Basicamente, a prevención ten o propósito de evitar a aparición de riscos para a saúde do individuo, da familia e da comunidade. Implica actuar para que un problema non apareza ou, se é o caso, para diminuír os seus efectos.
Previr é anticiparse, adiantarse, actuar para evitar que ocorra algo que non queremos que pase, neste caso, que se consuman drogas. Pero se xa se están tomando, previr é intentar evitar que o problema vaia a máis e, en caso de existir algunha situación de dependencia, axudarlles ás persoas a recibir tratamento para superala e saír dela.
Pódese facer prevención de varias maneiras:
En prevención non existen solucións máxicas, senón que se van realizando un conxunto de actuacións en diversas direccións.
Na nosa sociedade existe e existirá oferta de drogas, legais e ilegais, e é imposible eliminalas todas, polo que controlar a oferta é unha forma de facer prevención, pero non a única nin a máis eficaz.
A dispoñibilidade de drogas é só unha parte do problema. Temos que pensar que hai drogas porque hai demanda, así que a prevención sobre esta demanda é a que pode facer calquera persoa e ademais, é a que dá mellores resultados.
A prevención é un labor de todos e todas, na que cada persoa pode proporcionar algo. Trátase de que vaiamos reducindo os factores de risco e creemos un estilo de vida saudable, tanto individual como colectivo.
É o conxunto de actividades que se deseñan para abarcar a poboación en xeral, sen contemplar se algúns presentan maior número de riscos individuais que os poidan levar ao comezo e abuso de drogas. Nesta intervención preventiva, considérase que os membros da poboación poden compartir os mesmos factores de risco relacionados coas drogas, pero que o risco pode ser variable para cada individuo.
O seu obxectivo é pospoñer ou previr o inicio do consumo de drogas a partir da presentación de información específica e actualizada e promover o desenvolvemento de habilidades necesarias que contrarresten o problema das adiccións.
Basicamente, os programas de prevención universal enfócanse ao melloramento ambiental, ao establecemento de habilidades de resistencia persoais e ao fortalecemento doutros aspectos positivos na poboación participante. Son programas abertos, é dicir, promoven a participación de todas as persoas en xeral.
Considérase que os factores de risco e protección que se integran nos programas de prevención universal reflicten, principalmente, as influencias do medio, máis que as características individuais ou de certos subgrupos.
Os efectos ou resultados derivados da intervención presentan limitacións no que respecta á súa medición.
Os programas de prevención selectiva diríxense a grupos da poboación con maior risco de consumo de drogas.
O obxectivo principal é evitar o inicio do consumo de drogas a partir do fortalecemento dos factores de protección dos membros deses grupos de risco (por exemplo propia estima, solución de problemas...), de forma que estes sexan empregados como recursos efectivos contra os factores de risco (como a asociación que se establece con xente que abusa das drogas).
O coñecemento dos factores de risco específicos para cada grupo favorece o deseño de programas preventivos que enfocan os seus obxectivos á redución de riscos particulares vinculados coas drogas.
Frecuentemente, os factores de risco que son avaliados e considerados nos programas de prevención selectiva mostran tanto as características individuais e do grupo, como as influencias ambientais, por exemplo: abuso de sustancias en membros da familia, desemprego, altos índices de criminalidade etc.
Conxunto de actividades dirixidas a aquelas persoas que experimentaron con drogas e mostran condutas problemáticas asociadas ao consumo de sustancias. Os obxectivos destes programas adoitan ser reducir o consumo de sustancias, a frecuencia ou a cantidade e os problemas asociados a el.
Selecciónanse de forma específica os participantes para o desenvolvemento das actividades que, basicamente, pretenden modificar as súas condutas.
As actividades enfócanse, principalmente, aos factores de risco asociados co individuo e ás súas condutas-problema (por exemplo, baixa estima; problemas de conduta; afastamento da familia, a escola ou o grupo de amigos positivos).
Neste tipo de intervencións, é de grande importancia realizar unha avaliación precisa sobre o risco persoal no que se encontran os individuos, así como do nivel de condutas problemáticas relacionadas, en lugar de centrar a atención na pertenza dun individuo a certo grupo de alto risco.
Os programas de prevención indicada teñen unha duración maior que os de prevención universal e selectiva. O número de participantes é menor en comparación cos programas universais e selectivos.
O seu desenvolvemento require profesionais especializados.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible