A Lei 1/2019, do 22 de abril, de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia (DOG núm. 83, do 02/05/2019 e BOE núm. 126, de 27/05/2019), que entrou en vigor o 22/05/2019, introduce no capítulo II do seu título preliminar (artigos 5 ao 10) a regulación do informe de avaliación dos edificios (IEE), definíndoo como o instrumento que acredita a situación na que se atopa un edificio en relación ao seu estado de conservación, ao cumprimento da normativa vixente sobre accesibilidade e ao seu grao de eficiencia enerxética e atribuíndolles aos concellos a competencia para velar polo cumprimento da obriga de redactar estes informes.
O contido obrigatorio que establece este texto legal para o informe resulta de maior amplitude que os anteriores informes da inspección técnica de edificios (ITE), en tanto que non só inclúe a avaliación do estado de conservación do edificio (o seu estado xeral, o dos seus elementos estruturais e construtivos e o das instalacións que non requiran, pola súa normativa sectorial, inspeccións técnicas específicas, así como as patoloxías ou deficiencias que se poidan apreciar coa inspección visual), senón tamén, como novidade respecto da ITE:
Esta lei 1/2019 remitiu o contido detallado, estrutura, alcance e efectos derivados do IEE ao desenvolvemento regulamentario; e nesta liña e tras un período de consulta pública e despois dos trámites de información pública e audiencia, aprobouse o Decreto 61/2021, do 8 de abril, polo que se regula o informe de avaliación dos edificios e se crea o Rexistro galego de informes de avaliación dos edificios (DOG núm. 73, do 20/04/2021), que entrou en vigor o 20/05/2021, cuxa disposición transitoria primeira foi modificada polo Decreto 34/2022, do 10 de marzo (DOG núm. 56, do 22/03/2022).
Sobre a base de canto antecede, este concello aprobou o 10/03/2022 unha nova Ordenanza de conservación e rehabilitación de inmobles (BOP da Coruña, núm. 54, do 21/03/2022), en vigor desde o 12/04/2022, tanto para adaptar a regulación contida na anterior, que era do ano 2011, ás modificacións que introduciron as normas mencionadas como para depurar a súa redacción despois de derrogarse de forma expresa parte do seu articulado, en suma, para dotar de seguridade xurídica os procedementos que se tramitan na materia.
O obxectivo principal da nova ordenanza neste ámbito é precisar e desenvolver as cuestións que o referido decreto 61/2021 deixa ao criterio municipal. Neste sentido, dedica ao informe de avaliación dos edificios o seu título II, regulando, entre outros aspectos, o seu ámbito de aplicación neste municipio, prazo de presentación, alcance, efectos, vixencia, medidas por incumprimento e forma de presentación.
En concreto, e de conformidade co previsto no seu artigo 41:
Artigo 41
1. Deberán dispoñer do IEE os edificios existentes no termo municipal da Coruña, públicos e privados, para os que así o esixe a normativa autonómica e especificamente para este concello os seguintes:
a) Os edificios catalogados, independentemente da súa antigüidade e uso
b) Os edificios de uso residencial cunha antigüidade de máis de 50 anos, conforme á definición e clasificación establecidas para o devandito uso no Plan xeral de ordenación municipal (PXOM)
c) Os edificios doutros usos non residenciais cunha antigüidade de máis de 50 anos, excepto os localizados no ámbito de aplicación das normas zonais 6 e 7.
2. Quedan excluídos da obriga de presentación do IEE os inmobles que teñan declaración firme de ruína e orde consecuente de demolición.
Artigo 42.1
Segundo o artigo 42.1 da mesma norma, "A propiedade dos edificios obrigados deberá presentar por primeira vez o IEE no prazo máximo dun ano desde que se alcance calquera das circunstancias que motivan a obriga de presentación (catalogación ou antigüidade superior a 50 anos), sen necesidade de que se efectúe un requirimento expreso. No caso de que o concello opte por requirir expresamente, poderá establecerse de forma motivada un prazo inferior de presentación".
E conforme ao establecido na disposición transitoria primeira da propia ordenanza:
"Tras ter en conta o establecido na disposición transitoria primeira do Decreto 61/2021, do 8 de abril, polo que se regula o informe de avaliación dos edificios (IEE) e se crea o Rexistro galego destes informes (REGIAE) así como no título II da presente ordenanza, establécense os seguintes prazos para presentar o primeiro IEE:
Edificios obrigados | Prazo de presentación |
---|---|
Edificios de calquera uso (excepto os non residenciais das normas zonais 6 e 7) que teñan máis de 50 anos na data de entrada en vigor desta ordenanza |
Ata o 20/05/2024, segundo a disposición transitoria primeira do Decreto 61/2021 ou, se é o caso, o prazo que fixe a norma que a modifique ou substitúa |
Edificios catalogados de menos de 50 anos na data de entrada en vigor desta ordenanza |
Ata o 20/05/2024, segundo a disposición transitoria primeira do Decreto 61/2021 ou, se for o caso, o prazo que fixe a norma que a modifique ou substitúa |
Edificios de calquera uso (excepto os non residenciais das normas zonais 6 e 7) que alcancen a antigüidade de máis de 50 anos con posterioridade á entrada en vigor desta ordenanza |
O prazo do ano natural seguinte á data na que se cumpran os 50 anos |
Edificios de calquera uso que se cataloguen con posterioridade á entrada en vigor desta ordenanza |
O prazo do ano natural seguinte á data na que se cataloguen |
Estes prazos de presentación rexerán salvo no caso de que o concello efectúe un requirimento expreso á propiedade que conteña un prazo inferior segundo o establecido no artigo 42.1 desta ordenanza, nese caso será este o aplicable".
Máis información
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible