O control municipal sobre o estado de conservación dos inmobles realízase no Servizo de Rehabilitación a través dos informes de avaliación dos edificios (IEE), por medio dos procedementos de reparación de deficiencias e de declaración de ruína.
A Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (DOG núm. 34, do 19/02/2016 e BOE núm. 81, do 04/04/2016), que derrogou, entre outras, a Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e o Decreto 143/2016, do 22 de setembro (DOG núm. 213, do 09/11/2016), que aproba o regulamento de desenvolvemento da antedita lei 2/2016, en vigor desde o 19/03/2016 e o 09/12/2016, respectivamente, establecen no capítulo I do seu título VI a obriga das persoas propietarias dos edificios de conservalos nas condicións legais para servir de soporte aos usos que sexan compatibles coa ordenación territorial e urbanística e, en todo caso, nas de seguridade, salubridade, accesibilidade universal e ornato legalmente esixibles; atribuíndolles aos concellos a competencia para ditar ordes de execución que obriguen as persoas propietarias dos bens inmobles a realizar as actuacións necesarias para dar debido cumprimento á devandita obriga.
Sobre esta materia incide tamén posteriormente a Lei 1/2019, do 22 de abril, de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia (DOG núm. 83, de 02/05/2019 e BOE núm. 126, de 27/05/2019), en vigor desde o 22/05/2019, e que introduce no capítulo II do seu título preliminar (artigos 5 ao 10) a regulación do informe de avaliación dos edificios (IEE), definíndoo como o instrumento que acredita a situación na que se atopa un edificio en relación ao seu estado de conservación, ao cumprimento da normativa vixente sobre accesibilidade e ao seu grao de eficiencia enerxética e atribuíndolles aos concellos a competencia para velar polo cumprimento da obriga de redactar estes informes.
Esta lei 1/2019 remitiu o contido detallado, estrutura, alcance e efectos derivados do IEE ao desenvolvemento regulamentario; e nesta liña e tras un período de consulta pública e despois dos trámites de información pública e audiencia, aprobouse o Decreto 61/2021, do 8 de abril, polo que se regula o informe de avaliación dos edificios e se crea o Rexistro galego de informes de avaliación dos edificios (DOG núm. 73, de 20/04/2021), que entrou en vigor o 20/05/2021, cuxa disposición transitoria primeira foi modificada polo Decreto 34/2022, do 10 de marzo (DOG núm. 56, do 22/03/2022).
Sobre a base de canto antecede, este concello aprobou o 10/03/2022 unha nova Ordenanza de conservación e rehabilitación de inmobles (BOP da Coruña, núm. 54, de 21/03/2022), en vigor dende o 12/04/2022, tanto para adaptar a regulación contida na anterior, que era do ano 2011, ás modificacións que introduciron as normas mencionadas como para depurar a súa redacción despois de derrogarse de forma expresa parte do seu articulado, en suma, para dotar de seguridade xurídica os procedementos que se tramitan na materia.
O obxectivo principal da nova ordenanza é, polo tanto, adaptar a regulación municipal dos procedementos que teñen por obxecto o cumprimento dos deberes de conservación dos inmobles á actual normativa autonómica. Ao mesmo tempo, preténdese:
Neste sentido, tras un título preliminar de disposicións xerais na materia, os procedementos relativos a conservación e rehabilitación de inmobles regúlanse no título I desta nova ordenanza, estruturando en capítulos distintos:
Estes procedementos poden iniciarse de oficio ou por solicitude dunha persoa interesada. Neste último caso, é necesario achegar a documentación indicada na propia ordenanza, en concreto nos artigos 10.3, para os de deficiencias, e 24.2, para os de ruína.
En ambos os tipos de procedementos, prevese, así mesmo, o relativo á adopción de medidas de seguridade e/ou actuacións por razón de urxencia en tanto o respectivo procedemento tramítase.
As obras cuxo requirimento se dispoña nestes procedementos realizaranse ao amparo do correspondente título urbanístico habilitante (licenza ou comunicación previa, segundo a entidade das devanditas obras e con suxeición ao regulado na normativa urbanística), que se deberá solicitar/presentar no prazo que na propia orde se dispoña.
Regúlanse, finalmente, as medidas por incumprimento das ordes referidas: execución forzosa mediante a imposición de multas coercitivas, prema sobre o patrimonio e/ou execución subsidiaria; así como a posibilidade de acudir á aplicación dos réximes de expropiación, venda ou substitución forzosa.
Se desexa obter máis información sobre estes procedementos no Concello da Coruña, pode poñerse en contacto a través do servizo de consultas dispoñibles na seguinte LIGAZÓN
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible