Concello da Coruña

Concello da Coruña

Que é?

O alcol é un depresivo do sistema nervioso central e actúa directamente sobre o cerebro, o que fai que se perda o autocontrol, producindo inicialmente euforia e desinhibición, polo que se pode confundir cun estimulante.

O principal compoñente das bebidas alcohólicas é o etanol ou alcol etílico, que ten diferente concentración dependendo do seu proceso de elaboración. As bebidas alcohólicas poden ser:

  • Fermentadas: viño, cervexa e sidra. Teñen unha gradación entre os 4 e os 15º. Prodúcese pola fermentación dos azucres das froitas ou os cereais.
  • Destiladas: son o resultado da destilación das bebidas fermentadas, co que teñen maior concentración de alcol. O bagazo, pacharán, vodka, whisky, o ron ou a xenebra teñen entre 40 e 50º, o que supón que o 40% ou o 50% do que se bebe é alcol puro.

Cando se toman grandes doses altéranse as sensacións, diminuíndose a coordinación muscular e a memoria durante a intoxicación. Cando a dose pasa de 4 ou 5 gramos de alcol por litro de sangue, o individuo está exposto a sufrir un estado de coma e causar a morte (os efectos da intoxicación aguda poden variar en función do peso, a idade e o estado de saúde). A cirrose é unha enfermidade producida pola inxestión de alcol que dana e destrúe o tecido hepático. O alcol produce gastrite, o que fai que se diminúa o apetito do bebedor.

Efectos

Os efectos do alcol dependen da cantidade consumida, pero existen outras circunstancias que os poden acelerar ou agravar.

  • A idade: a mocidade é máis sensible aos efectos do alcol en actividades que teñen que ver coa planificación, memoria e aprendizaxe, e é máis resistente cós adultos para os efectos sedantes e a descoordinación motora.
  • O peso e o sexo: o alcol afecta de modo máis grave ás persoas con menor masa corporal. En xeral, as mulleres pesan menos e o tamaño dos seus órganos internos é proporcionalmente máis pequeno, polo tanto, menores cantidades de alcol poden xerar máis rapidamente danos psico-orgánicos e desenvolver problemas co alcol máis facilmente que nos homes.
  • A cantidade e rapidez da inxesta: segundo a cantidade de alcol consumida, pódese considerar como de risco baixo, alto ou perigoso. A maior inxesta de alcol en menor tempo, maior posibilidade de intoxicación.
  • A combinación con bebidas carbónicas (tónicas, colas, etc) acelera a intoxicación.
  • A inxestión simultánea de comida, especialmente de alimentos graxos, enlentece a intoxicación pero non evita nin reduce os danos ao organismo.
  • A combinación con outras substancias, como os tranquilizantes, relaxantes musculares e analxésicos, potencia os efectos sedantes do alcol. Cando se combina con cannabis increméntanse os efectos sedantes de ambas as sustancias. No caso da cocaína, que é un estimulante, os efectos contrarréstanse, pero a toxicidade de ambas as substancias é maior que se se consumisen por separado.

Riscos

O consumo de alcol durante as fins de semana, sobre todo entre a mocidade, converteuse nun problema de saúde pública, xa que se comprobou que o risco de padecer trastornos físicos, psicolóxicos e do comportamento é maior cando o consumo de alcol se inicia na adolescencia.

O abuso de alcol favorece a aparición de condutas de risco, xa que desinhibe e, ademais, provoca unha falsa sensación de seguridade. Por iso, está relacionado con accidentes de tráfico e laborais ou con prácticas sexuais de risco que poden levar a contraer infeccións de transmisión sexual e provocar embarazos non desexados.

Se se inxere alcol durante o embarazo, os bebés poden nacer con síndrome de alcoholismo fetal, que no noso país é a terceira causa de atraso mental grave e a máis facilmente evitable. Aparece con frecuencia elevada en fillos/as de mulleres alcohólicas.

O alcol crea unha forte dependencia física e psíquica (alcoholismo). O risco de desenvolver alcoholismo depende de varios factores, entre os que se destacan:

  • A vulnerabilidade individual: os/as fillos/as de pai ou nai alcohólica teñen un maior risco de desenvolver problemas co alcol, sobre todo se son homes. Tamén teñen máis risco aqueles que o utilizan para aliviar o malestar psicolóxico ou superar os seus problemas persoais.
  • A idade de inicio: canto antes se empeza a beber, máis risco existe de desenvolver dependencia na idade adulta.
  • A cantidade que se bebe: aínda que a Organización Mundial da Saúde indica que non hai unha cantidade segura por baixo da cal non haxa riscos, establécense tres categorías de bebedores en función da cantidade inxerida e o sexo.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión