Larpeirada é a palabra que en galego designa o doce, o peperete, o lambereteiro. E A Coruña é unha cidade que sabe sucumbir aos praceres da repostaría máis tradicional e tamén creativa, con establecementos que son auténticos templos para adozar os padais.
Non podes visitar A Coruña e non probar os seus churros con chocolate de Bonilla ou de El Timón, presentes en almorzos e merendas, e que dividen os corazóns dos coruñeses á hora de elixir cales son os mellores.
Se es dos que che perde un doce máis que calquera outra cousa no mundo e saboréalo sen remorsos, achégate a algunha das nosas clásicas confeiterías, artesanais e de longa tradición, como Glaccé ou Berna, e deléitate coas súas vitrinas repletas de felicidade: caracolas, bombas de crema, milfollas, brazos de nata con fresas, tortas, pasteis e pastas de té. Ou eses deliciosos roscóns de Reis, de fama nacional, zumentos, con azucre, crema e froita cristalizada, que provocan longas fileiras no tempo do Nadal. Ah! E non nos esquezamos dos delicados pasteis en miniatura da confeitería Paris.
Adozar a túa viaxe non será tarefa difícil. Existen tamén mestres pasteleiros que agregan novos sabores, formas e cores á oferta doce. Mostra desta gran pericia atoparala en establecementos como Habaziro, con marabillosos croissants de abelá, pistacho ou chocolate, tortas, tartaletas, biscoitos e cookies. Ou en Doriel, virtuoso do chocolate e á hora de realizar creativas elaboracións que deixan abraiados os seus clientes. Un bo café como acompañamento será a parella imbatible.
E entre doce e doce, a refrescante oferta de xeados e de cócteis completa o mapa de sabores máis tentadores da cidade. Ao longo da avenida da Mariña atoparás unha boa mostra das mellores xeadarías, apetecibles en calquera época do ano.
"É o momento de concederse un (ou varios) caprichos!"