Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

5 de setembro de 2024

O Concello e a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica promoven un mapa da memoria da resistencia das mulleres ao fascismo en Europa

Nereida Canosa: “Renderlles homenaxe ás mulleres resistentes é renderlle homenaxe á condición feminista da Coruña”

A Casa Museo Casares Quiroga abriu as súas portas á exposición 'Mulleres resistentes', organizada polo Concello e a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) co obxectivo de dar a coñecer a loita das mulleres contra o fascismo entre 1936 e 1945 en Europa. Trátase dunha exposición documental e fotográfica itinerante presente nos últimos meses en Alemaña, Italia, Bélxica, Croacia, Portugal e Francia, xunto con outras cidades españolas.

A concelleira de Benestar Social, Igualdade e Participación, Nereida Canosa, interveu na presentación da exposición e reivindicou a importancia de que as institucións continúen traballando a prol da memoria histórica: "Concienciar sobre o pasado ás novas xeracións e poñer en valor a nosa historia é un deber democrático que debemos impulsar dende as institucións públicas". Canosa tamén destacou a importancia de poñer o foco nas mulleres como parte invisibilizada da historia. "Renderlles homenaxe ás mulleres resistentes é renderlle homenaxe á condición feminista da Coruña" aseverou.

Tamén interviron na apertura Carmen Rodeja, presidenta da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) en Galicia; Mónica Borrás, xestora cultural; e a poeta Carmen Blanco, quen recitou un poema na memoria das mulleres resistentes contra o fascismo. 

'Mulleres resistentes', aberta do 5 de setembro ao 30 de outubro

A mostra 'Mulleres resistentes' traza un percorrido documental e fotográfico pola resistencia das mulleres na loita contra o fascismo na Guerra Civil española e a Segunda Guerra Mundial, conectando a resistencia en Galicia e en España coa de Francia, Italia e Alemaña. Na exposición poderanse coñecer as diferentes organizacións femininas antifascistas, o papel das mulleres como enlaces ou mensaxeiras, como enfermeiras, como milicianas, como guerrilleiras, nas Brigadas Internacionais ou na fronte de combate.

Tamén se aborda a importancia e a contribución das que loitaron dende os seus fogares e pola supervivencia das súas familias, dende o campo ou dende as fábricas, ou coa cámara fotográfica, o bolígrafo e a palabra como armas. A represión e os fusilamentos, as prisións e os campos de concentración son parte tamén da investigación desta exposición na que se manifesta a firme determinación de milleiros de mulleres europeas de loitar contra o avance do fascismo.

A mostra inclúe, entre outras figuras galegas, a actriz María Casares. "Penso que non pode haber mellor espazo que o que fora o propio fogar da familia Casares Quiroga, símbolo da represión franquista na Coruña e hoxe símbolo da memoria democrática" explicou Nereida Canosa. A exposición tamén recolle outras mulleres galegas como as irmás Touza, as irmás Fandiño Ricart 'As Marías', Enriqueta Otero, Placeres Castellanos, María Vázquez Blanco, Mercedes Núñez ou Consuelo Rodríguez López, 'Chelo'.

O proxecto Mulleres Resistentes céntrase na contribución do movemento dos dereitos da muller á democracia en Europa, movemento que abrangue dende a batalla polo dereito ao voto da muller (en España no ano 1933) ata a resistencia das mulleres na loita contra o fascismo na guerra civil española e a segunda guerra mundial.

Faladoiro 'A memoria das mulleres', xoves 12 de setembro

No marco da exposición, a Casa Museo Casares Quiroga acollerá o faladoiro 'A memoria das mulleres', coa presentación de tres casos de represión en tres momentos temporais diferentes: a represión iniciada no golpe de Estado do 1935, o desmantelamento dos resistentes no monte nos anos corenta e a loita á contestación social e obreira dos anos setenta. Terá lugar o xoves 12 de setembro ás 19.00 horas.

Estará coordinado pola periodista Clara Bernal e a profesora Olga Mahía e contará con catro relatoras:

  • Paz Gómez del Valle, neta da vítima María del Valle. Foi levada ao cárcere de Bande por pedir a liberación do seu fillo. Alí foi vítima de secuestro e asasinato sendo posteriormente represaliada toda a familia.
  • Salomé de la Torre, neta de Carmen Rodríguez Nogueira. Foi enlace da guerrilla encarcerada e torturada e perdeu gran parte da súa familia.
  • Fina Varela e Sari Alabau: activistas nos anos setenta durante o inicio das organización cidadás e obreiras. Encarceradas tras os sucesos de Ferrol en 1973.

Os casos dos seus familiares e delas mesmas servirán para analizar os distintos tipos de represión durante o franquismo.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión