A Coruña pode presumir de ter unha despensa km0 de primeiro nivel, froito dunha natureza xenerosa e do agarimo de produtores que transmitiron de xeración en xeración o seu saber facer. Unha total garantía de frescura e compromiso sostible coa contorna.
Ademais dos peixes e mariscos que chegan cada día ao noso porto, A Coruña conta con magníficas hortas e campos na súa área de influencia. A poucos quilómetros da cidade, na Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, apóstase por un sistema alimentario sostible (ademais de ser Primeiro Destino de Ecoturismo certificado de Galicia).
No territorio atópanse cultivos con variedades tradicionais como o tomate negro de Santiago, a cebola ou o repolo de Betanzos, ou as uvas das variedades Branco Lexítimo e Agudelo, recoñecidas pola Indicación Xeográfica Protexida (IXP)-Viño da Terra de Betanzos.
Entre os seus produtos alimenticios: Galiña Piñeira, Pan e Empanadas de Carral, a Sardiña de Sada, os Mexillóns de Lorbé (DO Mexillón de Galicia), a Tortilla de Betanzos, queixos, marmeladas, mel, plantas aromáticas e medicinais, algas con fins culinarios ...
En definitiva, un extenso abano de todo tipo de produtos agroalimentarios, ecolóxicos e de primeira calidade que axudan a completar a Dieta Atlántica que ofrecen os establecementos coruñeses.
Marca de Calidade Mariñas coruñesas
Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo foi declarada Reserva de Biosfera pola UNESCO en 2013, destacando a súa riqueza natural, ambiental e agroalimentaria. Unha magnífica despensa de proximidade que enriquece as mesas dos nosos restaurantes e que conta cun selo de calidade para os seus produtos autóctonos