Concello da Coruña

Concello da Coruña

Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo

Para os viaxeiros e viaxeiras que busquen paisaxes verdes, fervenzas e ríos non fai falta ir moi lonxe. A só un paso da Coruña agarda a Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, o primeiro destino de ecoturismo certificado de Galicia recoñecido pola UNESCO no 2013, e unha das seis reservas da biosfera galegas.

Esta paisaxe de gran diversidade biolóxica esconde tesouros naturais como o río Mero e o Mandeo, humidais e bosques atlánticos con árbores centenarias. Unha zona que ocupa máis de 116.700 hectáreas repartidas en 17 municipios: Abegondo, Aranga, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Coirós, Culleredo, Curtis, Irixoa, Miño, Oleiros, Oza-Cesuras, Paderne, Sada e Sobrado.

Para este baño na natureza dun día só fai falta un coche propio ou de alugueiro, é posible chegar tamén en calquera das liñas do transporte metropolitano que comunica A Coruña cos municipios que forman parte da reserva. Ademais, é fácil acceder a eles a través da parada en Entrexardíns, á beira dos xardíns de Méndez Núñez, en pleno centro da cidade.

A reserva da Biosfera é o lugar idóneo para os amantes das rutas de sendeirismo. Tamén para os que buscan unha forma de turismo sostible, respectuosa co medio ambiente e na que se poida vivir con calma as tradicións locais. O mellor é calzarse unhas boas zapatillas de treking e deixarse sorprender polas paisaxes que bordean o río Mandeo. Existen diferentes rutas que pasan por fervenzas, como a fervenza do Mainzoso en Paderne, que pasa por diante do conxunto de casas rurais Muíños do Mainzoso, ou as fervenzas do Zarzo en Irixoa. Outro paseo que conquista pola súa beleza é o que percorre os 14 quilómetros que separan o encoro de Cecebre de Cambre. Trátase dun dos tramos máis accesibles para todo o mundo e que namora tamén aos amantes da bicicleta.

A reserva da biosfera é un lugar para observar á fauna autóctona. É famosa a ruta ornitolóxica O Bosque Animado, para a observación de paxaros no encoro de Cecebre. Unha das características que fan singular esta paisaxe é a proximidade do mar e a montaña. A un paso dos bosques atlánticos agardan as tranquilas praias de Miño e Sada. A praia de Espiñeiro, en Bergondo, é unha das favoritas para unha viaxe en familia e desde a que se poden practicar diferentes actividades náuticas como paddle surf. Para os que prefiran un paseo tranquilo, dar un paseo polo porto de Sada e comer un xeado é un dos plans favoritos dos locais.

Os mellores produtos autóctonos

Pero se hai algo que caracteriza esta contorna da provincia coruñesa, ademais das súas paisaxes, é a calidade dos seus produtos. Os alimentos que saen destas terras levan a garantía da marca Reserva da Biosfera. Famosos son os grelos de Monfero, o repolo de Betanzos ou as patacas de Miño. Non hai que perder de vista as xornadas Territorio Altántico, que se organizan cada ano para dar a coñecer os sabores da terra e destacar o traballo dos agricultores e produtores da zona.

Pódense visitar tamén algúns dos proxectos que traballan para preservar a agricultura da zona e facelo, ademais, de forma respectuosa co medio ambiente, como Os Biosbardos. Ou mergullarse no traballo dunha granxa e coñecer como se fan os xeados máis famosos de Galicia: os de Bico de Xeado. Unha escapada para respirar aire puro, volver con enerxías renovadas e seguir gozando do ritmo vibrante das rúas da Coruña.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Iniciar sesión