Concello da Coruña

Concello da Coruña

Grupos políticos municipais

A Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, dedica o seu Capítulo V a regular o Estatuto dos membros das corporacións locais. Igualmente, a Lei 5/1997, de 22 de xullo, de Administración local de Galicia fala dos grupos municipais no Capítulo III, sección novena do Título I.

Pola súa parte, o Regulamento Orgánico Municipal (ROM) do Concello da Coruña dedica o seu Título segundo aos grupos municipais.

No seu contido sinala que, para os efectos da súa actuación corporativa, os/as concelleiros/as constituiranse en grupos municipais, que se corresponderán cos partidos políticos, federacións, coalicións ou agrupacións que obtivesen postos na corporación. Cada partido político, federación, coalición ou agrupación constituirá un único grupo. Ninguén pode pertencer simultaneamente a máis dun grupo.

O mínimo de concelleiros/as para constituír un grupo municipal é de dous. Integraranse, en todo caso, no grupo mixto os membros dos partidos políticos, federacións, coalicións ou agrupacións que non obtivesen un mínimo de dous escanos. No caso de que non existise grupo mixto, este quedará constituído polo membro do partido político, federación, coalición ou agrupación que obtivese un só escano. Os membros das corporacións locais que non se integren no grupo político que constitúa a formación electoral pola que foron elixidos ou que abandonen o seu grupo de procedencia, terán a consideración de membros non adscritos.

A corporación municipal da Coruña para o mandato 2023-2027 está formada por 27 concelleiros e concelleiras, distribuídos en tres grupos municipais: o Grupo Municipal dos Socialistas de Galicia-PSOE (11 membros), o Grupo Municipal do Partido Popular (12 membros) e o Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego (4 membros). Foron designados voceiros deses tres grupos, respectivamente, os concelleiros José Manuel Lage Tuñas, Miguel Lorenzo Torres e Francisco Xesús Jorquera Caselas.

A alcaldesa da cidade, Inés Rey García, asinou o 26 de xuño de 2023 o Decreto 4562/2023, en virtude do cal se declaraban constituídos os citados grupos municipais, que pode consultarse o  Decreto 4562 constitución grupos políticos .

Do devandito decreto deuse conta no pleno extraordinario e urxente da corporación municipal celebrado o 29 de xuño de 2023. Nesa sesión, adoptáronse por unanimidade os acordos organizativos para o mandato 2023-2027, entre eles os referentes ao réxime de retribucións, asistencias e indemnizacións do persoal membro da corporación, que pode consultarse na seguinte acta, Pleno extraordinario e urxente do 29 de xuño de 2023 .

MEDIOS Á DISPOSICIÓN DOS GRUPOS MUNICIPAIS

O artigo 20 do ROM establece que a Alcaldía porá á disposición dos grupos municipais un local ou despacho para reunirse, e recibir visitas da cidadanía, así como a infraestrutura mínima de medios materiais e persoais para o desenvolvemento das súas funcións. As oficinas dos tres grupos municipais da corporación da Coruña atópanse no Palacio de María Pita.

Tamén recolle o ROM que o pleno da corporación, con cargo aos orzamentos anuais da mesma, poderá asignar aos grupos políticos unha dotación económica que deberá contar cun compoñente fixo, idéntico para todos os grupos e outro variable, en función do número de membros de cada un deles, dentro dos límites que, no seu caso, se establezan con carácter xeral nas leis de Orzamentos xerais do Estado e sen que poidan destinarse ao pago de remuneracións de persoal de calquera tipo ao servizo da corporación ou á adquisición de bens que poidan constituír activos fixos de carácter patrimonial.

DOTACIÓNS AOS GRUPOS MUNICIPAIS

O 21 de xullo de 2023, a Xunta de Goberno Local do Concello da Coruña aprobou por unanimidade o proxecto de expediente M3/2023, de suplementos de crédito, baixas por anulación de créditos e modificación das Bases de Execución do Orzamento de 2023 (prorrogado de 2022). O contido do mesmo pode consultarse na acta da dita sesión, Xunta de Goberno Local Extraordinaria e urxente de 21 de xullo de 2023 .

Posteriormente, o pleno da corporación municipal deu luz verde de forma inicial o 27 de xullo de 2023 ao expediente M3/2023, que quedou aprobado de forma definitiva na sesión de carácter ordinario celebrada o 7 de setembro de 2023, acordo publicado no BOP do 8 de setembro. Pode consultarse o contido do expediente M3/2023 Modificación orzamentaria do 7 de setembro de 2023, exp. M3/2023 .

En virtude do acordo mencionado, modificouse a Base 11ª B) das de execución do Orzamento de 2023, "Subvencións a grupos políticos", procedendo a introducir cambios nos importes do compoñente fixo e do compoñente variable da dotación aos grupos políticos.

De tal forma que as dotacións económicas para os grupos políticos do Concello da Coruña, conforme ao establecido no artigo 73.3 da Lei 7/1985, segundo a redacción dada pola Lei 11/1999, de 21 de abril, e que se recollen na aplicación orzamentaria 10.912.489.23, constarán dun compoñente fixo, idéntico para cada un dos grupos, e outro variable, en función do número de membros de cada un deles.

Para o ano 2023 o compoñente fixo se establece en 1.000 euros mensuais por grupo e o compoñente variable en 750 euros/mes por concelleiro/a adscrito/a, independentemente de que formen ou non parte do Goberno. Estas cantidades enténdense sen prexuízo das limitacións que poida establecer a Lei de Orzamentos Xerais do Estado.

As ditas dotacións cumprirán os seguintes requisitos:

1º. Non poderán destinarse ao pago de remuneracións de persoal de calquera tipo ao servizo da corporación ou á adquisición de bens que poidan constituír activos fixos de carácter patrimonial.

2º. Ingresaranse en conta aberta a nome dos grupos políticos no banco ou caixa que sinalen.

 3º. O pago efectuarase, por trimestres anticipados, contra xustificante expedido polo/a voceiro/a de cada grupo, no que fará constar de forma expresa o número de concelleiros/as en exercicio adscritos ao grupo e a declaración de cumprimento do previsto no apartado 1º.

4º. A aportación terá carácter incondicionado, agás o establecido no apartado 1º, polo que non será necesario xustificar o destino dado aos fondos percibidos, sen prexuízo da necesidade de levar unha contabilidade adecuada e conservar os correspondentes xustificantes, que porán á disposición do pleno da corporación sempre que este o pida. No seu caso, poderá solicitar o informe da persoa titular da Intervención Xeral acerca do cumprimento das normas que rexen estas dotacións.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión