10 de julio de 2024
A alcaldesa fíxolle entrega do galardón a Fina Baliñas, enfermeira e activista contra a desestigmatización da sida e do VIH
Rey destacou o seu traballo sanitario e social, como activista en prol dos dereitos dos seus pacientes ao tempo que pola mellora dos tratamentos
O Palacio de María Pita acolleu esta tarde a cerimonia de entrega do Premio Tomás Fábregas na súa primeira edición. A enfermeira Fina Baliñas foi a primeira galardoada polo seu labor contra a desestigmatización da sida e do VIH.
O premio Tomás Fábregas é unha iniciativa posta en marcha este ano 2024 polo Goberno de Inés Rey co que de forma anual o Concello recoñecerá a unha persoa, administración ou entidade vinculada á defensa dos dereitos das persoas LGTBI+. A alcaldesa, Inés Rey, destacou a importancia de que leve o nome de Tomás Fábregas: "un referente para a nosa cidade mais tamén para o conxunto de España, facéndolle honra polo seu compromiso cos dereitos humanos".
Fina Baliñas era enfermeria do Hospital Universitario da Coruña, impulsora da unidade específica do VIH. Ademais, era a primeira persoa en atender os pacientes logo do diagnóstico positivo. "A súa dedicación transcendía a atención sanitaria e o labor médico. Era unha dedicación humana, sendo en moitas ocacións a única persoa que acompañaba os e as pacientes nos seus últimos momentos" sinalou a alcaldesa. Fina Baliñas recibiu o pasado ano outro recoñecemento polo seu traballo en prol do colectivo da man de ALAS Coruña baixo o nome Elisa e Marcela.
Rey destacou o seu traballo sanitario mais tamén social, loitando polos dereitos dos seus pacientes ao tempo que pola mellora dos tratamentos: "Fina non só foi unha profesional de referencia, foi un faro de esperanza e humanidade para moitas persoas". Sinalou que o galardón representa un recoñecemento ao equipo profesional que acompañaba a Fina Baliñas, como Ángeles Castro, Álvaro Mena, Pilar Vázquez, as enfermeiras así coma o doutor Domingo Pedreira, xefe de servizo de medicina interna do CHUAC con quen Fina puxo en marcha a unidade específica de atención.
A galardoada dedicoulle o premio ás compañeiras e compañeiros de unidade, enfermeiras e colectivos que a acompañaron durante a súa traxectoria profesional, así como á súa familia. "Nunca me transmitiron medo ou preocupación por onde eu traballaba, ao contrario, sempre me apoiaron ao cen por cen" sinalou Fina. Sobre o apoio aos pacientes, a galardoada referiuse á complexidade da parte humana: "axudar a morrer era unha tarefa moi difícil, sobre todo porque eran persoas da nosa idade, perosas que coñeciamos da rúa".
Fina rematou reivindicando os pasos acadados polo colectivo LGTBI+ e na protección do sistema sanitario universal: "Todos nós temos na man a posibilidade de defender sempre a sanidade pública". Agradeceulle á alcaldesa, Inés Rey, en nome do Concello que lle concederan o premio Tomás Fábregas. "Moitas grazas por crear este premio tan merecido para Tomás. É unha honra, porque foi tan pioneiro nesta loita e ser eu a primeira pois xa poden imaxinar o feliz que me fai" concluíu.
Á cerimonia asistiron representantes de entidades LGTBI+, veciñais e vinculadas ao sector sanitario. Tamén membros da corporación e subdelegada do Goberno, María Rivas. A alcaldesa estivo acompañada pola concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, e destacou a presenza de Domingo Díaz Docampo, autor do documental "Tomás Fábregas: fighting barriers". "Este Salón de Sesións é hoxe unha mostra da verdadeira sociedade coruñesa, aquela que respecta e entende a todas as persoas coma os seus iguais e que defende e ama a liberdade, sen xulgar nin estigmatizar" concluíu. Ademais, o coro 'Coruña Cores', unha iniciativa cultural nada da man da asociación Les Coruña, interpretou tres cancións.
Tomás Fábregas, referente coruñés
O premio concedido polo Concello leva o nome de Tomás Fábregas, coruñés residente en América do Norte desde finais dos anos 70 e que foi un activista recoñecido pola súa loita contra o VIH.
No 1984, o diagnóstico de VIH supoñía un grave problema médico aparellado a un estigma social. Na actualidade, grazas aos avances nas terapias antirretrovirais, o VIH pasou de ser unha enfermidade mortal a unha condición crónica. "Unha conquista médica paralela á propia conquista social liderada por asociacións e colectivos coma CASCO, traballando pola desestigmatización das persoas seropositivas. E ao igual que Tomás, Fina Baliñas foi unha delas" sinalou Rey.
Con 34 anos, Tomás Fábregas tomou a palabra no III Congreso Mundial sobre o síndrome de inmunodeficiencia adquirida (SIDA), que tivo lugar en Ámsterdam no 1992, para denunciar a situación das persoas seropositivas, especialmente as estranxeiras. Rey lembrou que o discurso percorreu o mundo, facéndose eco diversos medios de comunicación estatais e internacionais: "serviu como mobilización das persoas LGTBI+ mais tamén de todas aquelas que defenden a non discriminación desde a igualdade".
A "Árbore da Vida", de Regal Cerámica
O premio Tomás Fábregas entregado esta tarde é unha peza de Regal Cerámica, firma galega recoñecida co Premio Nacional de Artesanía en 2011, na que se representa unha árbore da vida: "un símbolo de loita, crecemento e conexión á terra co que tamén queremos reivindicar a vinculación de Tomás coa Coruña" explicou a alcaldesa.
Ademais, a rexedora sinalou que a árbore garda unha especial conexión con Tomás Fábregas pola súa loita pola vida, que o acompañou a maior parte da súa traxectoria vital. "Nesta ocasión, esta 'Árbore da Vida' tamén simboliza a dedicación de Fina, quen desde 1984 traballou incansablemente non só para salvar vidas, senón para acompañalas" engadiu.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible