Instrucións en relacion ás prestacións derivadas dos contratos públicos no sector público municipal do Concello da Coruña, con ocasión da COVID-19: aplicación do Real decreto-lei 8/2020, do 17 de marzo, de medidas urxentes extraordinarias para facer fronte ao impacto económico e social da COVID-19.
24 de marzo de 2020
25 de marzo de 2020
- Por Decreto da Alcaldía do 12 de marzo do 2020 acordouse a declaración de extraordinaria e urxente necesidade como consecuencia da pandemia declarada pola COVID-19, no que se dispoñía a adopción das medidas necesarias para garantir a seguridade e a salubridade públicas e o funcionamento dos servizos imprescindibles e, en xeral, de todas as necesarias para facer fronte á crise sanitaria actual e ás súas consecuencias no municipio da Coruña.
- Por Resolución do 13 de marzo de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, publicada no DOG do mesmo día, déuselle publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 13 de marzo de 2020, polo que se declaraba a situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia como consecuencia da evolución da pandemia da COVID-19.
- O 14 de marzo de 2020, mediante o Real decreto 463/2020, declarouse o estado de alarma para a xestión da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19.
- O 12 de marzo de 2020, aprobouse o Real decreto-lei 7/2020, do 12 de marzo, polo que se adoptan medidas urxentes para responder ao impacto económico da COVID-19.
- O 17 de marzo, aprobouse o Real decreto-lei 8/2020, do 17 de marzo, de medidas urxentes extraordinarias para facer fronte ao impacto económico e social da COVID-19, cuxo artigo 34 establece medidas en materia de contratación pública para paliar nese ámbito as enormes consecuencias económicas pero tamén sociais e humanas, medidas para evitar os efectos negativos sobre o emprego e a viabilidade empresarial derivados da suspensión de contratos públicos, impedindo a resolución de contratos públicos por parte de todas as entidades que integran o sector público e evitar que a COVID-19 e as medidas adoptadas polas AA.PP. teñan un impacto estrutural negativo sobre esta parte do tecido produtivo.
De conformidade co marco legal extraordinario e urxente mencionado faise necesario fixar, co rango de instrución, unhas directrices xerais para empregar no marco das relacións contractuais e prestacionais deste concello (extensible, tamén, ao conxunto dos entes instrumentais dependentes de calquera natureza), co obxectivo de manter uns criterios uniformes e homoxéneos, sen prexuízo das adaptacións ás circunstancias extraordinarias actuais.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible