Concello da Coruña

Concello da Coruña
Iniciar sesión

Do mar á clase e da clase ao mar

Programa de educación ambiental que busca levar aos centros educativos do Concello da Coruña unha serie de actividades para o coñecemento do medio mariño galego, a súa riqueza e a súa importancia, pero tamén para ser partícipes da súa conservación, comprendendo como o mar inflúe de forma directa nas nosas vidas e as nosas vidas inflúen na saúde do mar.

Localización do centro:

Só da Coruña

Servizo municipal:

Educación, Medio Ambiente

Titularidade do centro:

Público

A quen vai dirixido?:

Alumnado de 5º e 6º de EP.

Cada vez somos máis conscientes da importancia de coñecer e coidar o lugar no que vivimos e existe un interese renovado por vivir a natureza dun modo diferente. Desde 13 Grados, cooperativa galega sen ánimo de lucro que desde 2020 leva a cabo un labor de conservación e divulgación do medio mariño en Galicia, propuxéronse abrir unha xanela desde a que asomarnos á vida baixo o mar e concienciar sobre o noso papel na súa conservación. Non se pode conservar o que non se coñece, de aí a importancia de descubrir este mundo paralelo que se esconde alén da superficie.

Co proxecto "Do mar á clase e da clase ao mar" búscase que o alumnado de 5º e 6º de primaria coñezan o medio mariño galego, a súa riqueza e a súa importancia, e sexan partícipes da súa conservación.

A participación no proxecto inclúe a realización de dous talleres complementarios:

Actividade na aula: mergullando desde a clase

A través de dinámicas participativas e recursos audiovisuais percorremos o mundo submarino galego para coñecer a súa diversidade, as características dos seus habitantes e as relacións que manteñen co medio no que viven, poñendo especial atención nas necesidades da súa conservación.

Duración: 1h 30 min

Grupo: entre 40 e 50 alumnos de 5º ou 6º de Educación Primaria

Ferramenta: presentación e entrega do libro "Alén do azul": un libro-guía do mundo submarino galego como recurso e apoio para futuros traballos na aula. Choiva de ideas de posibles accións posteriores a realizar ao longo do curso.

Actividade na natureza: ondas de plástico

Achegarémonos á praia para identificar os diferentes rastros que as mareas deixan nesta contorna natural e a súa orixe, o que nos permitirá reflexionar sobre as causas e consecuencias da intervención humana neste ecosistema e buscar hábitos de vida máis sustentables que melloren o estado das praias.

Esta actividade incluirá a participación en proxectos de investigación e conservación do medio mariño a través do emprego de plataformas de ciencia cidadá.

Duración: 3h

Grupo: entre 40 e 50 alumnos de 5º ou 6º de Educación Primaria

Ferramenta: retiramos o lixo atopado na praia na primeira parte do taller, identificamos, fotografamos e subimos os achados á plataforma de Surf Rider. Aprendemos pautas básicas e respectuosas para realizar limpezas e rexistros posteriores.

Dinámicas complementarias

Ademais das dinámicas participativas que se desenvolven en cada unha das actividades, dedícase parte dos talleres para crear ferramentas útiles para que o centro educativo poida replicar a actividade ou crear novas accións educativas dentro da conservación mariña a partir dos contidos e recursos abordados. Este aspecto compleméntase co seguimento desta continuidade a través dunha reunión en liña co centro educativo no mes de xuño.

Unha vez finalizados os talleres nos diferentes centros, compartirase o traballo e as accións realizadas en cada un deles para facer unha posta en común dos resultados a través dunha memoria final e ter unha visión global do coñecemento do medio mariño e as propostas de divulgación e conservación que foron levadas a cabo.

Cando:

Dende o 07/04/2025 ata o 31/05/2025

Inscricións:

Dende o 17/03/2025 ata o 08/04/2025

Inscrición a través da ficha específica.

Contacto:

Servizo Municipal de Educación

educacion@coruna.gal

981 184 200 (ext. 10179)

Requisitos:

Desde a entidade organizadora adáptanse á dispoñibilidade do centro para agendar as datas das actividades. Preferentemente, realizarase primeiro o taller na clase, entre os meses de abril e maio, e con posterioridade o taller na contorna natural, entre maio e xuño.

Sempre se buscará a posibilidade de levar a cabo o taller na contorna na praia máis próxima ao centro educativo para poder achegarse a ela camiñando, sen necesidade de transporte extra.

Organiza:

13 Grados S Coop Galega

13gradosvigo@gmail.com

www.13grados.com

666 457 285 (Silvia Iglesias)

Documentos relacionados

  • Do mar á clase e da clase ao mar: presentación e actividades (3 MB)
  • Do mar á clase e da clase ao mar: planificación (190 KB)

Descargar ZIP cos documentos relacionados.

Teléfono de asistencia técnica da web educativa municipal (981 902 327)

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible