outra banda, Cabanas apuntou á necesidade de darlle un pulo á empregabilidade atendendo a todas as franxas de idade, poñendo isto en contexto coa posta en marcha do programa Éfeso, unha iniciativa cofinanciada con axudas do Fondo Social Europeo Plus coa que, entre este ano e o 2027, o Concello executará programas de formación orientados a mellorar a inserción laboral das personas participantes. "Veciñas e veciños da Coruña que están en situación de desemprego de longa duración terán a oportunidade de formarse a través dun programa que atenderá, especialmente, a maiores de 45 anos e as persoas que están en situación de vulnerabilidade social e económica", incidiu Diana Cabanas.
Na xornada deste mércores na ERLAC participaron, ademais da concelleira, o decano da Escola Universitaria de Relacións Laborais da Coruña, Jesús Vázquez, e a deputada de Emprego da Deputación da Coruña, Rosa Ana García.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible