O percebe é o rei dos mariscos, o máis cobizado. Se o é é debido a que é o máis difícil de conseguir. Os percebeiros saen cada día para buscar este produto tratando de esquivar as ondas e a furia do Atlántico.
Este crustáceo crece exclusivamente en rochas batidas pola ondada e a súa forma de uña é moi característica do litoral galego. Aos pés da Torre de Hércules, na rocha da "Galera" adoitan atoparse os máis prezados do noso litoral. A complexidade de capturalos é o que provoca que canto máis difícil sexa chegar ata eles mellores sexan. A Confraría de Pescadores da Coruña é quen dispón da súa explotación.
Especialmente coñecidos son tamén os do Roncudo (Corme, Ponteceso), na Costa da Morte, onde os percebeiros xogan cada día a vida para extraelos das pedras. Observando a súa forma de traballar é fácil deducir que, por moi alto que sexa o seu prezo, serán sempre baratos.
E como o produto é tan bo, o seu cociñado apenas require complexidade. Só é necesario cocelos en auga con sal durante apenas dous minutos.