25 de novembro de 2024
A Coruña conmemora o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller con actos reivindicativos
O Concello conmemora hoxe o 25N, día internacional da eliminación da violencia contra as mulleres, cunha serie de actos co obxectivo de visibilizar e denunciar todas as formas de violencia. A alcaldesa, Inés Rey, presidiu os actos acompañada pola concelleira de Bendstar Social, Igualdade e Participación, Nereida Canosa.
A xornada comezou no barrio do Castrillón na Praza de Pablo Iglesias coa "Concentración pola convivencia sen violencia", convocada pola Plataforma pola Igualdade e Contra a Violencia de Xénero do Castrillón - Urbanización Soto (PICUS). Tras un minuto de silencio en memoria das vítimas de violencia machista, a alcaldesa, Inés Rey, interviu para destacar a importancia de "continuar traballando dende todos os ámbitos da sociedade para erradicar esta lacra".
Durante o evento, rapaces e rapazas do barrio leron textos conmemorativos e colocouse o lazo morado simbólico da plataforma "PICUS". A alcaldesa pechou a concentración cunha intervención na que reiterou o compromiso municipal coa igualdade: "Ante a violencia machista non caben escusas".
Logo celebrouse a tradicional andaina dende a explanada do Complexo Deportivo de Riazor, con decenas de persoas que participaron na formación dun lazo humano, símbolo de solidariedade e unidade na loita contra a violencia machista.
O acto, organizado en colaboración coas Escolas Deportivas Municipais, contou coa participación de membros da corporación municipal e xogadoras de clubs deportivos femininos da cidade. En concreto, a alcaldesa estivo acompañada pola concelleira de Benestar Social, Igualdade e Participación, Nereida Canosa; as concelleiras do Grupo Municipal Popular, Susana Catalán, e do Bloque Nacionalista Galego, Avia Veira; xunto con Elisa Rodríguez, usuaria das Escolas Deportivas Municipais e Paula Lorenzo, do Club Voleibol Zalaeta; Maica Martí, do CRAT; Evelina Stebelin, de Viaxes Amarelle FSF; e Bestriz Gaete, do Hockey Club Coruña Feminino.
A lectura do manifesto foi o momento central do evento. Representantes municipais, deportistas e membros da cidadanía deron voz a un texto que deixou clara a mensaxe da xornada: "Non hai escusas para ningunha forma de violencia machista. Non hai escusas para a indiferenza ou o silencio. Non hai escusas para non actuar", dixo. A alcaldesa foi a encargada de pechar o acto, facendo un chamamento á unidade e ao compromiso para construír unha sociedade máis igualitaria.
Dende a lectura do manifesto, destacouse que "non hai escusas para os 40 feminicidios rexistrados este ano en España nin para as violencias emerxentes, como o ciberacoso ou a submisión química". A mensaxe tamén fixo fincapé na necesidade de combater a desigualdade estrutural e a explotación sexual, subliñando que só mediante a implicación de toda a sociedade será posible construír un futuro libre de violencias. A alcaldesa lembrou que "cada unha de nós, cada un de nós, temos unha responsabilidade na loita por unha sociedade máis xusta e igualitaria".
A xornada do 25N rematou cun claro recordatorio do compromiso ineludible que debe guiar á cidadanía: "Cada día debe ser 25 de novembro".
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible