ketamina | GHB | metanfetamina | éxtase | PCP
Ketamina
A Ketamina ou especial k é un anestésico que se usa con fins médicos e en veterinaria. Na rúa pódese atopar como líquido, cristais, pastillas ou cápsulas. Pode estar mesturada con outras sustancias (efedrina, cafeína...)
Os seus efectos dependen da composición, a dose, o contexto en que se consuma e as características persoais (peso, idade...). A doses baixas, produce efectos similares á bebedeira por alcol, con perda de coordinación e dificultades para falar e pensar, visión borrosa, etc. A doses altas pode provocar delirios, pseudoalucinaciones, perda da noción do espazo e do tempo e distorsión da realidade.
Ten un elevado risco de adicción e unha rápida tolerancia. A súa combinación con alcol ou outras drogas incrementa os riscos do seu consumo. A mestura con psicoestimulantes e/ou alucinógenos pode provocar unha reacción impredicible e moi perigosa.
GHB
O GHB é un potente depresor do sistema nervioso central que inicialmente pode producir sensación de benestar e euforia. É un líquido transparente que se consome por vía oral mesturado con auga, polo que é difícil controlar a doses consumida e lixeiras variacións en cantidade ou pureza producen efectos moi diferentes.
Os seus efectos varían moito dunha persoa a outra, e nótanse aos 10-20 minutos do consumo, duran de 60-90 minutos e desaparecen por completo ás 3-4 horas.
Aínda que o que se busca co seu consumo é aumentar a sociabilidad e a capacidade de comunicación, pode aparecer somnolencia, dor de cabeza, confusión... e mesmo depresión respiratoria, ideas delirantes, alucinacións e coma (sobre todo se se tomou alcol simultaneamente). Produce síndrome de abstinencia (insomnio, tremores, sudoración, ansiedade...) se se suspende o consumo habitual.
Metanfetamina
A metanfetamina é unha sustancia estimulante derivada da anfetamina con efectos máis potentes sobre o sistema nervioso; ten un elevado poder adictivo.
É un po branco, cristalino, sen cheiro e con sabor amargo que se disolve facilmente en auga. Coñéceselle como speed, meth e chalk, ou ben xeo ou crystal se se consome fumada. Pódese consumir por vía oral, inhalada, fumada ou inxectada, o que determina o tipo e a magnitude dos efectos que produce.
Provoca un aumento da actividade, unha diminución do apetito e unha sensación de benestar, a través da liberación de grandes cantidades de dopamina nas áreas cerebrais relacionadas co control da actividade motora, a aprendizaxe e o reforzo. Inmediatamente despois de ser fumada ou inxectada por vía intravenosa prodúcese unha sensación intensa de pracer (flash) que dura só uns minutos.
A inhalación e a inxesta oral provocan efectos de menor intensidade, máis duradeiros e de aparición algo máis tardía (de 3-5 minutos se se inhala, e de 15-20 minutos se se consome por vía oral).
Produce tolerancia con moita rapidez debido a que os seus efectos pracenteiros son de curta duración, aínda que a súa eliminación do sangue é bastante lenta (12 horas). Ao tentar manter este efecto co uso de doses repetidas, poténciase a súa toxicidade e o risco de sobredose.
Outros riscos engadidos son os derivados do consumo por vía inxectada, xa sexa pola aparición de flebitis ou abscesos cutáneos ou pola posibilidade de contaxio de enfermidades infecciosas se se utiliza o material sen hixiene e/ou se comparte.
Éxtase
A éxtase é a droga de síntese máis consumida en España; trátase dunha droga sintética, quimicamente similar á metanfetamina (estimulante) e á mescalina (alucinóxena), aínda que os seus efectos non son exactamente a suma de ambas.
Inxérese por vía oral, xeralmente en forma de pastilla, tableta ou cápsula, que adoitan levar debuxos impresos que facilitan o seu recoñecemento polos consumidores e que, ademais, dan lugar a unha auténtica xerga: love, golfiños, pirulas, pastis...
Nos últimos anos, detectouse a aparición dunha nova forma de presentación da éxtase en sales cristalizados chamada cristal (non confundir co crystal, que é metanfetamina cristalina) que se presenta en forma de po ou pequena roca e consómese preferentemente por vía oral, introducíndoo en cápsulas ou nun anaco de papel de fumar (bombitas), aínda que tamén pode consumirse fumada, inhalada ou inxectarse.
As pastillas absórbense no aparello dixestivo, dende onde pasan ao torrente sanguíneo; os seus efectos empezan a sentirse á media hora e duran entre dúas e tres horas. A éxtase afecta o metabolismo do organismo, dificultando o seu propio proceso de eliminación, polo que ao inxerir novas doses de MDMA para manter os efectos buscados, pódense producir concentracións moi elevadas en sangue e agravar os seus efectos tóxicos.
No cerebro incrementa a actividade de certos neurotransmisores, como a serotonina (que regula o estado de ánimo, o sono, as emocións e o apetito), a dopamina (responsable do sistema de gratificación cerebral e, polo tanto, dos efectos pracenteiros das drogas) e a norepinefrina (potente estimulante cerebral e cardíaco).
A éxtase provoca en primeiro lugar unha lixeira ansiedade, aumento da presión arterial, aceleración do ritmo cardíaco e contracción dos músculos da mandíbula; a pel humedécese e a boca sécase. Aparece despois unha lixeira euforia, unha sensación de benestar e de pracer que se acompaña de relaxación, un maior desenvolvemento dos sentidos e a sensación de comprender e aceptar os demais (empatía).
O consumo de éxtase provoca a deshidratación do organismo, de aí a necesidade de manter unha hidratación adecuada, sobre todo se o consumidor se encontra nun ambiente cargado e realiza un esforzo físico intenso. Durante anos divulgouse a idea de que as persoas que consumían esta droga abstíñanse do consumo doutras, limitándose a acompañar as pastillas con grandes cantidades de auga. Esta conduta puido ser certa nos primeiros momentos de uso, pero desapareceu a medida que o consumo se popularizou; hai diversos estudos que demostran como os consumidores de éxtases teñen un perfil psicoactivo alto, entendendo por tal o hábito de consumir de maneira combinada diversas sustancias, entre as que o alcol, o tabaco, o cannabis e, en menor frecuencia, a cocaína, están presentes.
Un consumo regular e frecuente provoca nalgunhas persoas adelgazamento e debilidade; o humor vólvese inestable, chegando a provocar comportamentos agresivos. Esta forma de consumo pode revelar ou provocar trastornos psíquicos serios e duradeiros.
Os riscos parecen aumentar segundo a dose consumida, a composición do produto e a vulnerabilidade da persoa usuaria. Interacciona coa aspirina, algúns medicamentos contra o VIH e algúns antidepresivos.
O consumo de éxtase é especialmente perigoso para persoas que sofren trastornos do ritmo cardíaco, asma, epilepsia, problemas renais, diabetes, astenia e problemas psicolóxicos.
A asociación da éxtase a unha grande actividade física, como bailar durante horas, pode dar lugar ao golpe de calor, que consiste nun aumento da temperatura corporal que pode provocar un fallo renal.
Os usuarios crónicos de éxtases sofren dano nos procesos de atención, concentración e abstracción, perda de memoria, diminución do desexo sexual, perda de apetito e unha maior frecuencia de alteracións psiquiátricas como ansiedade, depresión, sintomatoloxía obsesiva, ideación paranoide ou trastornos do sono. Hai estudos que suxiren a posibilidade de que estes efectos non desexados, que non desaparecen con períodos de abstinencia prolongados, ocorran tanto en casos de consumo habitual como de consumo esporádico.
A éxtase, como o resto das drogas, produce tolerancia, dependencia e síndrome de abstinencia.
PCP
O PCP ou po de anxo é un po branco e cristalino que se disolve facilmente en auga ou alcol; é de sabor amargo e pódese mesturar con facilidade con colorantes.
Preséntase en forma de tabletas, cápsulas e pos de cores e consómese inhalada, fumada ou por vía oral.
Empregouse nos anos 50 como anestésico intravenoso, pero deixou de usarse debido aos seus efectos secundarios (axitación, delirios, etc.).
O PCP afecta o funcionamento cerebral, bloqueando a capacidade de concentración e de pensamento lóxico, e alterando a percepción, os pensamentos e o estado de ánimo. Algúns consumidores experimentan euforia en diferentes graos, mentres que outros senten ansiedade ou pánico.
O seu consumo habitual produce trastornos emocionais, perda de memoria, dificultade para falar e pensar, síntomas depresivos e perda de peso, que poden persistir ata un ano despois de suspender o seu uso.
Potencia o efecto doutros depresores do sistema nervioso central, como o alcol ou as benzodiazepinas, podendo poñer o perigo a vida.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible