Concello da Coruña

Concello da Coruña

Pacto social por unha cidade libre de violencias machistas

Todas as persoas temos dereito á IGUALDADE e á DIVERSIDADE; a mostrarnos libremente COMO SOMOS e a non ser discriminadas nin agredidas pola nosa SINGULARIDADE: ser home, ser muller, ser trans, ter determinada idade, opción ou comportamento sexual, orixe étnica, relixión, diversidade funcional e sensorial, etc.

As violencias machistas son un problema enraizado na nosa sociedade que fai precisa a implicación de todas e todos para atallármolo. Cando se fala de violencias machistas, referímonos a un concepto máis amplo que o de violencia de xénero. Mentres por violencia de xénero nos referimos a toda aquela violencia que sofre a muller polo feito de selo; o termo violencias machistas é máis amplo e procura visibilizar as diferentes dimensións que acadan as violencias e as diversas formas nas que se presentan, máis alá da violencia física ou aquela que se produce no ámbito da parella. Así pois, este concepto engloba todas as formas de violencia que se exercen baixo o suposto de superioridade do "masculino" sobre o "feminino" e, polo tanto, non se considera unicamente ás sufridas polas mulleres polo feito de selo, senón tamén ás sufridas por aquelas persoas que non responden ao modelo binario de xénero, así como aquelas que non se corresponden coa orientación heterosexual. Todo isto é síntoma de que vivimos nunha sociedade non igualitaria na que determinados suxeitos presentan privilexios fronte a outros.

Desde a Concellaría de Igualdade, Benestar Social e Participación convidamos a cidadanía a tomar parte no reto e responsabilidade colectiva de facer da Coruña unha Cidade libre de violencias machistas.

Podes ver o vídeo de presentación do Pacto Social no seguinte enlace: Presentación-Pacto Social_con subtítulos 

Que é o pacto social?

O Pacto Social por unha Coruña libre de violencias machistas é un compromiso consensuado coa cidadanía para traballar conxuntamente nunha estratexia de intervención fronte as violencias machistas. Pretende ser unha ferramenta para a procura dun modelo de convivencia máis igualitario e xusto. Así, o Pacto Social ten como obxectivo prioritario o rexeitamento colectivo de calquera tipo de violencia machista e a promoción de modelos alternativos de convivencia en igualdade.

O Pacto social, por tanto, é un proceso participativo impulsado polo Concello da Coruña e está aberto a toda a cidadanía.

Nesta II fase, ademais da cidadanía en xeral, no proceso participativo priorizaranse:

  • espazos que implican afluencia de público, o caso do sector da hostalería e ocio nocturno;
  • espazos que impliquen unha importante responsabilidade social na comunicación libre de estereotipos, concienciando e previndo comportamentos indesexados, o caso dos medios de comunicación;
  • espazos que desenvolvan un importante papel coa cidadanía, o caso das entidades do tecido social da cidade.

Os obxectivos do Pacto son os seguintes:

  • Facer da Coruña un referente como espazo libre de violencias machistas.
  • Expresar de maneira clara e colectiva o noso rexeitamento a calquera forma de violencia machista. 
  • Lograr un compromiso social firme que axude na consecución dunha cidade libre de violencias machistas. 
  • Prever, detectar e eliminar as situacións de violencia que afectan ás persoas por cuestión da súa identidade de xénero, orientación sexual, procedencia ou diversidade funcional e sensorial. 
  • Superar crenzas, tradicións e comportamentos que vulneren o dereito a unha vida digna, así como impulsar modelos alternativos de convivencia. 
  • Facer visibles as dimensións reais das violencias machistas, con especial incidencia en identificar as formas en que se manifestan. 
  • Subliñar as situacións de múltiple discriminación asociadas á confluencia de diversidade (xénero, raza, orientación sexual, diversidade sensorial/ funcional, nivel socioeconómico...). A isto chamáselle «interseccionalidade» e tende a agravar as violencias machistas. 
  • Implicar a axentes, organizacións, asociacións e persoas a título individual na consecución das medidas establecidas mediante o Pacto. 
  • Conseguir que todos os espazos de ocio, sexan espazos seguros e libres de abusos e agresións sexistas. 
  • Potenciar aqueles espazos comprometidos coa seguridade e o rexeitamento de todo tipo de violencias.

Como participar?

De querermos acadar unha necesaria transformación cara unha sociedade igualitaria e xusta, debemos ter presente en todo momento que é fundamental a participación cidadá. Por iso, no desenvolvemento do Pacto Social por unha Coruña Libre de Violencias Machistas a cidadanía será protagonista.

Para facilitar a participación habilítanse distintas ferramentas tanto para persoas a título individual como para entidades dos seguintes campos: asociacionismo, hostalaría, ocio nocturno e medios de comunicación.

Cada persoa a título individual pode participar no pacto mediante a adhesión ao mesmo, asinando un compromiso de adhesión. Este compromiso suporá o rexeitamento de todo tipo de violencias machistas e a erradicación das mesmas dentro do seu entorno máis próximo. Así mesmo, poderán apuntarse nos cursos de formación gratuítos que ofrecerá a concellaría nos próximos meses en materia de violencias machistas; e solicitar materiais divulgativos do Pacto.

Igualmente o tecido asociativo e as entidades vinculadas co ocio nocturno, a hostalaría e os medios de comunicación poderán participar activamente na implementación do mesmo, asinando un compromiso público de rexeitamento das violencias machistas e levando a cabo unhas accións concretas para a erradicación das mesmas dende a súa entidade. As entidades e empresas participantes terán tamén a oportunidade de conseguir o recoñecemento de "Espazo libre de violencias machistas", elaborando previamente unha folla de ruta con apoio técnico se así o solicitan. Ademais, ao igual que as persoas que se adhiran a título individual, recibirán formación específica en materia de violencias machistas e poderán solicitar materiais informativos do Pacto.

Se ti e/ou a túa entidade queredes adherirvos ao Pacto, podedes cubrir o seguinte formulario:

Pacto social: Inscrición entidades  

Pacto Social: Inscrición individual

Formación

Desenvolveranse cinco programacións:

  • Curso básico de Igualdade e prevención das violencias machistas.
  • Curso específico do ámbito dos medios de comunicación: Intervención dende os medios de comunicación fronte ás violencias machistas. 
  • Curso específico do ámbito da hostalaría: Intervención dende a hostalaría fronte ás violencias machistas.
  • Curso específico do ámbito do ocio nocturno: Intervención dende os locais de ocio nocturno fronte ás violencias machistas.
  • Curso específico do ámbito do asociacionismo: Intervención dende o tecido asociativo fronte ás violencias machistas.

En que datas e modalidade se pode realizar a formación?

Ofertaranse varias edicións durante o ano nas modalidades Online e presencial. 

Na actualidade, non hai datas dispoñibles, pero podes solicitar a túa inscrición no seguinte formulario: FORMULARIO DE INSCRICIÓN

Novas e eventos

Neste apartado podes consultar as principais novas referidas ao Pacto Social, así como a axenda de próximos eventos que se desenvolverán.

Materiais descargables

Pacto Social por unha cidade libre de Violencias Machistas

Cartel mapeando

Fichas Actúa:

Plan formativo:

Folleto "Actúo contra as Violencias Machistas":

Guías de actuación fronte ás Violencias Machistas:

Actualidade

Máis información

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión