Concello da Coruña

Concello da Coruña

A Rede de Enerxía Sostible

Que é?

A Rede de Enerxía Sostible da Coruña créase dentro dun dos paquetes de traballo dos que se compón o proxecto PRACTISE ENERGY, no que se recollen todas as actuacións encamiñadas a elaborar e poñer en marcha unha metodoloxía de consulta e participación cidadá para o proxecto.

O liderado deste paquete de traballo correspóndelle á nosa cidade, polo que, aproveitando a experiencia positiva do funcionamento doutras redes locais, como a Rede Coruña Solidaria, propúxose a creación dunha nova Rede que acollese a maior parte dos actores locais que, dunha maneira ou outra, exercen influencia no campo da enerxía, como as empresas subministradoras, os proxectistas e instaladores, os colexios profesionais, as empresas industriais, os construtores, os comerciantes e facultades universitarias entre outros, posibilitando así o deseño dunha estratexia clara a curto, medio e longo prazo en materia de eficiencia enerxética e loita contra o cambio climático.

A cidade da Coruña, do mesmo xeito que outras moitas cidades europeas, apostaron por articular os seus procesos de participación arredor de redes cidadás nos campos social, económico e ambiental. Nelas intégranse a participación cidadá, a cooperación, a comunicación e o intercambio de información producida nunha comunidade local. Son instrumentos de gobernabilidade cos que se persegue:

  • Establecer novas canles de concertación pública, privada e do terceiro sector, que permitan a articulación da cidade arredor duns obxectivos e estratexias previamente definidas, neste caso de loita contra o cambio climático.
  • Desenvolver novas fórmulas de participación cidadá, a través da interconexión con outras redes sectoriais e supramunicipais, como a Rede de Cidades polo Clima.
  • Adquirir un coñecemento estratéxico da realidade cidadá, que permita captar as sensibilidades da comunidade e desenvolver en profundidade as liñas de coñecemento obtidas.

Volver a menú

Obxecto da Rede de Enerxía Sostible

A Rede de Enerxía Sostible permitirá interactuar cos actores locais recollendo as opinións, suxestións e problemáticas específicas de cada membro.

Este proceso pretende coñecer a percepción da comunidade respecto da problemática enerxética municipal e implicala na súa resolución. Os obxectivos tradúcense en:

  • Ratificar a información obtida a través da análise territorial e do mercado enerxético e proporcionar novas ideas que non se percibiron anteriormente.
  • Investigar cales son as percepcións e necesidades que ten o municipio respecto da enerxía.
  • Axudar a establecer unha orde de prioridades de execución na proposta do Plan de Acción.
  • Implicar o municipio na implantación e no seguimento do plan de acción definido, mediante a comunicación dos resultados obtidos.

Polo tanto o Plan de Acción da Enerxía recollerá todas as cuestións formuladas no marco da Rede de Enerxía Sostible e desenvolver liñas estratéxicas de mellora.

Volver a menú

Funcionamento da Rede

A participación na Rede de Enerxía Sostible articúlase mediante dúas fórmulas: presencial e virtual.

A participación presencial organízase mediante a creación de grupos especializados ao perfil de cada membro que compón a Rede. Iso permitirá xerar un fluxo de información dentro da rede cidadá co que intercambiar experiencias no campo da enerxía e abrir debates sobre as diferentes alternativas de mellora que se propoñen para afrontar dende a nosa comunidade o reto do cambio climático.

Para iso constituíronse 4 grupos de traballo que reúnen os actores clave da comunidade:

  • Grupo de traballo de profesionais técnicos: arquitectos, enxeñeiros, expertos en enerxía no mundo empresarial, investigadores, etc.
  • Grupo de traballo de profesionais da educación: profesores universitarios, profesores de instituto e de colexios.
  • Grupo de traballo de administracións públicas: funcionarios do Concello da Coruña e doutras administracións locais autonómicas e estatais.
  • Grupo de traballo da poboación: asociación de consumidores, asociacións de veciños, asociacións de ecoloxistas, etc.

Previo á realización dos grupos de traballo elaborarase un cronograma e plan de traballo que conterá a seguinte información:

  • Compoñentes de cada grupo de traballo.
  • Calendario proposto para a realizración das reunións de cada grupo de traballo.
  • Temas para desenvolver, ao longo do proxecto terase en conta a información relevante para conseguir dos actores clave en función da fase do proxecto en que se encontre.

Os grupos de traballo serán dirixidos por un moderador que organizará e guiará os temas para tratar durante o desenvolvemento das reunións de traballo. O moderador buscará a interacción entre os participantes como método para xerar información.

Así mesmo, asistirá aos grupos de traballo un observador que recompilará toda a información obtida durante o desenvolvemento da reunión e levantará a acta onde se reflectirán os principais achados e conclusións.

Estes grupos de traballo seguirán as seguintes pautas organizativas básicas:

  • Creación dos grupos de traballo que inclúan entre 10 e 12 persoas.
  • Realización de 2-3 reunións anuais por parte de cada grupo.
    • Reunións de 2 horas de duración.
    • Cada reunión dun grupo de traballo será liderada por un experto de recoñecido prestixio que desenvolverá o seu relatorio a partir da formulación dunha serie de cuestións concretas, adaptadas ao perfil do grupo, que se debaterán ata a obtención de respostas a modo de conclusións.
    • Expoñeranse diferentes experiencias dos membros da rede no campo da enerxía sostible.
    • Elaborarase unha acta de cada reunión, que será difundida a través do portal informático para coñecemento dos propios constituíntes do grupo e demais stakeholders.

As reunións presenciais formúlanse como colofón ao contacto permanente que existirá entre os membros da Rede a través deste portal informático (comunidade virtual) habilitado como ferramenta de apoio á participación cidadá.

Cada membro dispón dunha clave de acceso cara a unha parte privada na que se irán formulando diferentes cuestións a partir de documentos de traballo que serán colgados periodicamente e dos que cada membro será informado puntualmente mediante o envío de correos electrónicos informativos.

Toda aquela información relevante será transmitida á parte pública para coñecemento do conxunto da cidadanía.

O Concello da Coruña establecerá un programa de dinamización da participación para que o uso da ferramenta resulte natural e que non interfira en absoluto coas actividades propias dos membros da Rede.

A plataforma virtual será unha canle de difusión das experiencias levadas a cabo neste campo polos diferentes membros da comunidade.

Volver a menú

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión